Como propuñan os compañeiros: Emilio, da Biblioteca do Museo Etnográfico de Castilla y León, nunha entrada do blogue das Bibliotecas Especializadas de Zamora, e Xulio da Biblioteca do Museo Marioneta no blogue Biblioteca Marioneta, as bibliotecas de museo temos a necesidade e a urxencia de invadir espazos expositivos.
Neste caso a Biblioteca do Museo Etnolóxico, máis que unha invasión atendeu a unha chamada para invadir un espazo expositivo. Esta chamada foi por parte do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que colabora na exposición: "Lagares rupestres. Pegadas da historia vitivinícola en Galicia”, que se pode visitar no Castelo de Santa Cruz en Oleiros até finais de marzo.Na exposción amósanse a través de fotografías as estruturas destes lagares rupestres e a súa localización en puntos como: Oimbra, Carballeda de Avia, Ribadavia.... co obxectivo de dar a coñecer e así conservar estas "pegadas da historia".
Para completar a exposición desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico aportamos unha escolma de publicacións, documentos, folletos, anuncios en revistas... sobre a longa historia vitivinícola do Riberio, unha das denominacións máis antigas de Galicia. En diversos documentos da Idade Media e Moderna xa se fala da regulación da produción e comercialización do viño do Riberio, sen esquecer que literatos como Miguel de Cervantes recoñecen a calidade dos caldos do Ribeiro.
Entre os documentos que se poden ver na exposción destacamos polo seu valor tanto bibliográfico como histórico: as "Conclusiones de la cuarta Asamblea Agrícola Gallega", celebrada en Ribadavia en 1912, documento do que quedan moitas poucas copias, polo seu valor tivemos que enviar unha copia da portada e dos primeiros puntos nos que se dan recomendacións para a reconstitución das vides galegas con porta-inxertos de vides americanas, despois da peste da filoxera, o
documento orixinal consérvase no Depósito da Familia Meruéndano. Como mostra de publicidade un anuncio de "vinos del Rivero" publicado no nº 64 de 1914 da revista "Vida Gallega". Na portada da prensa local "El Ribadaviense" en 1934 dábase a noticia da creación e ubicación da Estación Etnolóxica Galega, que continúa funcionando, na comarca do Ribeiro "por sus antecedentes, por su situación y por ser la capital del centro vitícola regional más importante". Como material inédito sen publicar o traballo fin de carreira do arquitecto Antonio Rodríguez Alemparte sobre "Construcións do viño na comarca do Ribeiro". Pódese ver tamén a parte de arquitectura e deseño do proxecto do Museo Galego do Viño, deseñado por E-Burbulla. Ademáis destes e outros documentos, unha escolma bibliográfica de viticultura e vinicultura, apoio documental imprescindible para o estudo da produción, elaboración, e comercialización do viño ao longo da historia desde a prehistoria até a actualidade.
Desde aquí agradecer ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro a súa proposta de colaboración, e co desexo de seguir colaborando con estas e outras institucións, asociacións e organizacións en favor da difusión da nosa cultura.
Gústanos que se nos vexa dentro e fóra do espazo do Museo.
Sem comentários:
Enviar um comentário