sexta-feira, 28 de outubro de 2011

Outono fotográfico


O mércores 26 de outubro inaugurouse a 29 edición do Outono fotográfico 2011 adicada este ano a Benito Losada, como di na páxina do Outono fotográfico 2011: "imaxinou e puxo en marcha o Outono fotográfico, que dirixiu durante 28 anos e no que expuxeron máis de 3000 fotógrafos e fotógrafas".
O Outono fotógráfico é un referente da fotografía en Galicia, o Museo Etnolóxico participou activamente en diferentes edicións unhas veces acollendo nas súas salas exposicións de fotografas/os e outras organizando exposicións nas que se fai un folleto propio como o que aparece na fotografía do Outono fotográfico de 1999 cunha exposción de Santiago Míguez Amil. Este ano 2011  homenaxe a Benito Losada non podía faltar o museo, que participa coa exposición: "A mirada dos espazos", pódese ver a ficha informativa AQUÍ .
Na Biblioteca do Museo Etnolóxico, pódense consultar os cartaces, folletos e catálogos de distintas edicións do Outono fotográfico, na fotografía podedes ver a portada do catálogo do Outono fotográfico de 1987 en forma de calendario para o ano 1988, deseño de Planos/Ourense: catálogo, folleto e calendario nun  mesmo documento, a isto chámaselle rendabilizar recursos. Xa naquel Outono fotográfico se destacaba a participación de institucións, entidades e fotógrafos ourensáns "poucos serán os que non teñan algo que ver nalgunha das múltiples actividades previstas, nunca houbo tantas -16 exposicións, 5 audiovisuais, 4 cursos e 2 encontros- nin con tanta calidade. Se algo é evidente é que, ano tras ano, a fotografía ten maior presencia e máis peso dentro da dinámica cultural da nosa cidade".      

terça-feira, 4 de outubro de 2011

A revista "Vida Gallega"


"Vida Gallega" foi unha revista ilustrada, onde apareceron fotografados os máis importante acontecementos sociais, culturais e políticos de Galicia e da comunidade emigrante galega. Foi fundada en Vigo en 1909 por Jaime Solá Mestre, a primeira época será até 1938, tendo unha segunda época de 1954 a 1963.
En "Vida Gallega" colaboraron os máis sinalados fotógrafos de cidade: Jaime e José Pachco, Pintos, Ksado, Avrillon, Gil, Guerra... fotógrafos de vila: de Ribadavia Foto Chao (arquivo que forma parte dos fondos fotográficos do Museo Etnolóxico), así coma fotógrafos afeccionados: Varela, Xesta, o mesmo Jaime Solá...
A importancia desta revista para o estudo histórico, sociolóxico e antropolóxico de Galicia, levou a que Edicións a Nosa Terra, Promocións Culturais  Galegas e a Fundación Caixa Galicia publicaran en varios tomos a Crónica gráfica de "Vida Gallega", baixo o título: As imaxes da "Vida Gallega".

Na Bibliotecas do Museo temos unha considerable cantidade de números orixinais da revista, todos ingresaron por doazón: Familia Meruéndano, José Sánchez Bello, Asociación Abrente e Francisco Fumega. Podesdes ver todos os números que temos AQUÍ.

Ademáis adquirimos por compra os tomos: I, II, III, IV, V e VI da publicación As imaxes da "Vida Gallega" , para completar a descripción e catalogación de algunhas fotos do Arquivo Fotográfico do Museo.Tanto os orixinais como as reproducións de "Vida Gallega" pódense consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico de luns a venres en horario de 9 h. a 15 h., ou ben por correo electrónico rosa.lamas@xunta.es.
Na biblioteca dixital de Galicia: Galiciana na sección de Hemeroteca pódense consultar a texto completo, descargar e imprimir os números de Vida Gallega desde 1909 a 1921.