terça-feira, 4 de outubro de 2011

A revista "Vida Gallega"


"Vida Gallega" foi unha revista ilustrada, onde apareceron fotografados os máis importante acontecementos sociais, culturais e políticos de Galicia e da comunidade emigrante galega. Foi fundada en Vigo en 1909 por Jaime Solá Mestre, a primeira época será até 1938, tendo unha segunda época de 1954 a 1963.
En "Vida Gallega" colaboraron os máis sinalados fotógrafos de cidade: Jaime e José Pachco, Pintos, Ksado, Avrillon, Gil, Guerra... fotógrafos de vila: de Ribadavia Foto Chao (arquivo que forma parte dos fondos fotográficos do Museo Etnolóxico), así coma fotógrafos afeccionados: Varela, Xesta, o mesmo Jaime Solá...
A importancia desta revista para o estudo histórico, sociolóxico e antropolóxico de Galicia, levou a que Edicións a Nosa Terra, Promocións Culturais  Galegas e a Fundación Caixa Galicia publicaran en varios tomos a Crónica gráfica de "Vida Gallega", baixo o título: As imaxes da "Vida Gallega".

Na Bibliotecas do Museo temos unha considerable cantidade de números orixinais da revista, todos ingresaron por doazón: Familia Meruéndano, José Sánchez Bello, Asociación Abrente e Francisco Fumega. Podesdes ver todos os números que temos AQUÍ.

Ademáis adquirimos por compra os tomos: I, II, III, IV, V e VI da publicación As imaxes da "Vida Gallega" , para completar a descripción e catalogación de algunhas fotos do Arquivo Fotográfico do Museo.Tanto os orixinais como as reproducións de "Vida Gallega" pódense consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico de luns a venres en horario de 9 h. a 15 h., ou ben por correo electrónico rosa.lamas@xunta.es.
Na biblioteca dixital de Galicia: Galiciana na sección de Hemeroteca pódense consultar a texto completo, descargar e imprimir os números de Vida Gallega desde 1909 a 1921.

1 comentário:

Biblioteca Marioneta disse...

Esto é como para non sair da casa. Anque como hai dispositivos móbeis, pois a estudar en todas partes. Parabéns, funcionarios que funcionan.
Biblioteca Marioneta Viravolta.