quarta-feira, 24 de outubro de 2018

Unha doazón de patrimonio bibliográfico

No ano 2017, grazas a Juan Bande, que foi durante anos presidente da Asociación de Amigos do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR), como bibliotecaria do Museo Etnolóxico fun convidada a visitar o fogar de  Libia Romero Orosa e Manuel Puga Alonso, pois ademais dunha exquisita e interesante biblioteca particular tiñan conservados con excelente esmero varios exemplares de patrimonio bibliográfico. Libia e Manuel quixeron que ese patrimonio bibliográfico estivera depositado, conservado e de acceso a toda xente que tivese interese nel, por iso fixeron unha doazón a unha institución pública, como o Museo Etnolóxico, que permite todo iso.


A través  deste artigo pretendemos darlle a difusión que merece esta doazón.

Trátase dun conxunto particular de patrimonio bibliográfico constituído por revistas ilustradas, revistas satíricas, dicionarios enciclopédicos e partituras musicais, todos eles editados no século XIX e que, en tanto que representativos da sociedade da época, ilustran o tipo de edición, publicación e encadernación dese tempo.

Esta doazón conserva algún dos títulos representativos das revistas ilustradas do século XIX e comenzos do século XX: El Museo de Familias, ó Revista Universal, Almanaque-álbum de la Ilustración, La Ilustración Española y Americana, que naquel momento circulaban, na época de esplendor deste tipo de prensa, e non só senón tamén de todo tipo de prensa periódica. Segundo estatísticas da prensa periódica en España en 1888 había en circulación 1128 títulos, o que nos obriga a considerar este tipo de documentos a hora de facer un estudo histórico, antropolóxico e sociolóxico da vida política, económica e cultural do século XIX e primeiro terzo do sécúlo XX, pois as temáticas eran moi variadas.
Durante o século XIX e o primeiro terzo do século XX as revistas ilustradas permitiron a formación e a información da poboación, permitindo que os feitos e ideas do momento chegaran "ás masas". As ilustracións desta prensa axudaban a entender o texto e a documentar as ideas que se intentaban transmitir. Segundo autores como Martínez Moro estas revistas ilustradas teñen un "preponderante papel cultural como catálogo visual do mundo moderno", documentos da antropoloxía visual. Nas revistas ilustradas do século XIX podemos ver o cambio no tipo de imaxe do gravado á estampa e ao debuxo á fotografía pasando polo fotogravado. 

La Ilustración Española y Americana (1869-1921) unha das revistas ilustradas máis importantes de  España sobre todo entre 1800 e 1900. Nestas revistas teñen valor documental e artístico os seus gravados, fotogravados e fotografías, estes exemplares da doazón están completos, o que lle engade valor bibliográfico pois en moitas ocasións aos números que se conservan fáltanlle os gravados, pois estas imaxes eran verdadeiras creacións artísticas. Nesta revista según a bibliografía aparecen as primeiras imaxes reproducidas mediante fotogravado. A partir de 1892 xa se introduce a fotografía. Esta doazón axuda a seguir completando a colección con outros fondos e depósitos do Museo que tamén teñen algún número desta revista.

As revistas satíricas no século XIX realizaron, con artigos literarios irreverentes, un ataque frontal á política, sociedade, cultura e relixión do momento, unha das máis populares foi: FR. Gerundio. Periódico satírico de política y costumbres (1837-1842) que naceu en León en 1937, nesta doazón consérvanse os números do tercer trimestre de finais de 1937 e o cuarto cuatrimestre de principios de 1838 correspondentes a esa primeira época en León e previo ao seu traslado a Madrid, neste momento ten o nome de: Fr. Gerundio, periódico de León, ademais de case todos os números do ano 1940 encadernados por trimestres (falta un trimestre julio, agosto, setembro), e un trimestre de 1941. 
 Esta revista satírica foi dirixida é escrita polo historiador Modesto Lafuente y Zamalloa que escribiu a monumental Historia General de España. Esta revista é unha sátira contra a incompetencia dos políticos. Tivo moito éxito na súa época, as suscricións foron aumentando desde o comezo, podían facerse desde moitos puntos de España incluída Ourense, algúns números incluso tiveron reedicións. Segundo o propio Lafuente os suscritores eran de todas as clases sociais. Moitos estudosos consideran esta revista unha das obras que inician a idade de ouro do xornalismo satírico-político, costumbrista e literario da histora da prensa en España. Baroja considera a Modesto Lafuente como un pioneiro da socioloxía en España.

Diccionariogeográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones deultramar de Pascual Madoz dos 16 volúmes da obra de Madoz, nesta doazón consérvanse 7 volumes, a pesares de non estar completa a obra é necesaria a súa conservación sobre todo porque é a edición orixinal dos anos 40 do século XIX e forma parte do patrimonio bibliográfico tanto de España como de Galicia. 
Partituras de zarzuela 
Nesta doazón tamén se conserva con encadernación en cartoné unha colección de partituras de música variada destacando as zarzuelas, de importantes editores de música do século XIX como Casimiro Martín ou Joaquín Gaztambide do que tamén hai varias partituras das que é autor. Algunhas das partituras teñen selos ou ben troquelados ou ben en tinta, incluso algunhas con dous selos de Gaztambide e Casimiro Martin. Ambos tiveron unha importancia fundamental na restauración e na eclosión da zarzuela, popularizandoa por toda España e polo mundo, Gaztambide coas súas composicións e Casimiro Martín coa edición das partituras sobre de todo reducións para canto e piano de moitas das zarzuelas que se ían estrenando. Esta colección particular de partituras de distintos actos e reducións para canto ou piano son un exemplo desa época, mediados do século XIX, na que se recupera, restaura e ronova un xénero artístico español como é a zarzuela que estaba en momentos baixos. Ainda que as partituras non teñen data de publicación os selos tanto de Gaztambide como de Casimiro Martín axúdannos a aproximar a datación das edicións na segunda metade do século XIX. 
 A nosa valoración desta doazón:
Segundo o artigo 110 da lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, todos os exemplares desta doazón tanto as revistas ilustradas e satíricas como as novelas teñen a consideración de patrimonio bibliográfico, ben por tratarse de edicións anteriores a 1901, ben polas súas características singulares que lles outorgan carácter único (v.gr. ex libris), polo que cabe a obriga da súa conservación. 
Hai que considerar tamén a calidade e o bo estado de conservación das encadernacións de todos os exemplares, pensamos que en todos os volumes é a encadernación orixinal, en cartoné con lombo en pel.
Destacar o bo estado de conservación de todos os exemplares doados, exceptuando algunhas marcas de xilófagos sobre todo no papel nalgunhas follas moi puntuais, sen perda no texto e que non acusan visiblemente o seu deterioro xeral.
 
O conxunto da doazón é representativo da variada edición do século XIX: revistas ilustradas, satíricas, novelas, partituras de zarzuela e dicionarios enciclopédicos.

Todos son documentos necesarios a ter en conta nos estudos sociolóxicos, históricos e artísticos desta época, pois a través de texto ou de imaxe reflectían ben unhas ideas ou ben os feitos políticos, económicos, sociais e culturais. 

En Libia e Manuel, queremos representar, neste 24 de outubro Día da Biblioteca, a todas as persoas que xenerosamente se acercan ás institucións públicas para facer doazóns, desta maneira transforman un patrimonio privado en patrimonio público. Moitas grazas por confiar nas bibliotecas públicas para a custodia e difusión do patrimonio bibliográfico.

Sem comentários: