quinta-feira, 16 de abril de 2020

Día do Libro 2020 desde o confinamento

20 de abril
Exposición bibliográfica en liña de revistas, recursos e libros sobre cultura popular galega.
Recompilanse todas as revistas posibles de asociacións, museos, colectivos que estén en liña nun álbum que se creará con este nome no facebook do Museo Etnolóxico e nun taboleiro do pinterest do Museo. Subirase unha foto coa portada da revista e na descrición da foto un comentario explicativo do contido da revista e o enlace aos números dixitais da revista. 


Ver Exposición AQUÍ

-23 de abril. 
Liberación en liña para descargar ou consultar, na plataforma google drive e en issuu do catálogo da exposición “Colección Abrente. Arte Galega no desafío cultural do 70’”. O acceso será desde o blog do Museo Etnolóxico na sección Biblioteca Dixital. Esta é a última exposición que se inaugurou no Museo, o catálogo presentouse o 21 de febreiro e a declaración de Estado de Alarma coincidiu co inicio da distribución, por iso queremos facilitar que todo mundo poida acceder ao seu contido, e debido tamén a que non se pode visitar a exposición.
Para descargar AQUÍ.


Libro dixital AQUÍ


Información sobre o catálogo e a exposición no blog do Museo:

*Presentación do catálogo e inauguración da segunda parte da exposición AQUÍ
*Inauguración da primeira parte da exposición AQUÍ



-23 de abril
Edición dun libro en liña colaborativo, participativo e comunitario coas achegas de toda a xente que participe no evento de facebook : Concurso: o mes de Abril na tradición . Trátase de que a xente participe facendo comentarios no evento de facebook, no twitter do @museoetnolóxico ou por correo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal achegando: refráns, cantigas, ditos, cancións, contos, regueifas no que o protagonista sexa o mes de abril (o mes de abril e a natureza, e o tempo, e os animais, e o campo, e o mar...). Máis información no blog do Museo AQUÍ.
Para descargar o libro AQUÍ.


Libro dixital AQUÍ


-23 de abril. 
Bookcrossing virtual conxunto coas Bibliotecas de Museos de toda España, organizado pola Biblioteca-Centro de Documentación do ARTIUM de Vitoria. Debido á imposibilidade de realizar a liberación de libros conxunta, que se vén facendo desde hai varios anos, este ano cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do ARTIUM, como cada ano editarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes que difundirán polas redes. Pódese ver AQUÍ.
Desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberamos o libro: Museo aberto = museo abierto = open museum: saltando valados = saltando muros = jumping hurdle. Edición trilingüe galego, castelán e inglés do proxecto do mesmo nome Museo Aberto, no que tamén participou activamente a Biblioteca do Museo Etnolóxico.



                                                                    Libro dixital AQUÍ

segunda-feira, 6 de abril de 2020

Mostra documental sobre o ciclo “A muller na sociedade actual” organizado pola Agrupación Cultural Abrente en 1972 en Ribadavia

O estudo da historia da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia (1969-1983),  é posible, nunha parte importante, porque os socios e socias da mesma durante os anos de actividade conservaron e clasificaron con minuciosidade e coidado a documentación administrativa e de función da asociación.

Variedade de documentos da mostra documental. Fondo Abrente


Esta variada documentación: administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras, manuscritos, así como libros e revistas foi depositada no Museo Etnolóxico unha vez disolvida a Agrupación. 

Nunha rápida consulta a esta documentación observamos o inxente traballo cultural, das persoas que formaron parte dela, organizando moitas e diversas actividades: cine, cursos, teatro, exposicións de arte, concursos de textos teatrais, actividades para a rapazada e un grande número de conferencias de temas variados: política, relixión, literatura, arte, economía, historia, lingua, arqueoloxía, socioloxía... impartidas por especialistas en cada unha das materias. 

No ano 1972, entre xaneiro e abril, organizaron en Ribadavia un ciclo de conferencias sobre “A muller na sociedade actual” nun momento histórico no que o tema da muller non era habitual na programación das asociacións culturais galegas e o movemento feminista galego estaba aínda xestándose. Non será ata 1977 cando María Xosé Queizán publique o primeiro ensaio feminista en Galicia “A muller en Galicia: a muller na sociedade galega: a lingua galega e a muller : (análise estrutural de dous métodos represivos)” editado por Edicións do Castro. 

Iniciouse este ciclo en xaneiro con Celso Montero e Nemesio Barxa co tema “La mujer y la Iglesia”  e “La mujer en la sociedad y en el derecho gallegos” respectivamente, en febreiro foi a vez de Mª José Amor Carreró  disertando sobre “La mujer en la sociedad española de hoy”, en marzo María Xosé Queizán “Perspectivas y necesidades históricas de la familia”, rematando o ciclo en abril Victoria Armesto cunha conferencia sobre  “Juglares y juglaresas”.

Recorte do xornal La Región. Fondo Abrente


Nesta mostra documental, que se pode ver no Museo Etnolóxico, está exposta parte da documentación conservada pola Agrupación ribadaviense en relación a este ciclo sobre a muller.

Na documentación administrativa exposta aprécianse os trámites burocráticos necesarios antes de que a conferencia se puidese realizar (obsérvase o proceso completo da documentación na conferencia impartida por María Xosé Queizán): carta manuscrita da conferenciante aceptando o convite para impartir a conferencia incluído o título e guión pormenorizado da mesma, necesario este para anexar á solicitude de permiso ao Gobierno Civil, previo pago de 25 pts polo concepto de reunión,  autorización para á celebración asinada polo Gobernador Civil, cos correspondentes recortes de prensa anunciando e falando da conferencia.

Inaugurando esta mostra documental, con acompañamento de socias e socios da Agrupación Cultural Abrente, tivemos un relatorio de María Xosé Queizán sobre "Feminismo: historia e actualidade".
Acompañando a esta mostra tiñamos previsto un ciclo de conversas arredor do feminismo, que debido a declaración do Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, tivemos que suspender.

Relatorio de María Xosé Queizán no Museo Etnoloxico 06/03/2020