terça-feira, 15 de março de 2016

Informe Biblioteca 2015


Xestión da colección bibliográfica:

De novo neste 2015 seguimos coa feble actualización da colección sobre todo de monografías debido á escaseza de orzamento, conseguimos incrementar a colección grazas as doazóns de institucións e de particulares. o pouco orzamento vai cara o mantemento da colección de publicacións seriadas especializada coa suscripción a todos os titulos de revistas que tiñamos en 2014.

revistas especializadas

-Monografías rexistradas durante 2015: 410 títulos. Novas adquisicións por doazón 392 monografías  (destacamos as institucionais enviadas polo Consello da Cultura Galega, as Deputacións de Ourense e Pontevedra e as particulares de Xosé Ramón Estévez e Francisco González González), por intecambio 18 monografías. 

-Catalogáronse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia, por parte da Biblioteca do Museo 616 exemplares durante 2015, tendo en conta que tamén se fai catalogación retrospectiva de documentos xa existentes, e non só dos que ingresan.
-Publicacións periódicas activas durante 2015: 120 títulos activos con varios números ao ano, que foron xestionados para facilitar o acceso ao documento, destes títulos 78 son de compra, 30 de intercambio e 12 son doazóns. O número de títulos de publicacións seriadas non variou en relación ao ano 2014.

-Baleirado de publicacións periódicas e obras colectivas: 200 exemplares. 


-Xestión de 30 intercambios de publicacións con diversas institucións, con recepción e envío de publicacións.

-Inventario e rexistro das doazóns dos Fondos de:  Xosé Ramón Estévez (é unha doazón aberta, continúarase co inventario). Continuouse co inventario e rexistro do Fondo Bibliográfico e Documental de Elvira Fernández. Empezouse en 2015 co inventario do fondo bibliográfico e documental do Fondo Usatorre.  

Difusión selectiva da información:


-Das novidades, tanto das monografías como dos novos números das revistas, infórmase puntualmente tanto a usuarios/as internos/as e externos/as a través de correo electrónico, e a través das redes sociais, para a difusión de novidades seguimos utilizando Pinterest   neste 2015 incluimos 118 elementos referentes a índices e sumarios de revistas e 70 portadas de monografías que ingresaron como novidades con referencias ao índice da obra. Este ano comenzamos incluíndo tamén en Issuu as novidades, pois Pinterest empezou a restrinxir as visualizacións sólo para persoas rexistradas, elaboramos tres boletins de sumarios de revistas: abril-maio, agosto-setembro e outubro-novembro-decembro:, en canto a boletíns de novidades elaboramos 1 por semestre: de xaneiro a xuño e de xullo a decembro.

 -Continuamos difundindo a actividade e os fondos da biblioteca a través do blogue da biblioteca cunha actualización neste 2015 bastante escasa, máis do que quixeramos, introducimos tan só 6 entradas de temas variados, continuamos coa recensión de libros que lle solicitamos aos autores e autoras para que nos falaran do seu libro a vez completamos o artigo cun resumo, biografía e unha bibliografía dos autores destacando o acceso en liña os artigos: Fernando Franjo e Xosé Luis Sobrado, seleccionamos fototecas nas que se poden encontrar fotos sobre Galicia, imos completando a sección de documentos singulares.  

presentación: "Muller de papel" Rochi Novoa

-En abril, o mes do libro, realizamos unha serie de actividades relacionadas sobre todo coa presentación de distintos libros e o Bookcrossing Día Internacional do Libro 2015 pola zona rural do Ribeiro, uníndonos un ano máis a actividade conxunta de moitas Bibliotecas de Museos de España e que organiza a Biblioteca do Museo ARTIUM de Vitoria.
 
-Selección e exposición de bibliografía representativa de traballos sobre o día de defuntos, así como folletos e cartaces da Noite Meiga para a exposición “Construíndo tradición: Noite Meiga” 
 




Usuarios/as: uso da biblioteca:
 
-Atendeuse a solicitude de información do persoal do museo como apoio documental e bibliográfico ás actividades desenvolvidas nas distintas áreas do museo: catalogación, conservación e restauración de pezas, exposicións… ben aportando fondos da propia biblioteca e ou ben aproveitando o servizo de préstamo interbibliotecario con bibliotecas galegas e estatais, unido á colaboración, apoio bibliográfico e facilitanto o acceso o documento no proxecto museográfico do Museo Galego do Viño desenvolvido durante este ano 2015 no Museo Etnolóxico, así como no proxecto museolóxico do propio Museo Etnolóxico.



-96 usuarios/as externos/as  foron atendiados/as durante 2014 , sendo ben por correo electrónico, teléfono, persoalmente ou a través de préstamo interbibliotecario, sen esquecer que todas son consultas especializadas e sempre personalizadas, tendo en conta que a consulta consiste en buscar e seleccionar a información, facilitar o acceso o documento ben de forma presencial ou ben a través de fotocopias e cada vez máis a través da dixitalización de documentos. Tamén se xestionaron préstamos intrabibliotecarios con outras Bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia e de Bibliotecas Públicas do Estado. 



-As consultas ao catálogo en liña da biblioteca do museo foron de 1.563, baseadas nunha estimación das administradoras do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia, no que está integrado o catálogo da Biblioteca do Museo.

-O blogue da Biblioteca  durante 2015 tivo 14710 visitas.


Colaboracións:


-Colaboración coa Asociación Cultural ActivaT de Ribadavia na concepción e elaboración da exposición “Construíndo a tradición: Noite Meiga.

bookcrossing pola comarca do Ribeiro
-Colaboración con máis de 62 Bibliotecas de Museo de toda España repartindo libros libres por todo o mundo na actividade de Bookcrossing o 23 de abril para celebrar o día Internacional do Libro.

-Colaboración co Arquivo Histórico Provincial de Ourense que nos dixitalizou, para un mellor acceso ao documento o xornal local “El Avia Ilustrado”, do que tiñamos unha copia en microfilm (os orixinais están na Hemeroteca Municipal de Madrid) de varios números dos anos 1897 a 1900.

-Colaboramos co blogue de Eva María Galán Sampere Alquibla, una mirada al mundo de las bibliotecas facendo unha presentación da Biblioteca do Museo Etnolóxico: coleccións, difusión, acceso, horario...

segunda-feira, 21 de dezembro de 2015

O proceso de electrificación do noroeste ourensán


Sobrado Pérez, Xosé Luis ; Fumega Piñeiro, Francisco Xosé: O proceso de electrificación do noroeste ourensán. Ourense, Deputación Provincial, 2015


Xosé Luis Sobrado e Francisco Xosé Fumega, historiadores e membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas do Carballiño, documentan e analizan como o noroeste da provincia de Ourense foi pioneiro en Galicia en contar coa electricidade como sistema de enerxía.Este desenvolvemento vai unido o alumeado público das vilas e aldeas, sendo a vila do Carballiño unha das primeiras aló por 1892.

O sumario do libro pódese consultar AQUÍ






Xosé Luis Sobrado Pérez é cofundador  e membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño e do Grupo Histórico Arqueolóxico Larouco. 
Ten estudado e investigado sobre a microhisotoria de varias parroquias da Comarca do Carballiño.
Autor de numeroros artigos de investigación histórica e asesor de contidos do futuro Museo do Viño de Galicia. Xunto con Francisco Xosé Fumega vén traballando en proxectos sobre o patrimonio industrial e fluvial.



A obra pretende dar a coñecer os proxectos que fixeron posible a chegada, a difusión e a universalización da electricidade na zona noroccidental da actual provincia de Ourense, entendendo como tal os nove concellos que conforman a comarca do Carballiño pero, tamén, os de  Amoeiro e Cenlle e as zonas limítrofes dos concellos da Lama, Forcarei e Dozón xa en terras pontevedresas. Unha longa viaxe no tempo que comeza a finais do século XIX coa chegada da electricidade á vila do Carballiño, concretamente no ano 1896 -tan só tres meses despois da inauguración do alumeado na capital da provincia- chegando ata 1970 cando a luz eléctrica chega, por  fin,  ó último núcleo habitado e, ó tempo, que se remata a construción do encoro de Albarellos. Ó longo deses anos vemos como calquera regato ou calquera río é bo para a instalar maquinaria que produza electricidade.

