quarta-feira, 16 de outubro de 2019

Festexamos o Día da Biblioteca no Museo Etnolóxico



No día 24 de outubro de 1992 durante o conflito dos Balcáns, a Biblioteca de Saraievo, coñecida como Vijecnica, foi incendiada por un profesor usuario da Biblioteca, desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca para resaltar a importancia das bibliotecas como centros de encontro, conservación e difusión da diversidade cultural.


Fachada da Biblioteca de Saraievo en 2016


Para celebrar esta data neste 2019 desde unha Biblioteca Especializada como é a Biblioteca do Museo Etnolóxico, queremos mostrar a todo o público o interesante patrimonio conservado nestas bibliotecas tan pouco coñecidas: difundiremos como reflectimos na nosa tradición oral e escrita a relación co medo e coa morte (lendas, contos, ditos, feitos ...), esculcaremos no particular fondo documental e bibliográfico da Biblioteca documentos singulares conservados case por casualidade e descubriremos distintas Bibliotecas Especializadas de Galicia e España a través das intervencións de profesionais que alí traballan. 

 
PROGRAMA:
 
outubro

-Espantamos o medo”: talleres con clubs de lectura de bibliotecas escolares, sobre contos e lendas arredor do medo: lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos, santa compaña, aparecidos, rituais fúnebres...
Clubs de lectura participantes: Club de Lectura Maquiáns (IES O Ribeiro de Ribadavia), Club de lectura do IES A Cañiza e Club de Lectura Muchacha lectora (CPI da Cañiza).


xoves 24 outubro mañá 
 
-Reunión de clubs de lectura de bibliotecas escolares no Museo Etnolóxico con concurso de contada, en colaboración coa Noite Meiga da asociación Ribadavia Activa-T.
-Actuación de Brais das Hortas co espectáculo: “Contos de defuntos e outros asuntos”.
(Actividade para os clubs de lectura participantes).


xoves 24 de outubro 20.00 h // sábado 26 de outubro 12.00 h
 
-Visita guiada á Biblioteca do Museo: “Descubrindo documentos singulares” desde almanaques, a álbums de cromos, minicontos, comedias soltas do S. XVIII, catálogos de tendas, revistas de moda do S. XIX, folletos... que información nos achegan?
(Actividade para todos os públicos, de balde, previa inscrición).


venres 25 de outubro 18.00 h

-En lembranza da nosa compañeira e coautora Araceli Corbo, presentación do libro: “Xornada sobre bibliotecas especializadas (actas 2010, 2013 e 2016)”.
No libro recóllense as experiencias de profesionais de bibliotecas especializadas de toda España, co obxectivo de visibilizar os fondos documentais e bibliográficos conservados neste tipo de bibliotecas.
Remataremos cunha visita ao Museo do Viño de Galicia.
(Actividade para todos os públicos)



Para máis información e para inscribirse  988788720  mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal


terça-feira, 17 de setembro de 2019

Libros presentados no Museo Etnolóxico 2019

O martes 13 de agosto de 2019 ás 20.30 h presentouse no Museo Etnolóxico o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra.



Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado. 
 

Francisco Almarcha, antropólogo, filólogo e observador de aves, reside actualmente en Villena (Alacante). Desde 1992 é profesor de Lingua e Literatura Castelá e desde 2010 de Antropoloxía no Departamento de Humanidades contemporáneas da Universidade de Alacante. Especialmente interesado nas interrelacións entre animais humanos e non humanos, publicou diferentes artigos, tanto académicos como divulgativos, nos que mostra o seu compromiso conservacionista. No ano 2017 leu a súa tese doutoral ( coodirigida por M. Pastor e Garry Marvin) na Universidade de Alacante sobre o turismo e o lobo na serra da Culebra.




Sábado 14 de setembro de 2019 ás 21.00 h no Museo Etnolóxico, con motivo da XIV Baixada Carrilanas Ribadavia presentouse o libro:
"GELDI 2011-2017. DESCENSOS DE GOITIBEHERAS",
 


"goitibeheras" chámaselle en vasco ás carrilanas, Usue Arrieta e Vicente Vázquez defínenas como "vehículos autoconstruídos sen motor que se utilizan para descensos por carreteras asfaltadas. Creadas a partir de restos de maquinaria ou dos sobrantes da industria de automoción, constrúense grazas ao enxeño e os saberes do traballador industrial. A práctica da reciclaxe, a fragmentación, a resignificación e a recontextualización dos elementos materiais que nos rodean, subliñan as capacidades creativas e construtivas propias da modernización. As goitibeheras permítennos coñecer a cultura industrial desde unha óptica que supera a esfera tradicional do traballo e invade a dimensión creativa, popular e colectiva da vida".
  



"GELDI 2011-2017" é o primeiro libro monográfico sobre o fenómeno das goitibeheras en Euskal Herria. A publicación, ideada e configurada como un dispositivo artístico, sérvese dalgunhas ferramentas da etnografía e a fotografía documental para despregar un espazo de reflexión sobre tres das experiencias estéticas máis relevantes da modernidade: o traballo industrial, o tránsito rodado e a fotografía. A obra resultante toma a forma de ficheiro despregable de tres corpos, de serie limitada numerada, editada en éuscaro/castelán e integramente traducida ao inglés. A publicación reúne máis de cen fotografías, dous inventarios completos, ademais dunha serie de textos críticos producidos e/ou traducidos para a publicación.



Venres 20 de setembro ás 20.30 h no Museo Etnolóxico presentación do libro de Lois Ladra: "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"


Escrito orixinalmente en portugués e publicado pola editora transmontano-duriense Lemad’Origem, a obra presenta os resultados do proxecto de estudo e catalogación de case que media centena de muiños de auga implantados nas ribeiras do rio Ocreza, afluente do grande Texo, ao seu paso polo concello de Castelo Branco. A construción dun encoro hidroeléctrico prevía o asulagamento destes enxeños tradicionais, que foron sometidos a un estudo de impacto ambiental orientado desde a perspectiva da Arqueoloxía da Industria.


Lois Ladra (A Coruña, 1972): Arqueólogo e antropólogo. Estudoso do patrimonio cultural galaico-portugués, especialmente nas temáticas relacionadas coa Protohistoria e a Tecnoloxía tradicional. Autor de media ducia de libros e de varias decenas de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Foi galardoado cos premios de investigación “Vicente Risco”, “Ferro Couselo”, “Cátedra”, “Raigame” e “Fermín Bouza-Brey”. Desenvolve a sua actividade profesional como traballador autónomo en diversos proxectos a nivel nacional e internacional.

Estes libros pódense consultar no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia AQUÍ , presencialmente na Biblioteca do Museo Etnolóxico, para calqueira outra consulta por correo electrónico ou por teléfono.

quinta-feira, 30 de maio de 2019

Escolma bibliográfica sobre feiras tradicionais en Galicia

Esta escolma bibliográfica foi elaborada con motivo da exposición itinerante que o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo organiza cada ano con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas e que presenta o día 17 de maio na Romería Raigame en Vilanova do Infantes, adicada a un tema da cultura popular galega.
                                    


Este ano 2019 o eixo da exposición foron as feiras tradicionais, aquelas nas que a transación máis importante era a compra e venda de animais, os paneis centráronse na feiras tradicionais da provincia de Ourense: Allariz, Carballiño, Celanova. o Barco de Valdeorras, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia. Desde o Museo Etnolóxico se elaborou o panel adicado ás feiras de Ribadavia.

O Museo Etnolóxico tamén participou na organización das proxeccións dos filmes que se poideron ver no "Cine Carlos Velo".

 De xuño a setembro a exposición sobre feiras tradicionais e razas autóctonas pódese ver no Museo Etnolóxico.


Escolma bibliográfica sobre feiras tradicionais en Galicia:
 
-Carré, Leandro. (1964). As feiras na Galiza. Revista de Etnografía, v. 2, t. 1, p. 97-124.



-Fraguas Fraguas, Antonio. (1968). Emplazamiento de ferias en Galicia a fines del siglo XVIII. Cuadernos de Estudios Gallegos t. 23, fasc. 70, p. 200-223.



-Gallego Domínguez, Olga. (1987). Ferias y mercados en la provincia de Orense. Boletín Auriense t. 17, p. 131-203.



-González Pérez, Clodio. (1997). Os centros de intercambio tradicionais: feiras e mercados. En Galicia, antropoloxía, v. 24, p. 326-365. A Coruña: Hércules.



-González Reboredo, Xosé Manuel. (2015). Notas sobre as feiras de Galiza. O caso da feira de San Martiño en Francos (Calo-Teo). Portvgalia, Nova Série, vol. 36, p. 217-230.




-Labrada, Lucas. (1971). Descripción económica del Reino de Galicia. Vigo: Galaxia, p. 27, 39, 51, 91, 103, 137, 151.



-Miralbes Bedera, María Rosario e Casas Torres, José Manuel. (1974). Mercados periódicos de Galicia. Distribuición espacial, frecuencia, rango y área de influencia. Santiago de Compostela, Madrid: Universidade Santiago de Compostela, CSIC.



-Saavedra Fernández, Pegerto. (1994). La consolidación de las ferias como fiestas profanas en la Galicia de los siglos XVIII y XIX. En El rostro y el discurso de la feria, Semata nº 6 p. 279-296. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.




-Santos Solla, José Manuel. (1994). Fiestas, ferias y mercados de Galicia. En El rostro y el discurso de la feria, Semata nº 6 p. 297-309. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

 



  Algúns libros onde se poden encontrar fotografías de feiras tradicionais:


-Piñeiro, Antonio (2007). Celanova 1900-1981. Memoria fotográfica. Ourense: Deputación Provincial de Ourense, p. 124-129.



-Rodríguez González, Xosé Manoel. (2010). O Carballiño 1869-1979. Álbum fotográfico da vila do Arenteiro. Ourense: Deputación Provincial de Ourense, p. 118-123.



-Sendón, Manuel e Suárez Canal, Xosé Luis (1992). Álbum Ksado. Vigo: Centro de Estudos Fotográficos.



-Vega Pato, Tomás (2010). A Pobra de Trives 1875-1975. Poñéndolle rostro a un século. Ourense: Deputación Provincial de Ourense, p. 106-108.



-VVAA. (1989). As feiras do Rizo. O Carballiño: Xociviga.



-VVAA. (2004). Imaxes de Galicia: fotografía etnográfica. Homenaxe a Xaquín Lorenzo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia p. 156-183.



Outras fontes de información importantes para documentar as feiras tradicionais son os folletos de festas, os xornais, as follas voandeiras e por suposto a documentación administrativa xenerada nos concellos.

Por exemplo no xornal El Avia do 11/12/1887 decíase isto da feira de Ribadavia:
“La féria que ayer se celebró fué de escasisima importancia; la depreciación del ganado u la carencia absoluta de transacciones mercantiles, nos dicen bien á las claras la crisis lamentable por que nuestro pais atraviesa”, 

porén no xornal El Ribadaviense do 26/11/1904:
“La feria celebrada ayer en esta villa, á pesar de lo desapacible del tiempo, vióse sumamente concurrida, verificándose importantes transacciones , sobre todo en el ganado de cerda.