terça-feira, 13 de novembro de 2012

Primeiros anos do cinema en Galicia desde Ribadavia

A proxección do documental de Xes Chapela: “Milímetros” no ciclo cine de outono organizado polo Museo Etnolóxico. Ribadavia espertoume a curiosidade por saber máis da introdución do cinema en Galicia, partimos de como foi nunha vila como Ribadavia e cuxa base documental se pode extrapolar a calquera vila ou cidade de Galicia.

Comezamos por consultar a bibliografía, sobre todo monografías que había na Biblioteca do Museo empezando polo interesantísimo fondo de Emilo C. García, cuxa tese de doutoramento temos na Biblioteca do Museo, grazas a súa xenerosidade para con tod@ @s galeg@s: “Galicia y el cine. Fundamentos histórico-documentales” (o sumario pode consultarse AQUÍ), así como ver que tipos de documentos había na internet sobre todo nas páxinas de organismos e institucións relacionadas co audiovisual en Galicia:  CGAI, AGADIC, Axencia Audovisual Galega, O soportal do Audiovisual Galego no portal de Cultura Galega.
Comprobamos que as fontes documentais para coñecer os primeros anos do cinema en Galicia (finais do século XIX, a primeira proxección do cinematógrafo é en A Coruña no 2 de setembro en 1896, pouco despois do nacemento oficial do cinema en Francia no 28 de decembro de 1895 cando os irmáns Lumière presentan en París o seu cinematógrafo) eran poucas e os/as investigadores/as botaban man sobre todo de xornais. 
As primeiras proxeccións do cinematógrafo en Galicia coincidían con grandes festas e acontecementos nas cidades e vilas (en Ribadavia coas festas patronais do Portal), por iso tamén é necesario ter en conta como fonte documental os programas e volandeiras das festas (literatura ephemera, da que falamos nalgún momento, e que non sempre se conserva). Na Biblioteca do Museo Etnolóxico, e grazas ás persoas doantes, tentamos conservar este tipo de documentación, o que nos permite facer un achegamento a estes primeiros anos do cinema en Ribadavia:
El Ribadaviense 29 agosto 1901

-no xornal El Ribadaviense do 29 de agosto de 1901 na última folla aparece o programa das festas do Portal, que podedes ver na foto, onde se inclúe como atracción das festas a exhibición de cinematógrafos, fonógrafos e outros espectáculos.

programa festas do Portal de Ribadavia 1911



















-no programa das festas do Portal de 1911 vemos como acto das festas “Exhibiciones públicas de cinematógrafo en la Plaza … e Sesión Pública de cinematógrafo”, mirando o xornal “, El Noticiero del Avia 12 de agosto de 1911 hai unha nota que indica “el miércoles estuvo en esta villa el empresario de cine Fraga de Santiago para confereciar … acerca de las exhibiciones públicas de cinematógrafo … además instalará un pabellón de variedades y cine en el campo de la feria”, polo tanto deducimos que nestes primeiros anos as proxeccións do cinematógrafo eran ambulantes e facíanse en galpóns provisionais. 
El Noticiero del Avia 31-08-1912
El Noticiero del Avia 24-08-1912



















-El Noticiero del Avia do 31 de agosto de 1912 fala da próxima inauguración do Salón Teatro “se estrenarán cintas cinematográficas de gran novedad y atractivo, últimas creaciones de las renombradas casas Pathé y Dalmont … el aparato proyector funcionará fuera, en una casa de ladrillo y por completo aislada del pabellón. En El Noticiero del Avia 24 de agosto 1912 aparece o nome do propietario do Salón-Teatro: Jesús Sánchez. El Noticiero del Avia do 7 setembro 1912 fai unha descrición do Salón-Teatro. Según El Noticiero del Avia do  5 outubro 1912 sábado, as proxeccións dos filme no Salón-Teatro eran o domingo: “mañana habrá como de costumbre dos funciones de cine en el Salón-Teatro”.

-No xornal El Ribadaviense do 15 de setembro de 1917 xa se fala do Cine Alameda Empresa Rodríguez na que se proxectaba “Vampiros” que anuncian como “El Rey del cine en todo el mundo civilizado”, un dous primeiros filmes sobre Drácula.
programa de man. Fondo Meruéndano

-No Fondo de Manuel Merúendano consérvanse alrededor de 400 programas de man de filmes que se proxectaron nos anos 1930, 1940 e 1950 nos cines de Ribadavia: Cine España, Cine Rio, Cine Principal.







Algunha bibliografía:

-Barreiros Bermejo, Valentín: Ourense e o cinema. Concello de Ourense, 2010 
-Folgar de la Calle, J. MªAproximación al espectáculo cinematográfico en Galicia (1896-1897). Universidade de Santiago de Compostela, 1987
-García Fernández, Emilio C.: Historia del cine en Galicia, (1896-1984). La Voz de Galicia,1985
-Hueso Montón, A.L.: Galicia no cine. Galicia Arte. Tomo XVI, Hércules, a Coruña, 1993 
-Nogueira, Xosé; O cine en Galicia. A Nosa Terra, 1997 
-VVAA: Historia do cine en Galicia. Vía Láctea,  1996
-VVAA: -Diccionairo do cine en Galicia (1896-2000). Xunta de Galicia


En liña:

-O cine en Galicia. En: Libro branco do audiovisual galego.  Consulta en liña AQUÍ
-Lira Pousa, Lolín: El cine en Ribadavia. La Región 24/12/2015. Consulta en liña AQUÍ

Para ver en liña:

 -CanleTv