A traveso deste percorrido atopamos moitas experiencias relacionadas coa implantación de electricidade: dende o modelo de corte empresarial ata outros de tipo comunitario ou de compañías mineiras foráneas con intereses na zona que precisan desta enerxía para mover as súas máquinas. No primeiro dos modelos, subliñar a existencia de empresas de corte familiar que, co paso do tempo, van evoluíndo ata chegar a ter unha dimensión importante -caso da CHEDA-; nos de tipo comunitario vemos como os veciños dalgunhas parroquias son quen de instalar pequenas centrais que eles pagan e manteñen e, finalmente, o caso dos primeiros destinos industriais desta innovadora tecnoloxía de mans de compañías inglesas ou francesas que explotan as minas desta zona. No medio destas, a curiosa que os frades de Oseira montan ó pé do mosteiro para iluminar o cenobio e, de paso, vender algún quilovatio.

Nas súas páxinas, tamén atopamos as limitacións tecnolóxicas e, en moitos casos, a falla de materiais para a construción de centrais e para instalación de tendidos, sendo abraiante a dependencia tecnolóxica do estranxeiro, tal e como se desprende da análise que de cada unha das centrais se fai ó longo do libro.

Dende a perspectiva humana, resultou ser unha auténtica odisea, sobre todo e como acabamos de dicir, pola carencia de recursos e polos duros anos vividos na posguerra. Pero tamén foi un trunfo deses homes emprendedores e arriscados que un día decidiron botarlle valor á vida a apostar por esta nova tecnoloxía. Lembrar ós empresarios Laforet, Gulías ou Barbeito pero sen esquecer a aqueles outros que, dende a súa modestia, foron quen de facer que as súas lámpadas viran luz ou colaborar coa súa prestación propia nos traballos dos tendidos.

O libro contén, finalmente, unhas testemuñas de xentes que viviron de cerca esta apaixonante experiencia e contan o que para eles supuxo este innovador sistema de alumeado, así como os que en persoa participaron activamente no proceso (instaladores, obreiros, etc.).

Xosé Luis Sobrado Pérez

Moitas grazas a Xosé Luis Sobrado pola súa colaboración.

Bibliografía de Xosé Luis Sobrado Pérez

sexta-feira, 23 de outubro de 2015

Fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia

Esta recopilación de fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia que se poden encontrar na internet vai estar sempre en proceso de construción, pois a cada momento navegando pola rede e cando menos o esperamos nalgún contedor de imaxes dixitais podemos toparnos con algunha fotografía sobre e de Galicia. 

-CER.ES
É a rede dixital de coleccións dos Museos de España que reúne información e imaxes dunha importante selección de bens culturais que forman parte das coleccións de 86 museos de toda España, entre os que están os principais museos de Galicia entre os que se encontra o Museo Etnolóxico. Na opción de Búsqueda Avanzada en Objeto/Documento escribir: Fotografía e por exemplo en Lugar de Procedencia ou en Titulo: Ribadavia, Vigo, Ourense, Bueu...

-Galiciana
É a Biblioteca dixital de Galicia onde aparecen dixitalizados os fondos patrimoniais máis relevantes de Galicia, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia tamén aparecen documentos doutras institucións culturais galegas. 
Na opción de Búsqueda dentro da opción: Colección podemos acotar a busca por: Ilustracións e Fotos.

-Hispana
Reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos de toda España. Pódese concretar máis a busca incluíndo na opción de Búsqueda en Tema: "fotografía" e en Descripción: "Galicia".

-Europeana
É un punto de acceso a millóns de recursos dixitais de arquivos, bibliotecas, museos e coleccións audiovisuais de toda Europa. Por exemplo se buscamos: "Galicia" apareceránnos todos os documentos clasificados con esa materia, e na opción Tipo de material podemos marcar: Image.

-Real Academia Gallega de Bellas Artes
Conta entre o seu patrimonio con un magnífico fondo de fotografías pertencente á colección particular de Manuel Chamoso Lamas. Compónse de 10826 negativos en película, 124 placas de cristal e 4814 fotografías positivadas, o que supón un total de unhas 15000 imaxes.

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflicte as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Centro Documental de la Memoria Histórica
Dentro do Portal de Archivos Estatales está o arquivo do Centro Documental de la Memoria Histórica, en Búsqueda Avanzada, marcar Registros Digitalizados (vainos dar só os documentos que teñen imaxe), escribindo en Buscar: "Galicia", apareceran as fotografías sobre Galicia: 
Podemos ver por exemplo o arquivo fotográfico de Erich Andrés que ten fotografías de Galicia (Vigo, Ourense, Monforte, tamén de Ribadavia).

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflite as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente 
Custodia fondos fotográficos de diversa procedencia e abranguen un período de tempo que comprende desde principios do século XX ata os nosos días.

-Europhoto
Arquivo fotográfico histórico que recupera, dixitaliza e difunde fotografías históricas das principais axencias de noticias europeas, abranguendo a historia de Europa dende finais do século XIX ata a actualidade.
A axencia de noticias española Efe achega até o momento 100.000 imaxes representativas do último século que foi realizado no noso país; fotos da vida cotiá, de celebridades, actos políticos, sociais, culturais ou deportivos de carácter nacional ou internacional.

-Fototeca. Laboratorio de arte da Universidade de Sevilla
Proxecto iniciado cara a 1907 por Don Francisco Murillo Herrera coa finalidade de crear un fondo documental de imaxes que, como complemento a unha gran biblioteca de temas artísticos, constituísen as estruturas básicas dun departamento universitario dedicado ao estudo da Historia da Arte.  Agora é un arquivo documental de absoluta necesidade para o estudo e o coñecemento da historia contemporánea de España.
Sobre todo fotos do patrimonio artístico de Santiago de Compostela, ainda que hai algunha da Coruña.
https://citius.us.es/fototeca/

-Fototeca del Archivo Histórico Ferroviario 
Conserva imaxes de temática variada relacionada coa inxeñería ferroviaria, arquitectura, material de motor, empresas construtoras, empregados do ferrocarril, paisaxes, etc., imaxes de distintas tipoloxías e formatos: placas de vidro, positivos, negativos, tarxetas postais... tendo como datas extremas de 1858 até a actualidade.
No catálogo de acceso público pódese facer unha procura sinxela ou máis avanzada se queremos especificar máis a nosa busca. Se queremos buscar imaxes de Galicia podemos facer unha busca sinxela en "criterios de búsqueda" por Galicia, saen 207 imaxes sobre Galicia.
http://www.docutren.com/Fototeca/sencilla_fototeca.asp

-PPOC Prints & Photographs Online Catalog de la Library of Congress de EEUU
Contén imaxes de gravados, cartaces, fotografías debuxos que sobre todo documenta a historia e a vida dos Estados Unidos, pero tamén hai imaxes de todo o mundo por exemplo hai tres de Galicia, podemos encontralas buscando:  galicians spain.

