terça-feira, 22 de março de 2011

Novidades marzo 2011

-Aceñas del Duero: Tordesillas, Toro y Zamora / Jesús San José Alonso e Juan José Fernández Martín
A exposición pretende dar a coñecer as aceas de Tordesillas en Valladolid, Toro e Zamora na provincia de Zamora, así como explicar o seu funcionamento e sensibilizar para pór en valor e manter unhas edificacións, que hoxe en día perderon o uso que tiveron.
Os obxectivos da Conferencia Internacional da Tradición Oral no Proxecto Oralities son reflexionar sobre a produción da oralidade, a súa importancia como ferramenta de diálogo intercultural e de construción do patrimonio e, tamén, como unha realidade social que é preciso pór en valor a través da súa visibilización. Trátase, polo tanto, de crear un espazo no que especialistas, técnicos e estudantes poidan debater sobre as temáticas propostas.
-La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005 / Alberte Martínez López, Jesús Mirás Araujo, Elvira Lindoso Tato
A historia do gas en Galicia iniciouse nun afastado 1853 cando o emprendedor francés, Louis Laty, conseguiu que o Concello da Coruña  lle outorgase o contrato de iluminación por gas da cidade.
Desta forma, empezaba o primeiro servicio público, que indubidablemente esixía un investimento pesado e cuantiosos capitais, para producir unha mellora urbana de importante calado sociolóxico.
Desde unha historia local se reconstúe a represión política (cárcere, exilio, desterro, inhabilitación) levada a cabo entre médicos da provincia de Ourense, durante o período da Guerra Civil e inmediata posguerra. Exponse biografías de médicos represaliados, material fotográfico inédito e documentación da época, analízanse algunhas institucións sanitarias como o Hospital Provincial  o Colexio de Médics e unha revisión bibliográfica.
A metodoloxía exposta neste manual garante que todos os formatos e todas as orientacións de traballo estean previstos no Arquivo de Patrimonio Etnológico deCatalunya. O IPEC foi o responsable, desde a súa creación de dinamizar en Cataluña a procura sobre patrimonio etnológico coa promoción de proxectos de procura representativos dunha gran variedade temática e territorial, significativos da diversidade cultural e da Cataluña contemporánea e histórica.
-Mulheres corticeiras / Stefania Mattarello 
Proxecto de investigación focado no recoñecimento identitario das mulleres no ámbito do sector corticeiro. Presenta experiencias destas mulleres na súa vida académica, laboral e persoal, recoñecendo unha dedicación e un carisma tipicamente feminino nun territorio que durante moito tempo foi, e ainda hoxe é, sobre todo masculino. O libro consta de 17 entrevistas a mulleres representativas neste sector, moi diferentes entre elas obtendo así un resultado final máis completo e enriquecedor.
-Ourense e o cinema / Valentín Barreiros Bermejo
A obra fai un percorrido pola historia da sétima arte na cidade de Ourense, realizando referencias aos distintos cinemas que acolleu, a figuras destacadas como Carlos Velo ou Antonio Román e ao importante papel que xogaron os cine clubs ou o Festival de Cinema Independente de Ourense.

sexta-feira, 4 de março de 2011

ENTROIDO, ENTRUIDO, ENTRUDO, ENTRUDIO, CARNAVAL

Felos, cigarróns, folións, fulións,  reinados, pantallas, peliqueiros, señoritas, labardeiros, boteiros, mazcaras, troteiros, vellaróns, vergalleiros, meco, o rei, a morena,comparsas, murgas, cocido, androlla, lacón, grelos, orella, cachucha, cabrito, bombos, domingo fareleiro, domingo oleiro, domingo corredoiro, domingo, lun e martes de entroido,  xoves de compadres, xoves de comadres.... son moitas das palabras que nestes días grandes do Entroido Ourensán, se escoitaran por toda a provincia.

Nos suplementos dos xornais, nas revistas de fin de semana aparecen diversos monográficos informando sobre esta festa tan popular, tradicional e participativa da provincia de Ournese desde as cidades, vilas, pobos, aldeas, lugares... alí encontraremos unha festa. Destacamos o nº 116 de febreiro de 2011 de Auria editada polo xornal La Región e o Especial Entroido do mes de marzo do xornal de Valdeorras O Sil , con contribucións de diferentes persoas. Na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela na sección de Guías de lectura na parte de Guías temáticas teñen un dicionario do entroido e unha guía temática do entroido en Galicia con bibliografía sobro o tema, pódese acceder a máis bibliografía buscando no Catalogo da Rede de Bibliotecas de Galicia en Materia: Entroido

Para coñecer máis sobre o Entroido na provincia de Ourense destacamos o libro publicado en 2009 pola Deputación de Ourense e a Fundación Caixa Galicia: As caras do entroido ourensán, na que colaboran investigadores e estudosos do tema como: Federico Cocho, Xosé Manuel González Reboredo, Fidalgo Santamariña, Clodio González Pérez.... ilustrado con fotografías de grande calidade e un apéndice bibliográfico. INDICE AQUÍ

Para saber máis das comparsas e das murgas tradicionais de Ribadavia destacamos o artigo de José Luis Chao Rey: “Cen anos entroido en Ribadavia” publicado no nº 8 (2004) da Revista A.C. Fraicellus, onde presenta unha relación das comparsas máis importantes entre 1918 e 1987: Los Vampiros, Los Pierrots, Los Judíos, Los Serodios, Los Bragianos, Os de Sempre.... destas comparsas destacan as letras e a música das murgas que interpretaban. Presentamos aquí dous folletos conservados nos fondos da Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia, en concreto do Fondo da Familia Meruéndano: as murgas da Comparsa Los Zíngaros. Carnavales de 1935 e outro da Murga los Bragianos do Carnaval de 1981 en recuerdo a D. Luis Brage Villar.