quarta-feira, 7 de fevereiro de 2018

Arquitectura popular española de Carlos Flores

Carlos Flores (1979). Arquitectura Popular Española. Editorial Aguilar.
Uns breves comentarios


A monumental publicación de Carlos Flores (Ocaña, Toledo, 1928), titulada Arquitectura Popular Española e editada en 1973 por Aguilar, foi froito sazonado de dez anos de traballo de campo resultado dun periplo polas diferentes terras e comarcas de España comezado polo autor nos anos sesenta do século XX. Atopámonos diante da obra dun arquitecto formado baixo o maxisterio de Torres Balbás, responsable en boa medida da empresa acometida por Flores, que recoñece a débeda contraída co seu mestre.
    


Carlos Flores explica no limiar do primeiro tomo a razón de se converter en descritor dos núcleos, lugares e construcións que identifica e cataloga e, ao tempo, en fotógrafo que rexistra e retrata as imaxes que esculca e recolle. Lembrando a Torres Balbás (1888-1960), xustifica o carácter individual do traballo realizado, reivindicando a necesidade dun tratamento multidisciplinar e interdisciplinar para lograr unha análise doada e unha interpretación densa e polo miúdo dun fenómeno tan amplo e complexo.
Certamente esta obra reflicte a condición marxinal dos estudos etnográficos nos foros académicos da época e o descoñecemento xeralizado do traballo de tantos e tantos folkloristas, etnógrafos e etnólogos da península ibérica da primeira mitade do século XX e das súas numerosas e misceláneas publicacións.
O achegamento ás distintas formas de poboamento e á diversidade do habitat das diferentes áreas xeográficas ibéricas foi na primneira mitade do século XX un labor acometido principalmente por xeógrafos, deixando singular pegada Juan Dantín Cereceda (1881-1943), o introdutor da xeografía rexional en España e figura clave na elaboración metodolóxica da ciencia xeográfica e autor dun fermoso libriño titulado Cómo se enseña gerografía publicado pola Revista de Pedagogía (1923). Dantín publicou un interesante ensaio relativo a Galicia –titulado Distribución geográfica de la población en Galicia (1925)- cicais o primeiro achegamento con metodoloxía científica ás cuestións demográficas, de tanta incidencia nas dinámicas de organización do espazo xeográfico e nas pautas de poboamento. Dantín é igualmente innovador no relativo á correlación entre os factores fisioxeográficos e a estrutura de aproveitamento dos solos para a configuración das paisaxes reintroducindo na xerga xeográfica a noción de “antropoxeografía” utilizada no XIX por Ratzel e que tanta influencia tivo nos xeógrafos e etnógrafos galegos da xeración Nós (v. gr. Otero e Risco), coetáneos todos eles de Juan Dantín.

Carlos Flores coñece e aproveita, da man do seu mestre Torres Balbás, a obra clásica doutro arquitecto, García Mercadal, autor da obra pioneira titulada La casa popular en España, editada por Espasa-Calpe en 1930 e, sen dúbida a primeira síntese sobre o tema e fonte, da que todos, Carlos Flores incluído, beberon. Esta obra e o capítulo publicado no tomo III polo seu mestre Torres na obra colectiva Folklore y Costumbres de España (1946) constitúen os referentes fundametais de Carlos Flores que cita como autoridade internacional nos estudos de arquitectura popular a Amos Rapoport, autor de dúas obras centrais –Aspectos humanos de la forma urbana e Vivienda y Cultura-, a segunda utilizada por Flores como referente das súas reflexións sobre o carácter e o contido do popular.

No seu conxunto esta obra non deixa de seren un traballo de arquitecto, concernido polos postulados da súa disciplina profesional e influído obrigadamente polos marcos analíticos e interpretativos do coñecemento arquitectónico. Resulta un traballo profundamente honesto, carente desa interdisciplinariedade que o mesmo autor bota en falta e que se plasma no feito de asentar os seus xuizos e observacións sobre o traballo de xeógrafos e arquitectos. Só dous etnólogos son citados, Caro Baroja e Violant i Simorra, un para as valoracións realizadas sobre Vasconia e os seus “caseríos” e o outro como fonte para afondar nas expresións construtivas das rexións pirenaicas. No tomo que trata o mundo insular canario cita tamén a Diego Cuscoy, autor moi respectado nos foros antropolóxicos
No tomo dedicado a Galicia, o segundo, non hai referencias a Angel de Castillo, autor do primeiro traballo etnográfico sobre a arquitectura da montaña luguesa, publicado en 1913 no tomo VII do Boletín da Real Academia Gallega e tampouco aos traballos do Seminario de Estudos Galegos ou ao tomo II da Historia de Galiza publicado pola editorial Nós en 1962, que contén a grande síntese de Xaquín Lorenzo sobre a casa e a arquitectura popular. Non aparece referencia algunha á Geografía de España, en 4 tomos, coordinada por Otero Pedrayo e editada en 1955 polo Instituto Gallach e obra dotada dun abondoso corpus fotográfico.
A obra observa un enfoque combinado tipolóxico e xeográfico, trazado mediante un percorrido itinerario no que se destacan e describen as singularidades formais e construtivas dos distintos elementos examinados.
Cómpre salientar a extraordinaria calidade das fotografías e a fecundidade analítica que ofrece a súa visión. Tería un enorme interese revisitar e fotografar hoxe os mesmos elementos reproducidos na obra e sometelos a unha análise comparativa propiamente etnoantropolóxica, manexando para tal labor obras –no caso concreto de Galicia- como As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia, da autoría de Manuel Caamaño e editada en 2003 polo Colexio de Arquitectos técnicos e aparelladores de Galicia.

Trátase, sen dúbida, dunha obra desaproveitada e susceptifble dunha revisión etnográfica, que trascendera os límites da xeografía e da arquitectura, sen abeirar os significantes e os significados destas dúas disciplinas.


Xosé C. Sierra Rodríguez


Moitas grazas a Xosé C. Sierra Rodríguez por esta reflexión sobre a obra de Carlos Flores.
Até o 28 de febreiro de 2018 pódese ver no Museo Etnolóxico a exposición: «Miradas á Arquitectura Popular en España: a colección Carlos Flores no Museo Etnográfico de Castilla y León» producida polo Museo Etnográfico de Castilla y León (Zamora), comisariada por Ruth Domínguez Viñas e Emililo Ruiz Trueba.

Sem comentários: