terça-feira, 19 de outubro de 2021

Día das Bibliotecas 2021. Ano Iberoamericano das Bibliotecas



 

En 2019 a XX Conferencia Iberoamericana de Ministras e Ministros de Cultura Iberoamericana declarou o ano 2021 como Ano Iberoamericano das Bibliotecas co obxectivo de deseñar actividades e propostas en base a seis eixes fundamentais:

  • O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos.

  • Os desafíos das bibliotecas despois da pandemia.

  • As bibliotecas máis alá dos libros: un lugar para as persoas.

  • Innovación e bibliotecas: qué significa innovar e cómo facelo?

  • As bibliotecas como entidades fundamentais para o desenvolvemento da Axenda 2030.

  • As bibliotecas como lugares para a inclusión das poblacións en desventaxe e minorías.

Seguindo algúns destes puntos fundamentais a Biblioteca do Museo Etnolóxico propón para celebrar o Día das Bibliotecas 2021 as seguintes actividades:

 

Parlamos das bibliotecas: coñecelas para usar a información que custodian.  

Dentro do eixe O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos do Ano Iberoamericano das Bibliotecas 2021, propomos relatorios a modo de conversas con responsables de distintos tipos de biblioteca co obxectivo de dar a coñecer a variedade de bibliotecas, os diversos servizos e documentación que conservan. O seu coñecemento permitiranos facer uso da información que custodian.

22 de outubro ás 20.30 Ángel Domínguez López : A biblioteca do Instituto Teolóxico Divino Maestro (Seminario Maior de Ourense): pluralidade temática e interese cultural.

23 de outubro ás 20.30 Xulia Santiso Rolán: A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán unha biblioteca particular, privada e patrimonial.

Ás conferencias pódese asistir de forma presencial ou a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia con capacidade para 50 participantes, copiando no navegador a seguinte dirección:

https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico_Conferencia_18102021  e o contrasinal: BibliotecaMER.

O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.

 

Mostra expositiva: Os almanaques e a educación informal

Exposición de distintos exemplares de almanaques de temáticas variadas: saúde, agrícolas, enciclopédicos, relixiosos editados entre finais do século XIX e o último terzo do século XX.

Co obxectivo de mostrar a todo o público do Museo Etnolóxico documentos singulares conservados na Biblioteca do Museo como son os almanaques, resaltando a súa importancia na historia da educación non institucional. Ademais da información cronolóxica, meteoróloxica, astrolóxica propia dos calendarios achegaban información sobre materias diversas: cultura popular (refráns, cantigas, ditos), literatura, historia, actualidade, biografía, temas de carácter social, moda... sempre cunha linguaxe sinxela co obxectivo de chegar a un público amplo e variado. 

  Ver artigo con máis información sobre os almanaques AQUÍ  

 

Taller práctico orientado a clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO: Esculcamos historias nas bibliotecas de museos, (a realizar durante curso escolar, por solicitude do club de lectura, previo envío de información por correo electrónico).

É imprescindible que as bibliotecas especializadas cada vez máis sexan accesibles e cercanas á diversidade de persoas usuarias, é este un dos retos da innovación, ademais de mostrar que este tipo de bibliotecas son útiles para a comunidade educativa, un desafío despois da pandemia para as bibliotecas especializadas. 

 Co obxectivo de achegar á comunidade educativa a información e documentos que conservan as bibliotecas de museos e coa intención de facela partícipe propomos este taller á desenvolver durante unha xornada no Museo Etnolóxico:

1. Presentación: que é unha biblioteca de museo?

2. Práctica con documentos singulares e curiosos da colección bibliográfica do Museo: libros, folletos, efémeras, almanaques, calendarios, catálogos... documentos moitas veces esquecidos e infravalorados que analizaremos para descubrir e extrear deles toda a información.

3. Visita guiada á Biblioteca do Museo Etnolóxico e ás mostras bibliográficas.



quinta-feira, 6 de maio de 2021

Mostra bibliográfica: "Fr. Samuel Eiján Lorenzo “Fraysel”: literato, historiador, ensaista, divulgador do seu tempo"

 En 2020 cumpríronse 100 anos da publicación da única obra que, a día hoxe, sintetiza a historia do Ribeiro: Historia de Ribadavia y sus alrededores escrita por Fr. Samuel Eiján durante a súa estancia en Ribadavia. Con este motivo o Museo Etnolóxico e a Asociación de Amig@s do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR) fan unha homenaxe a Samuel Eiján e os 100[+1] anos da publicación deste libro.

Entre os actos de homenaxe pódese ver unha mostra bibliográfica no Museo Etnolóxico poñendo en valor figura de Samuel Eiján como prolífico escritor de distintos xéneros literarios: "Fr. Samuel Eiján Lorenzo “Fraysel”: literato, historiador, ensaista, divulgador do seu tempo" a vez que mostrar os libros nos que se acerca coa súa escrita ao "terruño", como el indica no prólogo de varios dos seus libros:

"Mi homenaje de amor al terruño" ,  “Mis tres libros de carácter regional Cuadros de mi tierra, Mágoas y D’a y-alma, encontrarán, sin duda, en ellos los vestigios de ese filial cariño, de ese intenso amor al terruño, refloreciendo entre sus descripciones y relatos”. 

