quinta-feira, 13 de novembro de 2014

Cruceiros do Concello de Ribadavia



Pino Pérez, Rubén; García Janeiro, María Jesús: Cruceiros do Concello de Ribadavia. Patrimonio de Galicia. Ribadavia: Editor Rubén Pino García, 2013


O libro Cruceiros do Concello deRibadavia é un estudo dos 26 cruceiros que se conservan nas súas sete parroquias, Santo André de Campo Redondo (10), Santiago de Esposende (2), Santa María Madanela de Francelos (4), San Domingos de Fóra de Ribadavia (5), San Cristovo de Regodeigón (1), San Pedro de Sanín (2) e San Paio de Ventosela (2).
 
Aporta un catálogo dos cruceiros con información sobre a súa propiedade, localización, medicións e descricións orixinais de todos os seus elementos.

Para cada cruceiro reflíctese a parroquia e lugar onde se atopan, a orientación do mesmo en graos N, a xeorreferenciación no sistema Universal Transverse Mercator (UTM) cunha precisión de 1 x 1 m e a altitude en metros sobre o nivel do mar. Cando se coñece, indícase a titularidade do ben patrimonial e o ano de construción. Nalgúns casos engádense observacións sobre o seu estado de conservación que resúmese no apartado de conclusións.

O libro inclúe 70 fotografías orixinais de todos os cruceiros e 24 debuxos orixinais, algúns do conxunto e outros de detalle dos bens.

Os resultados obtidos permiten manter a hipótese dos cruceiros como parte do mobiliario litúrxico e analízanse as orientacións actuais globais de todos eles.

Finalmente, engádese un glosario de termos utilizados principalmente na descrición dos cruceiros, unha lista de referencias bibliográficas, o modelo de fichas de recollida de datos no campo, unha chave para a determinación dun cruceiro e un resumo dos datos obtidos.
 @s autor@s: 
María Jesús García Janeiro, licenciada en Ciencias da Educación: Pedagoxía, pola Universidade de Santiago (1979) e licenciada en Ciencias da Educación: Psicoloxía, pola Universidade de Santiago (1981). Actualmente, traballa en Orientación educativa na provincia de Pontevedra.

Rubén Pino Pérez, licenciado pola Universidade de León no ano 1981. Máster en Ecosistemas terrestres e uso sostible pola Universidade de Vigo (2012). Actualmente desenvolve tarefas de inspección de sanidade na provincia de Pontevedra.
Andrés Pino Pérez cursou estudos de Licenciatura en Historia pola UNED. É o autor da maioría dos debuxos do traballo, realizados con dúas técnicas: estilógrafo e carboncillo.
Alba Pino García, Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela (2013). Desenvolve actualmente estudos no instituto do Cine de Madrid. Foi a autora das fotografías que ilustran o estudo, utilizando unha cámara Canon EOS e unha PowerShot G11.  
A revisión lingüística correu a cargo de  Francisco Xavier Senín Fernández, licenciado en Filoloxía Moderna na rama de Francés e catedrático de bacharelato. Foi vicepresidente da Asociación de Tradutores Galegos.
 Bibliografía d@s autor@s
Pino Pérez, A.; Pino Pérez, R. & Pino Perez, J.J. 1996. "Nuevos hallazgos y consideraciones de las industrias líticas talladas de la costa S.O. de Pontevedra". Zephyrus, 49, pp. 61-74.


García Janeiro, M:J. & Pino Pérez, R. 2000. "Os cruceiros, monumentos representativos do medievo". O Ribadaviense na Istoria, 4, p. 6.



Pino Álvarez, J.J.; Pino Pérez, R.; Pino Pérez, A. & Pino Perez, J.J. 2001. "Nuevos petroglifos en los ayuntamientos de Crecente y A Cañiza". Revista de Estudios Provinciais, 16, pp. 87-101.

NOTA EDITORIAL:

O libro ten unha pequena tirada da edición en papel, por ese motivo se distribúe unha edición dixital en pdf, coas mesmas características que a edición en papel. A consulta e a descarga son de balde picando neste enlace de issuu AQUÍ.
 

Moitas grazas a Rubén Pino e demais autor@s pola súa colaboración nesta recensión, e por ceder a copia dixital para que a subiramos ao taboleiro de issuu do Museo Etnolóxico onde calqueira persoa a pode consultar e descargar.

Sem comentários: