sexta-feira, 18 de maio de 2012

Día Internacional dos Museos #DIM2012

Todos os anos desde 1977, o 18 de maio celébrase en todo o mundo, o Día Internacional dos Museos "para concienciar ao público da importancia dos museos no desenvolvemento da sociedade", isto di o ICOM (Consello Internacional de Museos) organización internacional non guvernamental dentro da UNESCO, organizadora desta data. Cada ano propón un tema para guiar aos museos nas actividades ao redor dese día, este ano o tema é: "Museos no mundo cambiante: novos retos, novas inspiracións". Na era dos novos medios de comunicación, existen novas maneiras de transmitir, de informar e de ensinar, hoxe en día na era da internet e sobre todos das redes sociais os museos teñen necesariamente que adaptarse. O contexto da crise económica-capitalista tamén supón un novo desafío: chegar ao público con baixo custe.
Neste mundo en mudanza o Museo Etnolóxico tivo novas inspiracións: utilizar por un lado as plataformas da internet con custe cero para poder continuar publicando noticias e difundindo as súas actividades nos blogues baixo a plataforma gratuita de blogger, por un lado o do propio Museo: Museo Etnolóxico Ribadavia , e por outro o da Biblioteca do Museo. A utilización de plataformas gratuitas as veces limitan as publicacións, as redes sociais e a web 2.0, axudáronnos a superar novos desafíos: por un lado publicar documentos: folletos de exposicións, índices de revistas que forman parte dos fondos da biblioteca, indices, sumarios e portadas de novidades editoriais , breves vídeos de presentación de exposicións e obradoiros, fotos das diversas actividades.
Temos abertas contas nas seguintes redes sociais:
-para incluir pdf na rede social issuu:
 http://issuu.com/museoetnoloxicoribadavia
-para subir power point e pdf utilizamos slideshare:
http://www.slideshare.net/museoetnoloxico/edit_my_uploads
-os audios en mp3 de xornadas e reunións no canal do Museo en ivoox:
 http://www.ivoox.com/escuchar-museo-etnoloxico-ribadavia_nq_14051_1.html onde se poden escoitar as conferencias e debates da xuntanza de bibliotecas especializadas organizada polo Museo
-a información de difusión en formato vídeo no canal de youtube:
http://www.youtube.com/user/museoetnoloxico?feature=results_main
-as reportaxes fotográficas en formato jpg, png  na rede social filckr:
http://www.flickr.com/photos/74240853@N02/
 http://www.flickr.com/photos/bibliotecamuseoetnoloxico/

Todas estas redes sociais teñen  a vantaxe de que calquera pode compartillar estes documentos o que facilita a súa visibilidade, ademáis de posicionar a información do Museo Etnolóxico nos grandes buscadores.

Un dos canais de comunicación directa é a páxina e de facebook: http://www.facebook.com/pages/MUSEO-ETNOLOXICO-RIBADAVIA/179525058772680 , ao ser unha páxina e non un perfil (ainda que tamén temos) calquera pode acceder á información, ainda que non esté rexistrado en facebook, tentamos actualizar cada día, aportando contidos non só de actividades senón tamén difundindo os fondos do museo e da súa biblioteca.
código qr blogue Museo

   qr blogue Biblioteca Museo
Con motivo do Día Internacional dos Museos 2012 creamos dous códigos bidi ou códigos qr  un para o blogue do Museo e outro para o blogue da Biblioteca do Museo (os códigos qr son códigos de barras de resposta rápida, permiten con un lector de móvil entrar directamente no blogue).
Ademáis abrimos un conta en twitter @museoetnoloxico para ,a través dos #hastag que se van creando, incluir as actividades do Museo e da Biblioteca, como no hastag para este Día Internacional dos Museos #DIM2012, desde o momento que o empezamos a utlizar aumentaron considerablemente as visitas ao blogue do Museo o que demostra a súa eficacia como canal de comunicación.

Non podemos esquecer o acceso ao catálolgo de moitas das pezas do Museo Etnolóxico a través do portal da Red Digital de Colecciones de Museos de España (CERES. Colecciones en Red) http://ceres.mcu.es/pages/SimpleSearch?index=true incluindo na búsqueda: etnologico ribadavia. Así como o acceso aso fondos bibliográficos da Biblioteca do Museo a través do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia http://rbgalicia.xunta.es/index2.php?ap=33&subApartado=63 .

sexta-feira, 4 de maio de 2012

Sobre o viño do Ribeiro

Cartaz
Os días 4, 5 e 6 de maio celébrase a 49ª edición da Feira do Viño do Ribeiro. A importancia do viño do Ribeiro ao longo da historia é evidente se rastrexamos a bibliografía tanto de historiadores como de escritores, que fan louvanza do su valor agrícola e comercial,. Desde Cervantes, o Licenciado Molina, Jean de Froissat, Fernando Colón, Rodrigo Méndez Silva, moitas destas mencións aparecen referenciadas no libro de Samuel Eiján: Historia de Ribadavia y sus alrededores, que se pode consultar en liña en Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, picando AQUÍ, e procurando nas páxinas 341 a 360 Samuel Eiján describe e documenta a celebridade, excelencia e comercialización dos viños do Ribeiro.

Fichas. Rubén García

 O viño tamén é tema de estudo fundamental nas investigacións de historiadores e estudosos locais como Leopoldo Meruéndano Arias no seu libro: Los judios de Ribadavia: origen y vicisitudes de las antiguas cuatro parroquias..., do medievalista Rubén García, cuxo Fondo bibliográfico e documental está depositado no Museo Etnolóxico, ten varios artigos publicados en revistas e xornais como éste publicado en La Región en 1965: "El valor del vino del Ribeiro en el siglo XII y en el XVII", no que escribe Rubén: " En el año 1133... vendiendo un litro de ese vino ribeirán podían adquirirse: 8 besugos, o múgiles grandes, 5 merluzas pequeñas , un ciento de sardinas, siete docenas de ostras... Juan Fajardo de Guevara... cumpliendo órdenes del Rey mandó comprar en 1627 nada menos que 1200 moyos de vino del Ribeiro por ser el de mejor calidad y el que más se conserva y entretiene sin avinagrarse ", podedes ler AQUÍ o artigo completo. Outras investigacións de Rubén García, están ainda inéditas, coma unha serie de máis de 30 fichas que titula: "Textos en col do viño do Ribeiro" nas que foi anotando referencias e citas bibliográficas sobre o viño do Ribeiro que ía encontrando en distintas fontes documentais desde novelas até libros municipais, na foto podedes ver algunhas destas fichas. José Puga Alonso, corresponsal de La Región no Ribeiro e cronista da vila de Ribadavia (cuxo fondo documental foi doado ao Museo Etnolóxico, onde se pode consultar) escribiu en 1979: "Del Bino e la Bendimia. De las Ordenanzas Municipales de Ribadavia en el siglo XVI", este artigo publicado en La Región con motivo da "XVI Feria Exposición"  podedes lelo completo AQUÍ, a transcrición completa das Ordenanzas Muncipais feitas por Parrila Hermida pódense consultar no Fondo Documental de Rubén García.


punto de consulta bibliográfica na sala de exposición
Incluso historiadores de fóra de Galicia, están a investigar sobre a comercialización do viño do Ribeiro, o  nº 12 de Cadernos de Ribadavia, publica un estudo da profesora da UNED de Madrid, Ana Mª Rivera Medina sobre a comercialización do viño do Ribeiro no País Vasco: "Trujeron Ribadavias á vila: o viño do Ribeiro en Bilbao (1399-1550)", e o profesor Juan Uría Maqua no nº 8 desta mesma publicación seriada expuña as súas inverstigacións sobre o viño do Ribeiro en Asturias: "O Ribeiro en Asturias: problemática da comercialización do viño do Ribeiro".

 Con motivo da exposición: "Lagares rupestres: pegadas da historia vitivinícola en Galicia", que se pode visitar no Museo Etnolóxico, ao longo deste mes de maio, colocamos na mesma sala da exposición un punto de consulta bibliográfica e documental, de acceso libre, con fondos da Biblioteca do Museo sobre o viño do Ribeiro, podedes sentarvos a  ler, a consultar e a investigar. Ademáis deste punto de consulta en tres vitrinas colocamos documentos históricos importantes para o estudo do viño no Ribeiro: Cartilla de vinificación, Estatutos da Cooperativa Nosa Señora do portal,, Reglamento do Consello Regulador, Guía práctica para consignatarios corredores de vino de 1914, Cartilla vinícola e Conclusiones de la Cuarta Asamblea Agrícola Gallega de 1912, podedes ver fotos da exposición no flickr AQUÍ.
 No Catálogo da Biblioteca do Museo AQUÍ procurando polas materias: viño, viticultura, vinicultura, ribeiro podedes ver parte da bibliografía que sobre esta materia temos na biblioteca.

terça-feira, 17 de abril de 2012

Liberando libros = bookcrossing

logo do movimento bookcrossing
O bookcrossing é un movimento global cuxo obxectivo é convertir calquera parte do mundo nunha biblioteca, na que calquera persoa se poida encontrar con un libro, collelo e gozar coa súa lectura, as súas imaxes, a súa encadernación... todo de forma voluntaria e gratuita.
 En España coñécese co nome de liberación de libros, a acción consiste en deixar libres aos libros para que circulen, se crucen e viaxen dun lugar a outro: desde Ribadavia a Porto, pasando por Santiago de Compostela e chegando a New York. Na páxina de bookcrossing en español podedes ver toda a información http://www.bookcrossing-spain.com/ .

O 20 de abril para celebrar o Día Internacional do Libro (23 de abril) 71 Bibliotecas de Museos de toda España concordamos para facer unha liberación masiva de libros: os libros saen das bibliotecas para ocupar as rúas, parques, monumentos, cafeterías, supermercados, bancos, paradas de buses, estacións de trens... esperando a ser "cazados" por alguén, gozar deles e volvelos a soltar en calquera lugar, onde outra persoa os volva "cazar". Este é o xogo: que os libros circulen.



Este ano a Biblioteca do Museo Etnolóxico únese a este bookcrossing, xunto coas Bibliotecas de outros museos de Galicia: Museo de Belas Artes de A Coruña, Museo do Humor de Fene, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Centro de Arte Contemporáneo de Galicia (CGAC), Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), Museo da Marioneta de Lalín e a Fundación Granell de Santiago de Compostela.

liberación en Porto
A Biblioteca do Museo Etnolóxico vai liberar maioritariamente libros editados polo propio Museo, sobre todo catálogos de exposicións, mais non só.... podedes ver todos os libros que serán liberados, o lugar (Ribadavia, Carballiño, Ourense, Pontevedra, Vigo) e a hora de liberación AQUÍ. O sábado día 14 fixemos unha liberación na cidade do Porto e o domingo poidemos comprobar que alguén xa se interesara polo libro onde estará?

Nesta páxina http://www.bookcrossing.com/ , que funciona como calquera rede social, as persoas ou institucións rexístranse para participar activamente neste movimento ben rexistrando e liberando libros, ben cazando, ben soltando de novo libros, isto permite seguir o percorrido do libro e saber onde está calquera libro que che poida interesar, pódense facer buscas por título, autor, lugar, categorías http://www.bookcrossing.com/search.


Cada libro que viaxa liberado leva unhas tarxetas ou pegatinas identificativas con un número BCID, que se xenera no momento de rexistrar o libro na páxina web http://www.bookcrossing.com/, este número que vai marcado nunha das pegatinas no interior do libro, é o DNI do libro. Ademáis das pegatinas, protexemos o libro cunhas bolsas de plástico porque case todos os libros liberados pola Biblioteca do Museo Etnolóxico serán liberados en lugares públicos e o aire libre, pois a idea é que cheguen as mao de calquera.

pegatina co número de identificación

Un libro liberado sempre quere ser cazado e liberado de novo, non quere aburrirse na estantería dunha casa, quere ter vida. 

Se cazades ou vos encontrades con algún libro do Museo Etnolóxico gustaríanos que nolo fixerades saber, ben a través da páxina de bookcrossing, ben neste blogue ou na páxina de facebook do Museo


libro preparado para ser liberado

quinta-feira, 22 de março de 2012

Compartindo espazos expositivos


Como propuñan os compañeiros: Emilio, da Biblioteca do Museo Etnográfico de Castilla y León, nunha entrada do blogue das Bibliotecas Especializadas de Zamora, e Xulio da Biblioteca do Museo Marioneta no blogue Biblioteca Marioneta, as bibliotecas de museo temos a necesidade e a urxencia de invadir espazos expositivos.

Neste caso a Biblioteca do Museo Etnolóxico, máis que unha invasión atendeu a unha chamada para invadir un espazo expositivo. Esta chamada foi por parte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que colabora na exposición: "Lagares rupestres. Pegadas da historia vitivinícola en Galicia”, que se pode visitar no Castelo de Santa Cruz en Oleiros até finais de marzo.Na exposción amósanse a través de fotografías as estruturas destes lagares rupestres e a súa localización en puntos como: Oimbra, Carballeda de Avia, Ribadavia.... co obxectivo de dar a coñecer e así conservar estas "pegadas da historia".

Para completar a exposición desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico aportamos unha escolma de publicacións, documentos, folletos, anuncios en revistas... sobre a longa historia vitivinícola do Riberio, unha das denominacións máis antigas de Galicia. En diversos documentos da Idade Media e Moderna xa se fala da regulación da produción e comercialización do viño do Riberio, sen esquecer que literatos como Miguel de Cervantes recoñecen a calidade dos caldos do Ribeiro.


Entre os documentos que se poden ver na exposción destacamos polo seu valor tanto bibliográfico como histórico: as "Conclusiones de la cuarta Asamblea Agrícola Gallega", celebrada en Ribadavia en 1912, documento do que quedan moitas poucas copias, polo seu valor tivemos que enviar unha copia da portada e dos primeiros puntos nos que se dan recomendacións para a reconstitución das vides galegas con porta-inxertos de vides americanas, despois da peste da filoxera, o
 documento orixinal consérvase no Depósito da Familia Meruéndano. Como mostra de publicidade un anuncio de "vinos del Rivero" publicado no nº 64 de 1914 da revista "Vida Gallega". Na portada da prensa local "El Ribadaviense" en 1934 dábase a noticia da creación e ubicación da Estación Etnolóxica Galega, que continúa funcionando, na comarca do Ribeiro "por sus antecedentes, por su situación y por ser la capital del centro vitícola regional más importante". Como material inédito sen publicar o traballo fin de carreira do arquitecto Antonio Rodríguez Alemparte sobre "Construcións do viño na comarca do Ribeiro". Pódese ver tamén a parte de arquitectura e deseño do proxecto do Museo Galego do Viño, deseñado por E-Burbulla. Ademáis destes e outros documentos, unha escolma bibliográfica de viticultura e vinicultura, apoio documental imprescindible para o estudo da produción, elaboración, e comercialización do viño ao longo da historia desde a prehistoria até a actualidade.
Desde aquí agradecer ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro a súa proposta de colaboración, e co desexo de seguir colaborando con estas e outras institucións, asociacións e organizacións en favor da difusión da nosa cultura.
Gústanos que se nos vexa dentro e fóra do espazo do Museo.

terça-feira, 13 de março de 2012

O barallete: fala secreta dos afiadores


Fai anos cando cheguei ao Museo Etnolóxico atopei esta nota, que vedes na foto, escrita en barallete (anónima de remitente e destinatari@)), parece que a  persoa que a escribiu non era afiador, e utilizaba o barallete como un código secreto. Grazas ás redes sociais conseguín unha tradución, que fixo Luz Méndez:
"Amada raiña. A min pobre tolo, ti ben me coñeces, espértasme, muller, a loucura, toleo, chego ó ceo, muller bonita. És a muller da que namoro, santa raiña. Corazón ben querida. Catarte, catarte e morrer. Boca fermosa. Un bico e morrer”. 
Se queres escoitar falar barallete pica AQUÍ é unha gravación de Alan Lomax.

 


O barallete, linguaxe gremial dos afiadores, sobre todo da provincia de Ourense, mais sen esquecer que éste era un oficio de xente ambulante, polo tanto extendeuse por toda Galicia, Europa e sobre todo Sudamérica, onde emigraron moitas xentes ourensás. Xosé Ramón e Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) recolleu un vocabulario do barallete falado na zona de Nogueira de Ramuín (Ourense) cerca de 900 palabras, sobre todo sustantivos e verbos. Ben-Cho-Shey deixa claro que é difícil conseguir un vocabulario completo, ben porque hai moitas variantes e ben polo “segredo gardado polos que o empregan” “dóelles e máncalles o ver que alguén, alleo ó seu oficio, lles fala na súa xerga”. Este vocabulario e estudo filolóxico do barellete, incluindo semellanzas con outras linguaxes gremiais podemos atopalo no libro: Santa Marta de Moreiras , posteriormente publicáronse por un lado, unha separata en 1969 pola Editorial Castrelos de Vigo, e unha edición facsimilar de finais do anos 80 do século XX da Deputación de Ourense ambas tituladas: “O barallete”.



Jorge Rodrígues define ás xírias gremiais coma “o conjunto de códigos verbais especiais, derivados da língua comum, que fôrom gerados (em muitos casos, já na Idade Média) no seio de certos colectivos profissionais de carácter tradicional (na Galiza, por exemplo, afiadores [baralhete], alvanéis [verbo dos chafoutas], pedreiros [verbo dos arguinas], telheiros [verbo dos cabaqueiros], músicos [verbo dos xingreiros]...) com a finalidade de se impedir a inteligência das mensagens a indivíduos alheios ao ofício”.




Máis información sobre o barallete:
*Ben-Cho-Shey: Santa Marta de Moreiras: monografía dunha parroquia ourensán (1925-1935). Vigo: Castrelos, 1968 [hai outra edición de 1982 de Ediciós do Castro]
*Ben-Cho-Shey: Barallete. Vgo: Castrelos, 1969 [separta do libro Santa Marta de Moreiras]
*Ben-Cho-Shey: O Barallete. Deputación de Ourense, 198? [edición facsimilar]
*Fidalgo Santamariaña, Antón: Raigame.  nº 6
*Fidalgo Santamariña, Xosé Antón: O afiador. Vigo: Ir Indo, 1992
*Fidalgo Santamariña,   Xosé Antón: “O «Barallete»: linguaxe especial de oficio dos afiadores ambulantes ourensáns”. En: Raigame. Revista de arte, cultura e tradicións populares, nº 6, 1998. [este número esta adicado aos afiadores]. En liña: http://www.ccpxaquinlorenzo.es/index.php?option=com_phocadownload&view=category&id=1%3Arevista-raigame&Itemid=37&lang=es
*http://gallegosporelmundo.wordpress.com/2010/01/16/barallete/

