quinta-feira, 20 de abril de 2017

Liberación de libros 2017


Por quinto ano consecutivo a Biblioteca do Museo Etnolóxico participa na liberación conxunta de libros xunto a 59 bibliotecas de museos e centros de arte de toda España, para celebrar o Día Internacional do Libro (23 de abril).
 

Este ano 2017 a liberación será o venres 21 de abril a primeira hora da mañá por calquera lugar público da Comarca do Ribeiro e na cidade de Ourense e alrededores, deixaranse libres dez libros de temática variada: contos infantís, o novo catálogo do Museo sobre tonelería, unha guía de museos de Galicia, unha novela sobre as Touza, un libro sobre vitivinicultura, un catálogo dunha exposición de fotografía... e máis.

Pódense consultar todos os títulos, os lugares e as horas de liberación na páxina de bookcrossing do Museo Etnolóxico AQUÍ.

Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitar a quen encontre o libro a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina da internet de Bookcrossing.
 Cada ano por estas datas propomos o mesmo xogo:

O XOGO DO BOOKCROSSING:
Ti que encontraches este libro libre nun sitio público, goza con el todo o que queiras, despois volve deixalo libre noutro sitio público para que máis xente poida gozar con el.
QUE SIGA O XOGO!!
Un libro liberado non quere aburrirse no estante dunha casa, quere ter vida.
 
Na nosa comunidade únense tamén a esta inicitativa xunto coa Biblioteca do Museo Etnolóxico as Bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea e do Museo de Belas Artes da Coruña, todos eles dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como as Bibliotecas o Museo da Marioneta de Lalín, do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo e da Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela.

Vídeo promocional do acto editado pola Biblioteca e Centro de Documentación do ARTIUM de Vitoria  para difundir a actividadede bookcrossing para este ano 2017, esta Biblioteca foi iniciativa súa hai xa nove anos.
 



sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

As Murgas do entroido de Ribadavia

No Entroido da capital do Ribeiro, até non hai moito tempo podíamos ver grupos de xente disfrazada, unidas por un nome e que formaban unha comparsa, o disfraz non era a única característica, destacaban aquelas comparsas que tiñan máis creatividade nas súas sátiras e burlas. Estas sátiras eran feitas a ritmo de música, coñecidas co nome de Murgas, que en moitos casos eran impresas en folletos.

Para saber máis das comparsas e das murgas tradicionais de Ribadavia destacamos o artigo de José Luis Chao Rey: “Cen anos entroido en Ribadavia” publicado no nº 8 (2004) da Revista A.C. Fraicellus, onde presenta unha relación das comparsas máis importantes entre 1918 e 1987: Los Vampiros, Los Pierrots, Los Judíos, Los Serodios, Los Bragianos, Os de Sempre.... 

Presentamos aquí dous folletos conservados no Fondo Meruéndano custodiado Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense.

 Murga da comparsa "Los Zíngaros" 1935





Murga los bragianos carnaval 1981 from Biblioteca Museo Etnolóxico. Ribadavia

O libro de Marcos Gómez Moure, José Luis Chao e Antonio Pérez Mein: "Murgas e cancións dos carnavais de Ribadavia (ata 1936)" publicado en 2012 recolle e recupera tanto as letras coma a música destas murgas mediante gravacións e algúns manuscritos orixinais. Como indican os autores no prólogo non están todas, nin todos os autores nin intérpretes, tradición oral que por desgraza se foi perdendo. Este libro pódese consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico e no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia AQUÍ. 

quarta-feira, 11 de janeiro de 2017

Almanaques: "a educación informal"



exemplares conservados no Museo Etnolóxico
O almanaque ou almanaque-libro ten como base información cronolóxica, meteorolóxica, astrolóxica e relixioso-litúrxica propia dun calendario, á que lle engaden noticias e documentación de interés social e cultural sobre materias diferentes: literatura, música, medicina, política, xenealoxía, historia, gramática, temas de agricultura, relixión, náutica, moda, dereito, avances científicos, biografías, etc. sendo estas a parte fundamental da publicación.

A temática dos almanaques e calendarios está relacionada coa función principal de medida do tempo, a divulgación da orde do tempo utilizando tres códigos principalmente: o astronómico-matématico, o astrolóxico e o eclesiástico.

Os almanaques tiveron moita importancia como xénero literario no século XVIII, a mediados deste século en Inglaterra hai rexistrados uns 2000 títulos, porén en España o século máis importante para estas publicacións foi o século XIX. Axudaron á aprendizaxe básica da lectura das clases populares, utilizando unha linguaxe clara e sinxela, con frases curtas, foron transmisores da cultura popular achegando: historias breves, anécdotas, fábulas, consellos, coplas, refráns, mais tamén informando das preocupacións e os intereses de cada época, incluso de cada ano. Nos almanaques conviven a cultura popular e os avances científicos.

Axudaron á aprendizaxe básica da lectura das clases populares, foron transmisores da cultura popular: historias breves, anécdotas, fábulas, consellos, coplas, “vehículos de popularización de la cultura”. Os contidos destes almanaques reflectían as preocupacións e os intereses de cada época, incluso de cada ano, así como esa pervivencia da cultura popular que permanece a pesar dos avances científicos.

exemplar  Museo Etnolóxico
 Miryam Carreño estuda os calendarios e almanaques como fontes para un estudo parcial da chamada “educación informal” ou non institucional das clases populares. A información que achegan son nunha linguaxe clara e sinxela con frases cortas, esta xustificación baséaa, sobre todo en dúas razóns fundamentais: por un lado a súa intencionalidade educativa e por outro a amplia divulgación popular que tiveron pois eran de fácil manexo, de baixo prezo e prácticos, distribuidos moitas veces por vendedores ambulantes polo rural. Moitos destes almanaques e calendarios eran distribuídos de balde, como o Almanaque pintoresco de Bristol editado pola empresa Lanman y Kemp, para promocinar os seus produtos de perfumería, xabóns. 

exemplar Museo Etnolóxico
Os almanaques están incluídos dentro da documentación chamada "ephemera", producida para durar pouco, para usar neste caso case exclusivamente durante o ano vixente, case sempre despois do uso os almanaques tiránbanse. A maioría dos almanaques antigos que se conservan en bibliotecas e centros de documentación son grazas a coleccionistas. As bibliotecas provinciais e a Biblioteca Nacional teñen coleccións incompletas dalgunhas series de almanaques antigos porque non tiñan Depósito Legal, co que o impresor non tiña a obriga de entregar as copias correspondentes para a súa conservación.

exemplar 1926. Museo Etnolóxico

 
Un dos almanaques máis populares é coñecidos era o AlmanaqueBailly-Bailliere: o sea pequeña enciclopedia popular de la vida práctica, segundo Honorio Velasco incluído dentro dos almanaques enciclopédicos que como indica no seu título pretendían proporcionar información práctica a todos os sectores sociais, entendendo que esta era moi variada como a sociedade mesma. O contido era sempre moi variado, esta era precisamente a característica máis destacada, tiña un índice coas materias tratadas, as informacións non estaban asinadas, ilustrados con gravados e publicidade. Empezaba con tablas cronolóxicas, astronómicas, correspondencias entre distintos calendarios, a descripción dos meses, semanas e días coa descrición do ceo.
Na Biblioteca do Museo consérvanse tres exemplares: o máis antigo de 1898, un de 1924 e outro de 1926.  
Na Hemeroteca Digital da BNE pódense consultar a texto completo varios números AQUÍ.


 
 
Existen diferentes tipos de almanaques segundo a temática: enciclopédicos, de saúde, agrícolas, algúns eran esencialmente revistas literarias formadas fundamentalmente por artigos de escritores da época, sen esquecer escritos de historia, cultura popular, etnografía, arqueoloxía nos que destacan ás ilustracións con gravados. Porén a publicación sempre se iniciaba con efemérides, santoral, información meteorolóxica e astrolóxica, este era o tipo predominante de almanaque que se editou en Galicia e sudamérica a finais do século XIX con achegas de importantes escritores e escritoras, utilizando maioritariamente o castelán con algún escrito en galego sobre todo poemas.
Algúns destes almanaques galegos de finais do século XIX pódense consultar a texto completo en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia:
 
 Almanaque humorístico de Galicia para 1878 dirixido por Arturo Vázquez, editado en Ourense polo Establecimiento Tipográfico de la Propaganda Gallega.


Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, dedicado a todas las bellas hijas del país (1863-1867) editado en Lugo por Soto Freire.

Almanaquegallego (1898-1926) dirixido por Manuel Castro e editado en Buenos Aires.