Agradecer a Isabel Sobrado Eiján e a José Alicio Sobrado Eiján o préstamo temporal de libros e fotografías que forman parte da mostra bibliográfico, así como á Biblioteca do Instituto Teolóxico Divino Maestro do Seminario Maior de Ourense, á Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense e a Provincia Franciscana de Santiago polas súa achegas.

 

 
  

Historia de Ribadavia y sus alrededores, libro impreso en 1920 en Madrid no Establecimiento Tipográfico de San Bernardo 92. En 1981 a Editorial Alvarellos realiza unha edición facsimilar, engadíndolle varias fotografías, que non aparecen na edición orixinal e en 2005 a Editorial Maxtor de Valladolid, especializada en edicións facsimilares, sacou outra edición da obra de Eiján, tendo como base a edición de Alvarellos.

Está concebida coma unha obra de consulta e de referencia, na que destaca a preocupación e miticulosidade na elaboración dos diferentes índices: de autores, obras, arquivos, nomes de poboacións, nomes de persoas e un índice de materias.

Divídese en catro partes:

parte primera desde los primitivos tiempos hasta el siglo XIII,

parte segunda desde el siglo XIII al XV,

parte tercera desde el siglo XV hasta el XVII,

parte cuarta desde el siglo XVIII hasta nuestros días

Cada parte estruturada a súa vez en diferentes capítulos, cada un deles co seu sumario que se pode consultar tanto no inicio de cada capítulo como no índice xeral, ao final da obra.

Os diferentes índices e os sumarios axudan a centrar a búsqueda da información.

Unha obra documental e de investigación con continuas referencias ás fontes documentais e bibliográficas utilizadas, repartidas no texto e nas abundantes notas a pé de páxina; complementadas todas elas cun apéndice documental, no que se transcriben documentos fundamentais da historia de Ribadavia e a súa comarca.

No prólogo Samuel Eiján achega as fontes utilizadas «registrar gran número de archivos parroquiales y particulares ... recoger notas en los archivos municipales de Leiro y Ribadavia» acudiu a persoas para comprobar documentación en arquivos de fóra.

Esforzo por documentar e por favorecer a consulta que debe ser especialmente valorado nunha época na que se carecía dos auxilios técnicos hoxe ao alcance de calquera.

A edición de 1920 pódese consultar a texto completo en Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia AQUÍ

 


 

Samuel Eiján Lorenzo naceu o 10 de maio de 1876 en San Clodio (Leiro, Ourense), tomou o hábito na orde franciscana en 1890, a súa ordenación sacerdotal foi en Lugo en 1899.

Fraysel xogo de palabras “fray” e das primeiras letras do seu nome completo foi o pseudónimo co que asinou varias das súas obras. Foi un prolífico escritor de comenzos do S. XX, tempos das Irmandades da Fala e do galeguismo cristián.

Fr. Samuel Eiján cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e a poesía en castelán e en galego, foi un gran difusor da cultura con numerosos artigos en xornais e revistas, así como tradutor de obras italianas e francesas. Exerceu de bibliotecario provincial en Santiago. Director da revista da Provincia Seráfica de Santiago El Eco Franciscano en diferentes momentos de 1896 ata 1902, que o destinaron a Terra Santa, e entre 1908 e 1915 cando o nomearon superior de Ribadavia, onde permaneceu ata 1920, ó regreso de Terra Santa en 1938 volve dirixir El Eco Franciscano ata a súa morte en 1945.

En 1915 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e en 1941 numerario, en 1915 ingresou no Instituto Histórico do Minho en Portugal, en 1926 entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos co discurso titulado “Franciscanismo literario en Galicia”.

Francisco Leira Castiñeira no estudo introdutorio da obra Poesía reunida de Samuel Eiján publicado en 2018 fala do “galeguismo “folclórico” de Samuel Eiján” engade “defende un galeguismo cultural, tinguido dun uso da tradición galega e tamén baseado nas ensinanzas franciscanas”.

Samuel Eiján foi un gran divulgador de temas cristiáns en libros, folletos, conferencias e revistas populares, ademais da enorme capacidade de organizar iniciativas culturais. Leira Castiñeira “O seu obxectivo era defender oa dereitos do catolicismo, pero a través da cultura e o ensino”

Carballo Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea di sobre a poesía de Eiján “e gracias a Eixán temos en galego poesía relixiosa”.

 

Recursos bibliográficos:

Obras de Samuel Eiján na Biblioteca do Museo Etnolóxico AQUÍ

Obras de Samuel Eiján nas Bibliotecas de Galicia AQUÍ 

Fondo Samuel Eiján da Biblioteca Franciscana da Provincia de Santiago inclúe bibliografía AQUÍ 

Samuel Eiján, o poeta da transcendencia RAG

Samuel Eiján Lorenzo. Biografía DB~E  Diccionario Biográfico electrónico de la Real Academia de la Historia

Leira-Castiñeira, Francisco J. (2018). "Samuel Eiján. Vida, pensamento e contexto histórico dun expoñente da poesía relixiosa galega". En: Boletín da Real Academia Galega nº 379, pp. 465-481. DESCARGA