quinta-feira, 16 de fevereiro de 2012

Máscaras do Entroido ourensán


troteiros de Bande. Autor Seadur. En CERES
Caro Baroja no seu traballo “El Carnaval” inclúe ás máscaras ourensáns dentro da categoría de máscaras fustigadoras  pois di "son los encargados de golpear y expulsar únicamente”.
Ainda hoxe as investigacións non se poñen de acordo na orixe destas máscaras, mais, como indica Federico Cocho “o encanto destas máscaras descansa, en boa medida, na súa misteriosa orixe. Sexa prehistórica, romana, medieval ou do século pasado”.  Bouza Brey defendía que as “mazcaras” tiñan a súa orixe en cerimonias máxicas prehistóricas comparándoas coas que levan nas danzas totémicas as tribus indíxenas americanas, africanas ou de Australasia. Caro Baroja falaba dunha orixe romana das festas Lupercais. Enrique Bande relaciónaas co carácter profano que acompañaba ás festas do Corpus, que debido as proibicións por parte da igrexa, a xente derivou cara esta festa totalmente pagana e González Reboredo explica a orixes destas máscaras tamén desde o cristianismo, contrapondo a parte carnal á parte espiritual.
Eladio Rodríguez González no  “Diccionario enciclopédico gallego-castellano”, Galaxia, 1958-1961, fala de botargos, cigarrós, charrúas, choqueiros, murrieiros, peliqueiros.
Bouza Brey no artigo publicado en Galicia Emigrante: cigarróns, felos, murrieiros, choqueirso, charrúas, irrios, guirrios, troterios, borralleiros, foleiros, zamarucos, boteiros, jarelos, maruxas, safurdán…

O fotógrafo Fernando Seadur García Fernández “Seadur” actualmente é un dos importantes retratadores dos distintos Entroidos, no Arquivo Fotográfico do Museo pódense consultar algún destes documentos grazas a doazón feita polo propio autor, no flickr de Seadur AQUÍ  podedes ver fotos do Entroido tamén deste ano 2012.
No catálogo de fondos do Museo en CERES  introducindo a palabra ENTROIDO, podedes ver documentos fotográficos de varios Entroidos.
 Nestes días se percorremos a provincia de Ourense podemos encontrar entre outras estas máscaras, nos enlaces podedes ver fotografías e vídeos que aparecen en internet: (dos peliqueiros, cigarróns e pantallas xa non é preciso)
-Peliqueiro de Laza
-Cigarrón de Verín
-Pantalla de Xinzo de Limia
-Troiteiro de Bande cubre a cara cun pano bordado, sombreiro  adobiado con pequenos espellos e as postais que enviaban os emigrantes ou os soldados. Bouza Brey fai a descrición máis antiga desta máscara.
-Felo de Maceda, Maside, Boborás
 -Vergalleiro de Sarreaus
-Boteiro de Vilariño de Conso, A Gudiña
-Vellarón de Castrelo de Cima (Riós)  http://www.flickr.com/photos/xindilo/4359817491/ . Vellarois ou vellaróns na frontera portuguesa
-A Pita de Eiroás
-O Zarramanculleiro ou Zarramonculleiro de Cualedro http://www.youtube.com/watch?v=w7YlJqsXfXE
 
 Deixamos algunha bibliografía por se queredes afondar no misterioso tema das máscaras do Entroido, todos os documentos pódense consultar na Biblioteca do Museo.
-Bouza Brey: “Las viejas máscaras de Galicia”. Vida gallega nº 671, 1955
-Bouza Brey: “Máscaras arcaicas”. Galicia emigrante, año 2, nº 8 (1955) pp. 4-6 e  p. 16
-Caro Baroja: “Máscaras fustigadoras: máscaras gallegas”.  En: El Carnaval : (análisis histórico-cultural) . Alianza, 2006, pp. 408-411
-Dasairas Valsa, Xerardo: “Entroidos y máscaras del sureste orensano”. Narria, nº 79-80, 1997
-Cocho, Federico: “O carnaval en Galicia”. Xerais, 3ª ed. 2008