quinta-feira, 23 de janeiro de 2014

La civilización del viñedo en el primer Bilbao [1300-1650]

Rivera Medina, Ana María: La civilización del viñedo en el primer Bilbao [1300-1650]. A Coruña: Netbiblo-Uned, 2011

Con esta investigación pretendeuse abrir unha porta a novos temas e a novos estudos que vaian consolidando o campo do coñecemento da trasfega urbana dunha vila de neto corte industrial e comercial como Bilbao, porque o home sempre necesitou de alimento espiritual e físico, e no viño conxúganse ambos os dous.
O libro complétase cun CD-ROM con documentación de tablas, anexos, fontes e gráficos utlizados pola autora na investigación.
Pódese consultar o sumario do libro AQUÍ

Ana María Rivera Medina é profesora asociada de Historia Medieval no departamento de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), actividade que realiza á vez que imparte as materias de Historia Medieval universal I do Grao de Historia, Historia Medieval do Grao de Arte. Licenciada en Xeografía e Historia (1981) pola Universidade Nacional de San Juan (Arxentina). É doutora en Historia Medieval (2010) pola Universidade Nacional de Educación a Distancia, doutora en Historia de América (1987) pola Universidade de Sevilla.
A súa tese doutoral en Historia Medieval, titulada "De rerum vitis. A civilización do viñedo no Bilbao (1327-1650) " obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude por unanimidade e o "Premio Extraordinario de Doutorado 2010-2011. Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ.


Malia os considerables avances experimentados ao longo dos últimos decenios polos estudos de vitivinicultura en toda a Europa occidental, ata o momento era aínda relativamente escaso o que se sabía acerca do lugar que o cultivo da vide e a elaboración e comercialización do viño ocupou ao longo das Idades Media e Moderna nunha bisbarra, en principio, tan pouco propicia para o cultivo deste produto como é o ámbito da vila de Bilbao nun período de "longa duración": 1300-1650. 
A investigación iníciase cunha análise sobre "a cultura do viñedo" en Bilbao, considerando ao medio natural, a lexislación municipal, a trama, o aspecto, a protección, as tarefas vitícolas e vinícolas, e finalmente, o comercio. Unha paisaxe que comeza na terra e remata no mercado.


A vila bilbaína foi capaz de estruturar unha paisaxe do viñedo a pesar da súa localización e cun difícil clima - plúmbeos e ameazantes ceos bilbaínos (41% dos días) que prodigan días tras día chuvias débiles ou intensas (45% dos días), a pouca insolación dificultando a maduración dos froitos e a elevada porcentaxe de humidade -, con chans pobres (ácidos, con pouco espesor de capas, etc.) e accidentado relevo, cunha ría que cando crecía arrebataba todo o que encontraba ao seu paso.
Pero a produción propia, "viños da colleita" da vila do Nervión, nunca chegou a  autoabastecer o consumo local polo cal a pesar das medidas proteccionistas compróbase a importación, "vinos de fuera parte", continuada de caldos doutras bisbarras peninsulares e extra-peninsulares. Este tráfico, terrestre e marítimo, ademais de xerar unha profusa lexislación, propiciou a creación dun sector de servizos dedicado ao viño, facendo extensivo o viñedo da terra á mesa, proceso no cal intervirá un variado e amplo conxunto de actores sociais que abranguen os máis diversos oficios. Neste sentido, compróbase que en Bilbao se bebe viño branco e viño tinto, de Toro, Burdeos, Rioja, Madrid, Toledo, Xerez, Porto, Canarias e Andalucía. E de entre todos os viños o preferido, o máis sometido a fraude, o máis requirido e o de maiores taxas de importación, foi o Ribadavia, ciño do Ribeiro, viño galego, apreciado pola súa cor e pola súa frescura, sobre todo en verán, pero tamén en inverno.

A investigación que deu como resultado esta publicación conta coa consulta dun amplo corpus legal que se sostén en foros, “cartas pueblas”, reais cédulas, actas das Xuntas Xerais do Señorío de Biscaia, do concello de Bilbao e de concellos próximos, toda vez que Bilbao non era unha entidade illada, senón todo o contrario. O seu día a día mobilizábase xuridicamente entre as ordes reais, as que emanaban das Xuntas Xerais, e, sobre todo, as que xorden do propio funcionamento local: as ordenanzas e as actas municipais.

Ana María Rivera Medina 

Para ver a recensión completa e en castelán de Ana María Rivera Medina pica AQUÍ

Bibliografía da autora:

quinta-feira, 2 de janeiro de 2014

FELIZ E QUENTIÑO 2014 a carón dun braseiriño

A imaxe da felicitación das festas de Nadal e de Ano Novo do Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense corresponde a unha peza dos fondos do Museo: un braseiriño portátil, que foi doado en 2013 ao Museo.
Cando nos doaron a peza fíxonos dubidar o comentario da doadora decindo que era un asador de castañas, parecíanos algo difícil asar castañas con este obxecto que só estaba furado por arriba e polos lados, mais non por debaixo. Entón como corresponde ás funcións de documentación e de búsqueda de información da Biblioteca do Museo, puxémonos en acción, mais nos catálogos de museos non encontramos nada, mais como temos plena confianza nas redes sociais pasamos a utilizalas  para ver o que nos aportaban as xentes amigas e siareiras do Facebook do Museo Etnolóxico , foron varias as respostas: para transportar pitos ou ovos nas feiras, caixa para gardar marmelo, cesta para levar a merenda, para esterilizar material médico, un incensario (esta idea non estaba moi lonxe), ainda que as máis acertadas foron as de José Martínez Martín e a de Vicky Pontes a máis precisa: "yo creo que es un brasero para calentar los pies. Los llevaban los niños a la escuela y he visto similares en otros museos etnológicos" e Eliseo Taxi Arnoya: "non sei o tamaño que ten mirando a foto pero ten pinta de ser un recipiente pra botar rescollos ou brasas pra logo colocalas como estufa debaixo dunha mesa".
Braseiriño. Fondo Museo Etnolóxico. Ribadavia

Efectivamente consultando o catálogo CERES da Red Digital de Colecciones de Museos de España confirmamos que se trataba dun braseiriño portátil, similar en tamaño : Altura = 18,60 cm; Anchura = 22 cm; Profundidade = 16 cm e decoración a un dos que teñen no Museo Pedagógico de Aragón ,  ainda que ao noso fáltalle a madeira da asa, a datación que lle da  o perosal técnico do Museo Pedagógico de Aragón na ficha de catalogación vai entre 1910 e 1940 e descríbeno así: 

Braseiriño. Fondo Museo Pedagógico de Aragón
"O braseiriño é unha caixa metálica que se utilizaba para enchela de brasas acendidas e dar calor colocada entre os pés dos alumnos. A tapa e as paredes están perforadas para facilitar a combustión e a saída da calor. Ten un arame cun reforzo de madeira que servía de asa. No interior hai unha bandexa cunha asa tamén metálica para depositar as brasas e recoller as cinzas máis comodamente. 
Este sistema de calefacción rudimentaria pero efectiva servía para caldear as frías escolas ata mediados do século XX, a miúdo desprovistas doutro sistema para quentar a aula. Mesmo a estufa central de leña que nalgunhas escolas si que había era insuficiente, polo que o braseiriño individual seguía sendo necesario.
É un obxecto máis propio de Castela que de Aragón, onde teñen encontrado poucos exemplares".