Ao longo da historia do século XX e tamén no XXI os álbums de cromos están na vida de moita xente, iso sí van mudando as imaxes, os temas, as personaxes, mais persiste esa idea de coleccionar e de completar un álbum, que non sempre se consegue. No Museo Etnolóxico conseguimos encontrar completo un álbum de cromos de estampas de “Las Bellezas de Galicia” co número 17008.
“Las Bellezas de Galicia” é o segundo álbum de cromos da colección “España turística y monumental” dirixido por Juan Gil Cañellas editado por Edición Huecograbado de Bilbao. Está formada por 525 estampas en blanco e negro divididas en 60 series: escenas do campo, da feira na aldea, costumes e romarías, portos, pazos, castelos, fontes das catro provincias galegas… na imaxe pódese ver o índice das series. As estampas están feitas sobre fotografías de fotógrafos da época: Pedro Ferrer, José Pacheco, Vázquez Seijas, Eladio Cornide, Rafael Lorente entre outros, aos que o director da obra agradece a súa colaboración. Na cuberta de “Las bellezas de Galicia” aparece un debuxo firmado por Mel da Catedral de Santiago de Compostela. No exemplar 17008 do Museo Etnolóxico non aparece data de edición, a Red de Bibliotecas do Principado de Asturias data “Las Bellezas de Asturias”, que foi o primeiro álbum da colección, en 1933.
Este álbum de cromos hoxe en día é unha importante fonte de información para o estudo da sociedade e da cultura galega de mediados do s. XX, así como unha obra gráfica para o estudo da fotografía en Galicia.
Un dos álbums máis importantes en Galicia é o publicado en 1936 polo fotógrafo Ksado (Luis Casado): “Estampas de Galicia” con unha tiraxe de 10.000 exemplares, no que se debían pegar os 405 cromos de diferentes tamaños ( desde 6 x 9 a 12 x 17cm ) que o compuñan. Constitúe un percorrido por todo o país presentando vistas das cidades e vilas, rúas e monumentos, paisaxes, escenas do traballo nos portos e da vida campesiña. A súa concepción queda perfectamente definida na súa propia propaganda "exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra". [información sacada da web do Centro de Estudos Fotográficos de Vigo].
En 2011 a Editorial Bruguera reeditou tres títulos míticos das orixinais coleccións de cromos : "Banderas del Universo", "Maravillas del Mundo" y "Razas humanas", clásicos editados a mediados dos anos cincuenta, o autor das ilustracións foi Miguel Conde, que debuxaba en cor a partir de fotografías en branco e negro. Neste caso pérdese a maxia de andar procurando e intercambiando cromos, pois xa van incluidos o álbum e os cromos e só despegar e colar, sen embargo como apunta o editor mais que nostalxia estas reedicións supón recuperar “o retrato dunha época”.
Sem comentários:
Enviar um comentário