sexta-feira, 4 de março de 2011

ENTROIDO, ENTRUIDO, ENTRUDO, ENTRUDIO, CARNAVAL

Felos, cigarróns, folións, fulións,  reinados, pantallas, peliqueiros, señoritas, labardeiros, boteiros, mazcaras, troteiros, vellaróns, vergalleiros, meco, o rei, a morena,comparsas, murgas, cocido, androlla, lacón, grelos, orella, cachucha, cabrito, bombos, domingo fareleiro, domingo oleiro, domingo corredoiro, domingo, lun e martes de entroido,  xoves de compadres, xoves de comadres.... son moitas das palabras que nestes días grandes do Entroido Ourensán, se escoitaran por toda a provincia.

Nos suplementos dos xornais, nas revistas de fin de semana aparecen diversos monográficos informando sobre esta festa tan popular, tradicional e participativa da provincia de Ournese desde as cidades, vilas, pobos, aldeas, lugares... alí encontraremos unha festa. Destacamos o nº 116 de febreiro de 2011 de Auria editada polo xornal La Región e o Especial Entroido do mes de marzo do xornal de Valdeorras O Sil , con contribucións de diferentes persoas. Na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela na sección de Guías de lectura na parte de Guías temáticas teñen un dicionario do entroido e unha guía temática do entroido en Galicia con bibliografía sobro o tema, pódese acceder a máis bibliografía buscando no Catalogo da Rede de Bibliotecas de Galicia en Materia: Entroido

Para coñecer máis sobre o Entroido na provincia de Ourense destacamos o libro publicado en 2009 pola Deputación de Ourense e a Fundación Caixa Galicia: As caras do entroido ourensán, na que colaboran investigadores e estudosos do tema como: Federico Cocho, Xosé Manuel González Reboredo, Fidalgo Santamariña, Clodio González Pérez.... ilustrado con fotografías de grande calidade e un apéndice bibliográfico. INDICE AQUÍ

Para saber máis das comparsas e das murgas tradicionais de Ribadavia destacamos o artigo de José Luis Chao Rey: “Cen anos entroido en Ribadavia” publicado no nº 8 (2004) da Revista A.C. Fraicellus, onde presenta unha relación das comparsas máis importantes entre 1918 e 1987: Los Vampiros, Los Pierrots, Los Judíos, Los Serodios, Los Bragianos, Os de Sempre.... destas comparsas destacan as letras e a música das murgas que interpretaban. Presentamos aquí dous folletos conservados nos fondos da Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia, en concreto do Fondo da Familia Meruéndano: as murgas da Comparsa Los Zíngaros. Carnavales de 1935 e outro da Murga los Bragianos do Carnaval de 1981 en recuerdo a D. Luis Brage Villar.

Sem comentários: