terça-feira, 19 de outubro de 2021

Día das Bibliotecas 2021. Ano Iberoamericano das Bibliotecas



 

En 2019 a XX Conferencia Iberoamericana de Ministras e Ministros de Cultura Iberoamericana declarou o ano 2021 como Ano Iberoamericano das Bibliotecas co obxectivo de deseñar actividades e propostas en base a seis eixes fundamentais:

  • O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos.

  • Os desafíos das bibliotecas despois da pandemia.

  • As bibliotecas máis alá dos libros: un lugar para as persoas.

  • Innovación e bibliotecas: qué significa innovar e cómo facelo?

  • As bibliotecas como entidades fundamentais para o desenvolvemento da Axenda 2030.

  • As bibliotecas como lugares para a inclusión das poblacións en desventaxe e minorías.

Seguindo algúns destes puntos fundamentais a Biblioteca do Museo Etnolóxico propón para celebrar o Día das Bibliotecas 2021 as seguintes actividades:

 

Parlamos das bibliotecas: coñecelas para usar a información que custodian.  

Dentro do eixe O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos do Ano Iberoamericano das Bibliotecas 2021, propomos relatorios a modo de conversas con responsables de distintos tipos de biblioteca co obxectivo de dar a coñecer a variedade de bibliotecas, os diversos servizos e documentación que conservan. O seu coñecemento permitiranos facer uso da información que custodian.

22 de outubro ás 20.30 Ángel Domínguez López : A biblioteca do Instituto Teolóxico Divino Maestro (Seminario Maior de Ourense): pluralidade temática e interese cultural.

23 de outubro ás 20.30 Xulia Santiso Rolán: A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán unha biblioteca particular, privada e patrimonial.

Ás conferencias pódese asistir de forma presencial ou a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia con capacidade para 50 participantes, copiando no navegador a seguinte dirección:

https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico_Conferencia_18102021  e o contrasinal: BibliotecaMER.

O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.

 

Mostra expositiva: Os almanaques e a educación informal

Exposición de distintos exemplares de almanaques de temáticas variadas: saúde, agrícolas, enciclopédicos, relixiosos editados entre finais do século XIX e o último terzo do século XX.

Co obxectivo de mostrar a todo o público do Museo Etnolóxico documentos singulares conservados na Biblioteca do Museo como son os almanaques, resaltando a súa importancia na historia da educación non institucional. Ademais da información cronolóxica, meteoróloxica, astrolóxica propia dos calendarios achegaban información sobre materias diversas: cultura popular (refráns, cantigas, ditos), literatura, historia, actualidade, biografía, temas de carácter social, moda... sempre cunha linguaxe sinxela co obxectivo de chegar a un público amplo e variado. 

  Ver artigo con máis información sobre os almanaques AQUÍ  

 

Taller práctico orientado a clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO: Esculcamos historias nas bibliotecas de museos, (a realizar durante curso escolar, por solicitude do club de lectura, previo envío de información por correo electrónico).

É imprescindible que as bibliotecas especializadas cada vez máis sexan accesibles e cercanas á diversidade de persoas usuarias, é este un dos retos da innovación, ademais de mostrar que este tipo de bibliotecas son útiles para a comunidade educativa, un desafío despois da pandemia para as bibliotecas especializadas. 

 Co obxectivo de achegar á comunidade educativa a información e documentos que conservan as bibliotecas de museos e coa intención de facela partícipe propomos este taller á desenvolver durante unha xornada no Museo Etnolóxico:

1. Presentación: que é unha biblioteca de museo?

2. Práctica con documentos singulares e curiosos da colección bibliográfica do Museo: libros, folletos, efémeras, almanaques, calendarios, catálogos... documentos moitas veces esquecidos e infravalorados que analizaremos para descubrir e extrear deles toda a información.

3. Visita guiada á Biblioteca do Museo Etnolóxico e ás mostras bibliográficas.



Sem comentários: