terça-feira, 22 de abril de 2014

libros libres: 23 abril Día Internacional do Libro

liberación en 2013 na cidade de Ourense
O 23 de abril, como cada ano, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro multiplícanse as iniciativas ao redor dos libros, por terceiro ano consecutivo a Biblioteca do Museo Etnolóxico participa, na liberación de libros (=bookcrossing) xunto con 48 bibliotecas de museos de todo o estado español, esta iniciativa está organizada desde hai seis anos pola Biblioteca-Centro de Documentación ARTIUMde Vitoria.

 Este ano a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberará 11 libros procedentes de publicacións editatas polo propio museo, así como de doazóns e duplicados, de temas variados: fotografía, etnografía, catálogos de exposicións, literatura infantil, novela …


símbolo internacional do bookcrossing
A liberación neste ano 2014 centrase sobre todo no rural da comarca do Ribeiro, en lugares públicos: parques, beirarrúas, paseos fluviais, fontes, monumentos, bancos públicos, etc. de Arnoia, San Cristovo, Francelos, Castrelo de Miño, Leiro… pero tamén da vila de Ribadavia e da cidade de Ourense  no estante da páxina de bookcrossing do Museo Etnolóxico pódense consultar os títulos e os lugares onde serán soltados os libros AQUÍ , todos os libros levan autocolantes identificativos co símbolo internacional do bookcrossing: un libro de cor amarela correndo. O obxectivo principal é que os libros circulen e pasen de man en man, de que a xente que encontre estes libros libres goce con eles e despois os volva deixar en calquera sitio público para que outra persoa poida desfrutar tamén con eles.


Neste vídeo de presentación da campaña podedes ver todas as bibliotecas de museos do estado español que participan este ano. En Galicia participan nesta actividade tamén as Bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Museo de Belas Artes de A Coruña, do Museo da Marioneta en Lalín, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela, da Fundación Granell tamén en Compostela e do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo.






Para ver como foron as edicións de 2012 e 2013 de liberación de libros (=bookcrossing) do Museo Etnolóxico picade AQUÍ
As fotos da edición de 2014 da liberación de libros polo rural da comarca de O Ribeiro pódense ver AQUÍ.

zona oficial bookcrossing no Museo Etnolóxico
Lembrade que nas salas de exposición do Museo Etnolóxico, en concreto onde están as máquinas do obradoiro de encadernación temos unha zona oficial de liberación de libros durante todo o ano.

Todos os libros tanto os liberados no exterior do Museo como os da zona oficial son cazados pola xente que se atopa con eles, mais desa xente moi pouca se rexistra na páxina de bookcrossing para ir deixando o percorrido dos libros, Porén hai persoas que si o fan e nos din onde volven a liberar estes libros, temos libros circulando por Valladolid, Melgaço, Lugo, Madrid, Vigo, Porriño.

quarta-feira, 9 de abril de 2014

Cines de Galicia

Cabo, José Luis; Sánchez García, Jesús Ángel (eds.): Cines de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié, 2013

O libro Cines de Galicia responde ao obxectivo de abordar a análise de toda a arquitectura cinematográfica galega no seu desenvolvemento e contexto histórico, así reúne as achegas de diversos especialistas, abranguendo ramas de coñecemento como a historia, a historia da arte, a historia do cine e a música ou a arquitectura.
Presenta un primeiro inventario dos cines que existiron en Galicia. Reúne 848 fichas de cines, tomando como fontes as informacións de arquivos repartidos por toda a xeografía galega, pero tamén os traballos de campo de José Luis Cabo, e os estudos locais publicados ata a data.

Índice do libro e primeiras páxinas AQUÍ
Máis información sobre o libro e o inventario AQUÍ



Jesús Ángel Sánchez García é Licenciado en Xeografía e Historia (1990) e Doutor en Historia da Arte (1995) pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor Titular de Historia da Arte no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, desde o ano 1998. Acreditado ao Corpo de Catedráticos de Universidade en abril de 2013. As súas liña de investigación son: historia da arquitectura, tipoloxías arquitectónicas , arquitectura e urbanismo de Galicia en época contemporánea,  historia do xardín , conservación do patrimonio . Entre outros moitos participou nos  proxectos e convenios de investigación:  “La visión del artista. Ciudad y arquitectura en Galicia desde la Edad Media hasta la irrupción de la fotografía”, “Inventario y selección de salas cinematográficas. Plan Nacional de Patrimonio del siglo XX”.
Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ.

Cines de Galicia condensa a historia dos vacilantes comezos, o brillante esplendor e a acelerada decadencia e desaparición destas arquitecturas para os sonos do celuloide en Galicia. Dende que os irmáns Lumière comezaron a accionar, alá polo ano 1895, o primeiro aparato cinematográfico, as primeiras exhibicións de películas realizáronse tomando en préstamo locais xa existentes, como os teatros e circos que en Galicia se dedicaban aos espectáculos máis populares. O ano 1908 marcou, para toda Europa, unha data decisiva cara á consolidación das primeiras salas cinematográficas estables, que en Galicia se corresponde precisamente co inicio da andaina do emblemático Salón París da Coruña (1908-1999).

Durante as décadas dos anos dez e vinte os recintos para o cinematógrafo foron estendendo a súa presenza polas principais cidades, á vez que se elaboraban uns primeiros códigos arquitectónicos para converter as salas nun reclamo e un rostro recoñecible para o público. En Galicia foi aínda o período dos pavillóns modernistas, como o Pavillón Liño da Coruña (1905-1913), o New England de Ferrol (1906-1914), ou o Ideal Cinema de Vigo (1914-1930).

A nova presenza e protagonismo urbanos aínda se intensificou a partir da expansión do cine sonoro, que en Galicia veu a coincidir cos cines construídos durante os anos trinta, incorporando ademais as novas formas da arquitectura déco e racionalista -Savoy (1931) da Coruña, Coliseum (1932) de Pontevedra, Fantasio (1933) de Vilagarcía, Callao (1935) de Ferrol, Capitol (1935) de Santiago.

A arquitectura dos cines construídos na posguerra caracterizouse pola convivencia entre as derivacións daquelas solucións modernas do déco e o racionalismo, porén algúns proxectos orientáronse cara á recuperación de elementos de arquitectura vernácula e rexionalista, como os cines deseñados por Luis Gutiérrez Soto ou Manuel Gómez Román -Fraga (1948) de Vigo. Foi durante os anos 40 a 60 do S. XX cando os cines construídos en Galicia alcanzaron a súa máxima implantación territorial, do total de 848 cines documentados en Galicia, máis da metade, 448, foron construídos entre os anos 40 a 60, ata o comezo da crise en 1965.

Esta dominante presenza das salas de cine comezou a declinar a partir de 1965, primeiro pola competencia da televisión e o video, e finalmente polos máis recentes cambios no desfrute do ocio e as novas estratexias de exhibición.

Todas estas arquitecturas, que no seu momento se situaron entre as máis vangardistas e modernas das nosas cidades, recompílanse nun inventario final cos datos básicos de 848 cines que existiron en Galicia.

Con este libro faise unha achega decisiva para cubrir un gran baleiro no que ao coñecemento do noso patrimonio construído se refire, posto que, dentro da arquitectura do século XX, o dos cines foi un dos capítulos máis lentamente recoñecidos, e por iso menos valorado e protexido. Como tantas veces aconteceu coa conservación dos bens culturais, a tardía apreciación deste patrimonio só deu os seus primeiros pasos cando xa era inevitable a súa decadencia, cos irremediables danos e perdas acontecidas nas últimas décadas.

Jesús Ángel Sánchez García

Bibliografía de Jesús Ángel Sánchez García