quarta-feira, 2 de novembro de 2016

Los efectos del seísmo de Lisboa de 1755 sobre el patrimonio monumental de Galicia

Ces Fernández, Begoña: Los efectos del seísmo de Lisboa de 1755 sobre el patrimonio monumental de Galicia. Tesis doctoral UDC 2015. Director: Ramón J. Yzquierdo Perrín. Titor: José Ramón Soraluce Blond. Universidade da Coruña, Escola Técnica Superior de Arquitectura, Departamento de Composición, 2015. 3 volumes. ISBN: 978-84-608-5619-1.


Begoña Ces Fernández, Arquitecta e Máster en Rehabilitación Arquitectónica pola Universidade da Coruña, defendeu en decembro de 2015 a súa tese de doutoramento, resultado dunha investigación desenvolvida durante os últimos cinco anos, na que estudou, dende o punto de vista construtivo e arquitectónico, os efectos do coñecido como O Gran Terremoto de Lisboa do 1 de novembro de 1755 sobre o patrimonio monumental galego.
Obra dispoñible para a súa consulta no repositorio institucional da Universidade da Coruña, na seguinte ligazón permanente: http://hdl.handle.net/2183/15902
A orixe deste proxecto de investigación estivo no estudo da evolución arquitectónica e os procesos de destrución e rehabilitación da igrexa do mosteiro cisterciense de Santa María de Melón, dado que nos estudos histórico-artísticos e arqueolóxicos realizados neste monumento aparecía unha mención a que resultara danada polas sacudidas sísmicas producidas na mañá do primeiro de novembro de 1755. Coa intención de documentar con maior detalle cal podería ser o alcance destes danos e comparalos cos producidos noutros edificios do seu entorno xeográfico, iniciouse unha pescuda por diversos fondos arquivísticos na procura de testemuñas sobre o sucedido. O traballo tamén incluíu a busca das evidencias construtivas que aínda se puidesen conservar dos danos e das rehabilitacións e reconstrucións realizadas no patrimonio afectado polo tremor de terra. Con este traballo péchase a investigación iniciada no ano 2008 sobre o mosteiro de Melón, pero os resultados e conclusións obtidas e plasmadas na tese non supoñen un punto final senón que abren novas liñas de investigación sobre os efectos dos terremotos no patrimonio monumental galego e sobre a propia historia sísmica do noroeste da península Ibérica.
O traballo está dividido formalmente en tres volumes cuxa lectura é independente pero tamén complementaria:
-  O primeiro volume establece os obxectivos, convencións e criterios metodolóxicos da investigación desenvolvida, e sintetiza os resultados das análises e estudos realizados sobre o patrimonio monumental. A documentación recompilada e estudada permitiu concluír que este tremor de terra foi un evento extraordinario na sismicidade galega, que causou danos xeneralizados no patrimonio monumental pero que só nuns poucos casos chegou a provocar a ruína inmediata das construcións. A partir dos datos dispoñibles e o estudo da evolución histórica dos edificios, dedúcese que foron as deficientes condicións previas dalgúns destes monumentos e a intensa actividade sísmica que o terremoto desencadeou nos anos posteriores os que agravaron as lesións e que, como consecuencia deste agravamento, a meirande parte das edificacións deberon ser obxecto de reconstrucións parciais ou totais e algunhas delas acabaron por ser abandonadas e sucumbir ao paso do tempo. 
-  No segundo volume inclúense os estudos individuais de cada un dos elementos do patrimonio monumental galego obxecto de análise na tese, nos que se realiza un repaso da súa historia construtiva anterior e posterior ao terremoto de 1755 e se analizan as lesións e patoloxías que puideron presentar como consecuencia do mesmo.

Contén en total os estudos de 37 edificacións relixiosas, civís e militares, repartidas pola xeografía galega, das que se atoparon probas documentais de que se viron afectadas polo terremoto e os doutras 6 construcións singulares nas que existen sospeitas fundadas de que tamén sufriron danos como consecuencia dos tremores de terra de mediados do século XVIII. Os textos van acompañados de reportaxes fotográficas destas edificacións e a súa contorna, así como planos e debuxos con indicacións das lesións observadas.

Neste segundo volume pódense atopar os estudos realizados sobre varias construcións da comarca do Ribeiro: o mosteiro de Santa María de Melón, as igrexas parroquiais de Santa María de Castrelo de Miño (antigamente Santa María de Ponte Castrelo) e de San Paio de Ventosela, A Ponte Castrelo (hoxe desaparecida e que cruzaba o río Miño nas inmediacións do actual encoro de Castrelo de Miño) e a igrexa do convento de San Domingos de Ribadavia.

-   O terceiro volume corresponde a un anexo documental no que se revisa o repertorio de terremotos sentidos en Galicia entre os anos 377 a.C. e 1855. Neste volume recompílanse as transcricións de documentos manuscritos que dan noticia de terremotos sentidos en Galicia, especialmente numerosos no caso do terremoto de 1755, e recupéranse, así mesmo, outras novas e textos sobre outros tremores de terra que aínda non foran tidos en conta nos estudos de perigosidade sísmica do noroeste peninsular.

 Begoña Ces Fernández
 



Moitas grazas a Begoña Ces pola súa colaboración neste blogue e pola doazón á Biblioteca do Museo dunha copia en papel da parte relativa aos efectos do Gran Terremoto de Lisboa no patrimonio arquitectónico da comarca do Ribeiro, e unha copia de CD-ROM da súa tese.

Bibliografía de Begoña Ces Fernández: 

-"Santa María de Melón: crónica de un estrago". Boletín Auriense. 2008-2009, tomo 38-39, p. 115-154. ISSN: 0210-8445.

-"Estudio de las consecuencias de los terremotos de mediados del siglo XVII [sic XVIII] sobre el patrimonio monumental de Ourense". Diversarum rerum (Revista de los Archivos Catedralicio y Diocesano de Ourense) y de los Amigos de la Catedral de Ourense. 2012, n. 7, p. 335-357. ISSN: 2271-5769.

-"Reconstrucción de la Torre del Reloj tras el terremoto de 1755". Anuario Brigantino. 2015, n. 38, p. 365-390. ISSN: 1130-7625.