quarta-feira, 29 de junho de 2011

Feira do viño do Ribeiro na Biblioteca

Os días 1, 2 e 3 de xuño celébrase na vila de Ribadavia, capital do Ribeiro, a 48ª edición da Feira do viño do Ribeiro, unha das máis importantes feiras vinícolas do estado español, tanto pola súa tradición como pola calidade dos seus caldos.
Na Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia pódese consultar gran parte da documentación destas 48 edicións: cartaces, convites, programas, folletos, artigos de xornais, crónicas, fotografias (conservadas no Arquivo Fotográfico do Museo)... moita desta documentación chegou ao museo grazas a doazón de persoas do Ribeiro: Juan A. Bande Alonso, Xosé Ramón Estévez, José Luis García Casasnovas, José Puga Alonso, José Filiberto Soto, Familia Meruéndano (que fixo doazón do programa da Iª feira, que vemos na fotografía),etc. a súa conservación no Museo Etnolóxico. Ribadavia permite que calquera persoa poida acceder a ela e consultala.
Ademáis de toda esta documentación, na biblioteca do museo todos os anos se vai adquirindo unha interesante bibliografía sobre viticultura e vinicultura, que se pode consultar en internet no Catálogo da Biblioteca, introducindo as materias: viticultura, viños ou vinicultura.
De todos os documentos existentes no catálogo destacamos:
-O Ribeiro: o viño da cultura, a cultura do viño editado por Mirabel, e coordinado por Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnolóxico. Ribadavia, onde diversos investigadores fan un estudo histórico, xeográfico, etnográfico, literario e enolóxico da produción de viño na comarca do Ribeiro. Pódese ver o índice Aquí .
Máis información sobre a feira e sobre o viño do Ribeiro:
-Ribadavia.net
-Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro
-Ruta do viño do Ribeiro                  

terça-feira, 7 de junho de 2011

Proxecto colaborativo MUSAS_bibliotecas de museos

O 25 de maio participamos, por un lado, organizando, xunto con varias bibliotecas de museos do resto do estado español, e por outro, moderando o debate no foro sectorial: "Las bibliotecas especializadas de museos: buenas prácticas para fomentar su visibilidad", dentro das XII Jornadas de documentación Fesabid 2011, celebradas en Málaga os días 25, 26 e 27 de maio. A preparación deste Foro Sectorial fíxémola utilizando un blogue que se creou para traballar, (pois as persoas participantes estabamos moi lonxe unhas das outras), para que todo o mundo o puidese ver e para que tamén participase, neste enlace pódese consultar como se foi artellando o Foro Sectorial: ProyectoBiblioteca. A xestación deste Foro Sectorial é resultado da reunión de varias profesionais na Xornada sobre bibliotecas especializadas celebrada en Ribadavia en 2010, no editorial das Actas publicadas no nº 101 do Boletin da Asociación Andaluza de Bibliotecarios, explicamos máis a fondo como foi este encontro
A análise das bibliotecas de museos en España, feita por Ana Real e Pilar Poveda, pon de manifesto a escasa visibilidade das bibliotecas de museos tanto nas redes sociais, como nas propias páxinas webs dos museos dos que dependen.
Para facer frente a esta realidade, profesionais de bibliotecas de museos traballamos no proxecto colaborativo MUSAS, que naceu neste foro sectorial, que tivo lugar en Málaga, e para o que buscamos logo, hai aberto un concurso na páxina de MUSAS en facebook , aquí presentamos a proposta de Araceli e Diego, que se ve na imaxe.
Este traballo colaborativo ten varias liñas de traballo:
-a creación da lista de distribución MUSAS, que da nome a todo o proxecto, dentro do servidor RedIris (rede académica e de investigación que ofrece servizos avanzados para o traballo colaborativo da comunidade científica), para inscribirse só hai que picar neste enlace
-fomentar a visibilidade a través das redes sociais e das ferramentas web 2.0, abrimos conta e xa hai información: fotos sobre o foro, presentacións das intervencións, concurso do logo de MUSAS, nas seguintes redes sociais: FACEBOOK, ISSUU, FLICKR, TWITTER, YOUTUBE, SLIDESHARE, LIVESTREAM
-a participación en encontros, reunións, cursos, xornadas... materializouse: na I Jornada de Bibliotecas de Museos, que en novembro organiza a Subdirección General de Museos Estatales do Ministerio de Cultura, e a que se nos convidou para dar unha visión da situación das bibliotecas de museos en Galicia. Ademáis o 21 de xuño, tamén a Subdirección General e a Universidade Complutense imparten un curso de formación para o persoal das bibliotecas de museos titulado: " Web 2.0: oportunidades para las bibliotecas en la relación con los usuarios y en las fuentes de información".
O proxecto colaborativo acaba de nacer coa inspiración das MUSAS e medrará coa participación de todas as MUSAS.
A presentación de MUSAS nas I Jornadas de Bibliotecas de Museos fíxoa Emilio Ruiz Trueba da Biblioteca-Centro de documentación do Museo Etnográfico de Castilla y León, pódese ver o power point da presentación AQUÍ . O artigo sobre o proxecto foi editado nas actas destas xornadas co título: "El proyecto MUSAS" escrito por Emilio Ruiz e "MUSAS València un proyecto local" escrito por Amparo Pons da Biblioteca-Centre de Documentació. Museu Valencià d’Etnologia , as actas pódense consultar ou descargar en liña AQUÍ .
Para saber máis sobre MUSAS València está o seu blogue AQUÍ