terça-feira, 17 de setembro de 2019

Libros presentados no Museo Etnolóxico 2019

O martes 13 de agosto de 2019 ás 20.30 h presentouse no Museo Etnolóxico o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra.



Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado. 
 

Francisco Almarcha, antropólogo, filólogo e observador de aves, reside actualmente en Villena (Alacante). Desde 1992 é profesor de Lingua e Literatura Castelá e desde 2010 de Antropoloxía no Departamento de Humanidades contemporáneas da Universidade de Alacante. Especialmente interesado nas interrelacións entre animais humanos e non humanos, publicou diferentes artigos, tanto académicos como divulgativos, nos que mostra o seu compromiso conservacionista. No ano 2017 leu a súa tese doutoral ( coodirigida por M. Pastor e Garry Marvin) na Universidade de Alacante sobre o turismo e o lobo na serra da Culebra.




Sábado 14 de setembro de 2019 ás 21.00 h no Museo Etnolóxico, con motivo da XIV Baixada Carrilanas Ribadavia presentouse o libro:
"GELDI 2011-2017. DESCENSOS DE GOITIBEHERAS",
 


"goitibeheras" chámaselle en vasco ás carrilanas, Usue Arrieta e Vicente Vázquez defínenas como "vehículos autoconstruídos sen motor que se utilizan para descensos por carreteras asfaltadas. Creadas a partir de restos de maquinaria ou dos sobrantes da industria de automoción, constrúense grazas ao enxeño e os saberes do traballador industrial. A práctica da reciclaxe, a fragmentación, a resignificación e a recontextualización dos elementos materiais que nos rodean, subliñan as capacidades creativas e construtivas propias da modernización. As goitibeheras permítennos coñecer a cultura industrial desde unha óptica que supera a esfera tradicional do traballo e invade a dimensión creativa, popular e colectiva da vida".
  



"GELDI 2011-2017" é o primeiro libro monográfico sobre o fenómeno das goitibeheras en Euskal Herria. A publicación, ideada e configurada como un dispositivo artístico, sérvese dalgunhas ferramentas da etnografía e a fotografía documental para despregar un espazo de reflexión sobre tres das experiencias estéticas máis relevantes da modernidade: o traballo industrial, o tránsito rodado e a fotografía. A obra resultante toma a forma de ficheiro despregable de tres corpos, de serie limitada numerada, editada en éuscaro/castelán e integramente traducida ao inglés. A publicación reúne máis de cen fotografías, dous inventarios completos, ademais dunha serie de textos críticos producidos e/ou traducidos para a publicación.



Venres 20 de setembro ás 20.30 h no Museo Etnolóxico presentación do libro de Lois Ladra: "Arqueologia da Indústria Moageira em Castelo Branco. Moinhos hidráulicos no rio Ocreza"


Escrito orixinalmente en portugués e publicado pola editora transmontano-duriense Lemad’Origem, a obra presenta os resultados do proxecto de estudo e catalogación de case que media centena de muiños de auga implantados nas ribeiras do rio Ocreza, afluente do grande Texo, ao seu paso polo concello de Castelo Branco. A construción dun encoro hidroeléctrico prevía o asulagamento destes enxeños tradicionais, que foron sometidos a un estudo de impacto ambiental orientado desde a perspectiva da Arqueoloxía da Industria.


Lois Ladra (A Coruña, 1972): Arqueólogo e antropólogo. Estudoso do patrimonio cultural galaico-portugués, especialmente nas temáticas relacionadas coa Protohistoria e a Tecnoloxía tradicional. Autor de media ducia de libros e de varias decenas de artigos en revistas especializadas e de divulgación. Foi galardoado cos premios de investigación “Vicente Risco”, “Ferro Couselo”, “Cátedra”, “Raigame” e “Fermín Bouza-Brey”. Desenvolve a sua actividade profesional como traballador autónomo en diversos proxectos a nivel nacional e internacional.

Estes libros pódense consultar no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia AQUÍ , presencialmente na Biblioteca do Museo Etnolóxico, para calqueira outra consulta por correo electrónico ou por teléfono.