segunda-feira, 1 de dezembro de 2014

Menestra de tipos populares de Galicia



Menestra de tipos populares de Galicia. Copiados al natural po F. Guisasola. Salpimentada por varios distinguidos escritores del país. Madrid: Lit. de la Guirnalda, [1880-1881]


Trátase dun conxunto de 13 láminas de  litografías a unha tinta de tipos populares únicos de distintos lugares de Galicia, debuxados ao natural polo pintor e debuxante Federico Guisasola y Lasala, de orixe non galega, mas que residiu bastante tempo en Galicia e morreu en Pontevedra en 1882, acompañadas de 13 composicións poéticas, a modo de reseñas biográficas, de escritores e escritoras de cada un dos tipos representados, impresa en Madrid no establecemento Litografía de la Guirnalda, un dos establecementos litográficos mais importantes da época, non aparece data impresión, porén no documento aparece a data de 1880 na composición de Cláudio Cuveiro sobre o tipo Juan Francisco de Pontevedra e a de 1881 na introdución feita por Benito Losada na composición titulada Menestra.

No mundo da impresión no século XIX a litografía foi o principal método de reprodución de obras de arte e de ilustración de libros e revistas, esta técnica de impresión gráfica permitía o artista producir moitas copias dun debuxo a mán alzada. Destacan as litografías orixinais feitas polo recoñecido pintor e debuxante Guisasola, unha obra de arte en si mesmas, ainda que tamén por ser tipos populares de distintas zonas de Galicia, son un documento antropolóxico que nos pode a axudar no estudo e comprensión de distintas materias relacionadas cos fondos do Museo como pode ser a indumentaria. 


Como di Couceiro Freijomil en: Diccionario bio-bibliográfico deescritores esta obra é “un curioso álbum literario” no que escriben importantes escritores galegos da época: Claudio Cuveiro, Benito Losada, Nicanor Rey, Arturo Vázquez, Valentín Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán, fan un retrato as veces literario as veces mais real das personaxes, describindo o seu mundo na vila, o seu oficio, e a relación coas demais xentes, un verdadeiro retrato de antropoloxía social.


O exemplar que temos no Museo Etnolóxico forma parte duns cantos exemplares editados para a Real Academia Galega, que esta distribuiu despois por algúns centros: Arquivo do Reino, Museo de Belas Artes, Universidade de Santiago de Compostela a mesma Real Academia, e queda algún en Anticuarios, en Galicia localizamos un exemplar nun anticuario con selo da Real Academia Galega e por encima deste selo outro indicando: Real Academia Galega. Anulado. Este exemplar presenta as láminas nunha encadernación moderna de cor azul co título en letras doradas, nun conxunto de 30 follas sen numerar (as 30 follas son as láminas orixinais) ainda que orixinalmente as láminas estaban soltas, a colocación das láminas neste exemplar é a seguinte: unha portada onde aparece o título da obra, autor e o nome da imprenta-litografía, 1 folla firmada por Benito Losada que describe a obra a modo de introdución, 13 follas, 1 folla con un poema de Luis Rodríguez Seoane con un lugar e un data “Santiago, octubre de 1880”, 13 follas de litografías cos tipos populares firmadas por Federico Guisasola e 13 follas de textos firmados diferentes escritores e escritoras describindo as personaxes respresentadas nas litografías.
 
A editorial Produccións Culturais Artesa de A Coruña editou no ano 2000 unha reprodución facsimilar da edición feita pola Litografía de la Guirnalda, en forma de carpeta composta por 24 follas e 14 láminas, con un prólogo de Manuel María, según decrición bibliográfica da Biblioteca Nacional, e que se pode consultar en varias Bibliotecas Publicas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Sem comentários: