quarta-feira, 24 de agosto de 2016

"As pantomimas da Istoria" comedias soltas do Depósito Meruéndano

Dentro do Depósito Bibliográfico e Documental Meruéndano, conservado no Museo Etnolóxico, encontramos 58 comedias soltas, a maioría editadas no século XVIII e XIX, ainda que hai un número considerable que non teñen data, de autores variados e algúns tan reprentativos do "Siglo de Oro" como Calderón de la Barca ou Lope de Vega.

Que son as comedias soltas?

Entre as moitas definicións que dan os diferentes estudos podemos decir que unha comedia solta é un impreso individual en forma de folleto, que recolle unha obra teatral e que ten as seguintes características:

-unidade separada, tipo folleto, en formato 4º
-repartida en catro ou cinco pregos
-que case sempre teñen unha soa obra teatral
-sen portada propiamente dita, cunha cabeceira na metade superior da primeira páxina, co título da obra precedido das fórmulas “Comedia Famosa” ou “Famosa Comedia”, as veces o nome do autor e tradutor e o “dramatis personae”.
-o texto vai case sempre en dúas columnas
-como as imprentas publicaban en serie as obras de diversos autores por iso levan un número na parte superior esquerda, na parte dereita o número da páxina ou folla e sempre levan un colofón o final da obra.

O material non é de moi boa calidade, utilízanse tipos de imprenta desgastados, polo tanto a impresión é de mala calidade, sen tapas protectoras, con fallos de numeración e de tipografía de aí que foran de baixo custe. Parece que ían destinados a un público popular e que eran documentos para usar e tirar “ephemera”.

A maioría destas comedias tiñan unha importante compoñente relixiosa, sobresaen as historias sagradas e bíblicas, así como comedias de santos, pero tamén de acontecementos históricos.

Estas comedias soltas axudan a coñecer a historia da imprenta. A abundacia de impresións, que se conservan de distintos lugares e anos, supón que estas obras teatrais foron un bo negocio editorial na época e evedencia a importancia do teatro na vida social.
58 comedias soltas nun biblioteca partícular, coma a de Meruéndano, en Ribadavia, é indicativo da afección pola la lectura teatral nunha vila con tanta historia teatral, o que vén a demostrar de onde procede esa afección que ainda perdura. 


En Ribadavia estas comedias representábanse na festa do Corpus Christi e durante as festas patronais da Virxe do Portal, como indica Samuel Eiján no seu libro Historia de Ribadavia y sus alrededores (p. 402-410), apunta que según o Extracto de las funciones q. e tiene el Amo de esta Villa  “Algunos días antes de las fiestas del Portal dos Capitulares dan los papeles de la Istoria” continúa decindo Samuel Eiján “o sea de la pantomima o representación escénica que había de tener lugar al aire libre”  Leopolodo Meruéndano Airas no seu libro El fuero Municipal de Ribadavia (pax. 37) relaciona esta tradición coa historia do pobo hebreo "La Historia, constituyendo una evidente reminiscencia del pueblo judáico, que aquí vivió" e describe a festa e a comedia que se representaba en Ribadavia nos primeiros días de setembro: "Consistía ese número en una pantomima, representando ... un hecho de la historia del pueblo hebreo ... en cuya pantomima tomaban parte muchos vecinos de la villa ...". 

comedia solta anotada, Depósito Meruéndano

A Comedia famosa. La prudente Abigail de don Antonio Enriquez Gómez de temática xudea describe a representación na época do rey Saúl, no exemplar conservado no Depósito de Meruéndano (Valencia: Imprenta de la Viuda de Joseph Orga, 1762) aparece anotado en moitas das súas follas, como se pode ver na fotografía, o que nos fai pensar que pode ser unha das "pantomimas" daquela "Istoria" que se representaba durante as Festas do Portal, a principios do mes de setembro.

Como indica Luciana Rodríguez Rodríguez no editorial do Boletín nº 19 O Ribadaviense na istoria editado pola Fundación Festa da Istoria (distribuído de balde na celebración da Festa da Istoria), no exemplar da comedia: Sélico y Berisa: comedia en dos actos de D. Gaspar Zavala y Zamora, de 1799 do Depósito Meruéndano, aparece anotado a man: "Representada en Ribadavia el 11 septiembre 1824". Neste mesmo Boletín nº 19 José Luis Chao no artigo: "O retorno da Becha Uxía (coquetriz de Ribadavia) (Corpus Christi 1437-1868)" fai tamén referencia a estas comedias que se representaban en Ribadavia como nome de "Istoria".

Dar as grazas ao colaborador do Museo Etnolóxico, José Ramón Estévez, porque sempre nos aporta documentación e datos sobre a historia local, tamén no tema destas obras de teatro que se representaban na Istoria.



BIBLIOGRAFÍA:

sobre as comedias soltas:

-Dixitalización de comedias soltas do Museo Nacional del Teatro: http://bvpb.mcu.es/museos/es/consulta/resultados_navegacion.cmd?busq_autoridadesbib=BVPB20100046715

-Cerezo Rubio, Waldo e González Cañal, Rafael: Catálogo de comedias sueltas del Museo Nacional de Teatro de Almagro. Alicante : Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2011. Reprodución orixinal: Edición dixital a partir de Madrid, Centro de Documentación Teatral-Universidad de Castilla la Mancha, 1994.


sobre as comedias da Istoria en Ribadavia:

-Eiján, Samuel: Historia de Ribadavia y sus alrededores. Lugo: Alvarellos, 1981. (Ed. facs. de Madrid : 1920 (Establecimiento Tipográfico de San Bernardo, 1920) (paxs. 402-410, especialmente nas paxs. 406-407).

-Meruéndano Arias, Leopoldo: El fuero Municipal de Ribadavia. Orense: Imprenta de A. Otero, 1909 (pax. 37).

-Hernández Figueiredo, José Ramón e González Cougil, Ramiro: Ribadavia y el santurario del Portal. Santiago de Compostela : Institutuo Teológico Compostelano, 2008 (paxs.236-264 especialmente nas paxs. 254-255 indicando que a tradición do teatro en Ribadavia está documentada desde o s. XVIII).

-O Ribadaviense na Istoria nº 19, 2016  (pax. 1 Editorial asinado por Luciana Rodríguez Rodríguez, pax. 9 artigo de José Luis Chao).

-Sierra Rodríguez, Xosé Carlos:  A Festa da Istoria de Ribadavia. Relato, Invención, Vivencia. Portvgalia, Nova Série, vol. 36, Porto, DCTP-FLUP, 2015, pp. 277-294

-González Montañés Julio I: Teatro en Galicia. Noticias de representaciones hasta 1750. Istorias. En: Teatro y espectáculos públicos en Galicia. De los orígenes a 1750.