-Association for Cultural Equity
Conserva a documentación do arquivo de  Alan Lomax, encargada tamén da difusión deste arquivo a través do arquivo en liña. As fotografías, as gravacións sonoras son o traballo de etnoloxía, antropoloxía e etnografía de recompilación feito por Alan Lomax  nas súas viaxes polo mundo.
Neste enlace podemos buscar algunhas das fotografías que fixo sobre Galicia, escribindo na caixa de busca Keyword Search a palabra "Galicia".



segunda-feira, 25 de maio de 2015

Catálogo "Manufacture française d’armes e cycles"

interior do catalógo  "Manufacture française d’armes e cycles"


Temos esta xoia na Biblioteca do Museo Etnolóxico: un dos catálogos da empresa francesa Manufacture Française d'Armes et Cycles de Saint-Etienne fundada en 1885, coñecida comercialmente como Manufrance e que estivo con actividade até 1985. Este exemplar de 660 páxinas non ten data mais polos produtos e polo formato do catálogo calculamos moi a principios do S.XX.

foto da fábrica que aparece no catálogo
Vendían todo o que nos poidamos imaxinar: menaxe, complementos para todo tipo de deporte, máquinas agrícolas, artigos de decoración, máquinas de coser, máquinas de escribir, cámaras fotográficas, obxectos de óptica, de meteoroloxía, fonógrafos, artigos de viaxe e de camping ... e cos seus correspondentes accesorios, na súa publicidade din que encontrarás o mellor e incluso o que non sabías que existía. A maioría destes obxectos eran fabricados por terceiros, eles o que facían eran distribuilos e vendelos. A principios do S. XX esta fábrica chegou a ocupar unha superficie de 40.000 metros cadrados e máis de 1000 obreros traballando. Neste enlace podedes ver a dimensión da fábrica a través das imaxes de algunhas tarxetas postais AQUÍ.

Non obstante, estaban especializados na fabricación sobre todo en todo tipo de armas e na fabricación de bicicletas. A finais do S. XIX os modelos máis modernos e innovadores saídos desta fábrica causaron furor en todo Europa, incluso tiveron a súa propia marca de bicicletas, Hirondelle. Para coñecer a historia e a evolución da bicicleta hai que consultar os catálogos desta fábrica.

catálogo restuarado dos fondos do Museo
Ademais foi pioneira na venta por correspondencia, vendía por catálogo a toda Europa, de feito este catálogo chegou até Ribadavia, pois forma parte da biblioteca que José Sánchez Bello doou á Asocición de Amigos do Museo Etnolóxico. O exemplar do catálogo estaba en bastantes boas condicións, mais para poder utilizalo a restauradora do Museo tivo que fixar as follas reforzando o lombo do libro e forrando as cuberta para manter a estabilidade. Este catálogo foi utilizado como fonte de documentación de varias pezas do Museo: como un conxunto de chaves, obxectos relacionados coa elaboración de viño, cámaras fotográficas, obxectos de caza e pesca ...

Os catalogos de Manufacture française d'armes et cycles están editados para que sexan fáciles é áxiles na súa consulta, explicando nas primeiras páxinas como se debe facer a consulta: no caso de que se coñeza o obxecto consultando o índice de materias do final, no que indica a folla exacta onde encontrar o produto, se non se coñece o nome do obxecto pódese consultar ao inicio o índice cunha divisón xeral de materias, e para facilitar ainda máis a consulta as follas van impresas en distintas cores segundo unhas divisións xerais. Todos os obxectos do catálogo levan a súa mágnifica ilustración, descrición e función, co seu correspondente número identificativo e o prezo para a venta.

exemplo da precisión e da minucionsidade da edición do catálogo e da variedade de produtos comercializados
As instalaciones da antiga Manufactura de Armas e Ciclos de Saint-Étienne foron rehabilitadas e acollen a  Cidade do deseño (Cité du design). Nesta cidade francesa, Saint-Étienne, situada entre os ríos Loira e Ródano, cuna do deseño, desenvolveuse de maneira moi precoz a Revolución Industrial e até mediados do S. XX foi un dos centros industriais máis importante do país galo.


Na páxina das mediatecas de Saint-Étienne podedes consultar distintos exemplares dos catálogos e da publicidade que elaboraba esta fábrica para vender os seus produtos AQUÍ .

No Musée d'Art et d'Industrie de Saint-Étienne conservan, estudan e difunden o legado que deixou esta fábrica en canto a documentación e a obxectos, sobre todo o relativo a historia da bicicleta e das armas.