Mostrar mensagens com a etiqueta actividades. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta actividades. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 19 de outubro de 2021

Día das Bibliotecas 2021. Ano Iberoamericano das Bibliotecas



 

En 2019 a XX Conferencia Iberoamericana de Ministras e Ministros de Cultura Iberoamericana declarou o ano 2021 como Ano Iberoamericano das Bibliotecas co obxectivo de deseñar actividades e propostas en base a seis eixes fundamentais:

  • O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos.

  • Os desafíos das bibliotecas despois da pandemia.

  • As bibliotecas máis alá dos libros: un lugar para as persoas.

  • Innovación e bibliotecas: qué significa innovar e cómo facelo?

  • As bibliotecas como entidades fundamentais para o desenvolvemento da Axenda 2030.

  • As bibliotecas como lugares para a inclusión das poblacións en desventaxe e minorías.

Seguindo algúns destes puntos fundamentais a Biblioteca do Museo Etnolóxico propón para celebrar o Día das Bibliotecas 2021 as seguintes actividades:

 

Parlamos das bibliotecas: coñecelas para usar a información que custodian.  

Dentro do eixe O mundo diverso das bibliotecas: tipoloxías e servizos do Ano Iberoamericano das Bibliotecas 2021, propomos relatorios a modo de conversas con responsables de distintos tipos de biblioteca co obxectivo de dar a coñecer a variedade de bibliotecas, os diversos servizos e documentación que conservan. O seu coñecemento permitiranos facer uso da información que custodian.

22 de outubro ás 20.30 Ángel Domínguez López : A biblioteca do Instituto Teolóxico Divino Maestro (Seminario Maior de Ourense): pluralidade temática e interese cultural.

23 de outubro ás 20.30 Xulia Santiso Rolán: A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán unha biblioteca particular, privada e patrimonial.

Ás conferencias pódese asistir de forma presencial ou a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia con capacidade para 50 participantes, copiando no navegador a seguinte dirección:

https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico_Conferencia_18102021  e o contrasinal: BibliotecaMER.

O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.

 

Mostra expositiva: Os almanaques e a educación informal

Exposición de distintos exemplares de almanaques de temáticas variadas: saúde, agrícolas, enciclopédicos, relixiosos editados entre finais do século XIX e o último terzo do século XX.

Co obxectivo de mostrar a todo o público do Museo Etnolóxico documentos singulares conservados na Biblioteca do Museo como son os almanaques, resaltando a súa importancia na historia da educación non institucional. Ademais da información cronolóxica, meteoróloxica, astrolóxica propia dos calendarios achegaban información sobre materias diversas: cultura popular (refráns, cantigas, ditos), literatura, historia, actualidade, biografía, temas de carácter social, moda... sempre cunha linguaxe sinxela co obxectivo de chegar a un público amplo e variado. 

  Ver artigo con máis información sobre os almanaques AQUÍ  

 

Taller práctico orientado a clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO: Esculcamos historias nas bibliotecas de museos, (a realizar durante curso escolar, por solicitude do club de lectura, previo envío de información por correo electrónico).

É imprescindible que as bibliotecas especializadas cada vez máis sexan accesibles e cercanas á diversidade de persoas usuarias, é este un dos retos da innovación, ademais de mostrar que este tipo de bibliotecas son útiles para a comunidade educativa, un desafío despois da pandemia para as bibliotecas especializadas. 

 Co obxectivo de achegar á comunidade educativa a información e documentos que conservan as bibliotecas de museos e coa intención de facela partícipe propomos este taller á desenvolver durante unha xornada no Museo Etnolóxico:

1. Presentación: que é unha biblioteca de museo?

2. Práctica con documentos singulares e curiosos da colección bibliográfica do Museo: libros, folletos, efémeras, almanaques, calendarios, catálogos... documentos moitas veces esquecidos e infravalorados que analizaremos para descubrir e extrear deles toda a información.

3. Visita guiada á Biblioteca do Museo Etnolóxico e ás mostras bibliográficas.



quarta-feira, 21 de outubro de 2020

"Espantamos o medo": taller para clubs de lectura de bibliotecas escolares


 

GAÑADOR@S DA EDICIÓN 2020 "ESPANTAMOS O MEDO"

Parabéns! para o Club de lectura "A quenda do libro" da Biblioteca Escolar Biblioquendas do IES Lama das Quendas de Chantada (Lugo). 

Co título "As xacias" presentaron sete contos escritos, interpretados e sonorizados polo alumnado da materia do Obradoiro de Música de 1º da ESO e que tamén pertencen ao Club de lectura "A quenda do libro": David, Noa G.,Vanessa, Carla, Gemma, Pablo, Alicia, Hugo, Sara, José Antonio, Thais, Milagros, Uxía e Noa P., e supervisados por Tania Vázquez García (Lingua e Literatura Galega) e Juan Manuel Vázquez (Música).  

Podedes escoitar os seus contos sobre "As xacias" premendo AQUÍ


Moitas grazas ao profesorado por incluír esta actividade na programación lectiva e ao alumnado por participar e descubrirnos o mundo máxico e misterioso das Xacias.

 

Para celebrar o Días das Bibliotecas 2020 (24 outubro), este ano co lema "Sempre ao teu carón" entre outras actividades propomos un taller a todos os clubs de lectura de bibliotecas escolares de Galicia. 

O ano pasado este taller ensaiámolo co Club de Lectura Maquiáns (IES O Ribeiro de Ribadavia) e co Club de lectura do IES A Cañiza e Club de Lectura Muchacha lectora (CPI da Cañiza), acabou cun encontro no Museo, o propio día 24, para un concurso de contada e gozar coa actuación de Brais das Hortas e o seu espectáculo "Contos de defuntos e outros asuntos". Este ano de pandemia e de restricións obriga a modificar a estrutura presencial, por iso difundimos en liña o taller para todos os clubs de lectura e a contada será tamén en liña.


 Espantamos o medo é un taller en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO sobre contos e lendas arredor do medo: aparecidos, santa compaña, rituais fúnebres, banquetes con mortos, encontros en cemiterios, lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos... para rememorar unha das tradicións galegas de relación co máis alá.

  O taller consta de varias partes:

1.  un mini taller guiado coas lecturas, estas lecturas a escoller realizaríanse durante os meses de novembro e decembro

2.  o alumnado en grupo ou individualmente inventa, reinventa, reintrepeta un conto, unha historia, tendo como base un dos contos tradicionais propostos, gravaríano en audio (15' como máximo) e deben envialo ao correo do Museo Etnolóxico: mu.etnolóxico.ribadavia@xunta.gal co asunto: "espantamos o medo", subiremos as achegas en  podcast o canal de Ivoox do Museo Etnolóxico

3.  contada dixital no canal de ivoox do Museo Etnolóxico onde se poderán escoitar todas as participacións

4.  entre todo o alumnado participante, en xaneiro, faremos sorteos de libros relacionados coa temática, facilitados pola Asociación de Amig@s do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR).

 

 Taller guiado:

Comenzamos o taller coa lectura de distintos contos populares, entendendo como funciona o conto de tradición oral. Cando se comeza a lectura de contos de tradición oral hai que ter en conta que a linguaxe utilizada é moi coloquial e con expresións locais dependendo do lugar no que se recolla o conto, ao tempo que existen distintas versións do mesmo conto. 

Partindo do libro de Camiño Noia Campos: “Contos galegos de tradición oral” leremos cinco versións diferentes do mesmo conto, tamén con títulos diferentes, sobre a aparición da morte pax.169 a 178 o título dos contos: A morte padriño, A madriña-morte, A madriña-morte este último ten ata cinco versións.

Estes contos como se transmitían de forma oral estaría ben que se lesen en voz alta, facendo certa representación teatral: exaxerando os xestos, variando os tonos de voz, enfatiazando algúns dos feitos ou accións das personaxes...

Os contos de tradición oral eran contados pola xente, algunhas autoras e autores o que fan é reinterpretar e reescribir eses contos populares, fan as súas versións aínda que baseándose na tradición popular, achegan a versión literaria do conto popular, isto fíxose históricamente xa dende a Idade Media.

O conto popular é para divertir, non ten localización espacial nen temporal, tampoco protagonistas coñecidos, ó contrario das lendas que fabulan ou baséanse en persoas, comunidades, lugares ou acontecementos reais.

Os contos de tradición oral reflicten a cultura e a vida cotiá das sociedades que os crearon. Podemos decir que o conto tradicional é patrimonio das clases populares.

 

Seguimos o taller coa lectura dalgúns contos de tradición oral, reinterpretados por escritor@s, ter en conta que cando estes escritor@s publican estes contos, o galego aínda non estaba normativizado (a Lei de normalización do galego é de 1983). Aínda que o alumnado xa lera algúns destes libros nos que se encontran os contos que propomos, a lectura sería diferente. 

-Á lús do candil. Contos a carón do lume de  Ánxel Fole, podemos escoller entre estes contos: Viña do alén! (mortos aparecidos), O Lordanas (enterrador con medo); Os difuntos falaban castelao.

-Os nenos de Xosé Filgueira Valverde lemos o conto: O medo pax. 18 a 20. Este conto tamén aparece recollido no libro: Antoloxía do conto galego de medo de Silvia Gaspar. Galaxia.

-Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete  de Castelao pode lerse en liña.

-Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste do que escollemos este contos: Sobre da morte de Bieito, A luz en silencio. 

-Cuentos completos. Tomo I  Emilia Pardo Bazán leremos o conto: La Compaña, ademais de neste libro este conto pode lerse en liña AQUÍ. A vez que esta lectura, primeiro pódese ler o conto popular As ánimas en pena pax. 225 do libro Contos galegos de tradición oral de Camiño Noia.

-A trabe de ouro e outros contos de Vicente Risco eliximos a lectura do conto: O lobo da xente, este conto tamén se pode ler en liña AQUÍ . A vez que esta lectura, primeiro pódese ler o conto popular A lobo da xente pax. 181 do libro Contos galegos de tradición oral de Camio Noia. 

-Lendas galegas de tradición oral de X. M. González Reboredo, podemos escoller os seguintes contos: O lobishome, O lobo da xente de Prado, A muller-lobo.

No caso de que na Biblioteca Escolar non haxa estes libros podedes poñervos en contacto coa Biblioteca do Museo Etnolóxico: rosa.lamas@xunta.gal.

segunda-feira, 19 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas 2020: sempre ao teu carón


 

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, neste ano de pandemia e de restricións ´e moi acaído o lema proposto polo Ministerio de Cultura "Bibliotecas sempre ao teu carón". Tamén as bibliotecas de museos, as veces menos visibles, están sempre aí.

Na Biblioteca do Museo Etnolóxico pensamos en actividades para momentos de restricións e para lembrar que conservamos e difundimos patrimonio cultural:

Do dixital ao analóxico do confinamento á nova normalidade: publicación en papel do libro dixital O mes de abril na tradición

O Día do Libro deste 2020 colleunos en confinamento, polo que elaboramos de maneira comunitaria e colaborativa a través das redes sociais (dixitais e persoais), correo electrónico e teléfono coa recompilación de refráns, cancións, cantigas, ditos, historias... sobre o mes de abril un libro dixital. O libro pódese descargar desde o blog do Museo Etnolóxico ou da Biblioteca.

Xa na nova normalidade, para celebrar o Día das Bibliotecas e como agasallo agarimoso para toda a xente que colaborou quixemos editalo en papel para así poder ulir, palpar, acariñar e beixar o entusiasmo comunitario daquel escuro abril de 2020. Concordamos coa reflexión de Irene Vallejo, tirada do seu libro El infinito en un junco, de que aquilo que sobreviviu durante séculos ten máis posibilidades de resistir que aquilo que é novidade.

 


Espantamos o medo . Taller en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO sobre contos e lendas arredor do medo: aparecidos, santa compaña, rituais fúnebres, banquetes con mortos, encontros en cemiterios, lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos... para rememorar unha das tradicións galegas de relación co máis alá.

A actividade consta de varias partes:

  • mini taller guiado coas lecturas, a disposición no blog da Biblioteca do Museo AQUÍ , estas lecturas, a escoller, realizaríanse durante o mes de novembro e decembro
     
  • o alumnado en grupo ou individualmente inventa, reinventa, reintrepeta un conto, unha historia, tendo como base un dos contos tradicionais propostos, gravaríase en audio (15’ como máximo) e enviaríase ao correo do Museo: mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal, que subiriamos en forma de podcast o canal de ivoox do Museo 
     
  • ontada dixital no canal de ivoox do Museo Etnolóxico, onde se poderán escoitar todas as participacións
     
  • entre todo o alumnado participante, en xaneiro, faremos sorteos de libros relacionados coa temática, facilitados pola Asociación de Amig@s do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR).
     
     
     

     
     
     
     Mostra expositiva: “Tes máis conto que Calleja”

    Exporemos a colección de mini contos da editorial Calleja, resultado dunha doazón en 2013. Destacan nestes mini-contos o seu tamaño e o preciosismo das súas ilustracións. A editorial española Saturnino Calleja fundada en 1879, en activo durante catro décadas, supuxo unha revolución dentro da edición de libros escolares e de literatura infantil en España, democratizou a lectura infantil.

     

    Para saber máis sobre a editorial Calleja e sobre estes mini contos AQUÍ 





 

quarta-feira, 16 de outubro de 2019

Festexamos o Día da Biblioteca no Museo Etnolóxico



No día 24 de outubro de 1992 durante o conflito dos Balcáns, a Biblioteca de Saraievo, coñecida como Vijecnica, foi incendiada por un profesor usuario da Biblioteca, desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca para resaltar a importancia das bibliotecas como centros de encontro, conservación e difusión da diversidade cultural.


Fachada da Biblioteca de Saraievo en 2016


Para celebrar esta data neste 2019 desde unha Biblioteca Especializada como é a Biblioteca do Museo Etnolóxico, queremos mostrar a todo o público o interesante patrimonio conservado nestas bibliotecas tan pouco coñecidas: difundiremos como reflectimos na nosa tradición oral e escrita a relación co medo e coa morte (lendas, contos, ditos, feitos ...), esculcaremos no particular fondo documental e bibliográfico da Biblioteca documentos singulares conservados case por casualidade e descubriremos distintas Bibliotecas Especializadas de Galicia e España a través das intervencións de profesionais que alí traballan. 

 
PROGRAMA:
 
outubro

-”Espantamos o medo”: talleres con clubs de lectura de bibliotecas escolares, sobre contos e lendas arredor do medo: lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos, santa compaña, aparecidos, rituais fúnebres...
Clubs de lectura participantes: Club de Lectura Maquiáns (IES O Ribeiro de Ribadavia), Club de lectura do IES A Cañiza e Club de Lectura Muchacha lectora (CPI da Cañiza).


xoves 24 outubro mañá 
 
-Reunión de clubs de lectura de bibliotecas escolares no Museo Etnolóxico con concurso de contada, en colaboración coa Noite Meiga da asociación Ribadavia Activa-T.
-Actuación de Brais das Hortas co espectáculo: “Contos de defuntos e outros asuntos”.
(Actividade para os clubs de lectura participantes).


xoves 24 de outubro 20.00 h // sábado 26 de outubro 12.00 h
 
-Visita guiada á Biblioteca do Museo: “Descubrindo documentos singulares” desde almanaques, a álbums de cromos, minicontos, comedias soltas do S. XVIII, catálogos de tendas, revistas de moda do S. XIX, folletos... que información nos achegan?
(Actividade para todos os públicos, de balde, previa inscrición).


venres 25 de outubro 18.00 h

-En lembranza da nosa compañeira e coautora Araceli Corbo, presentación do libro: “Xornada sobre bibliotecas especializadas (actas 2010, 2013 e 2016)”.
No libro recóllense as experiencias de profesionais de bibliotecas especializadas de toda España, co obxectivo de visibilizar os fondos documentais e bibliográficos conservados neste tipo de bibliotecas.
Remataremos cunha visita ao Museo do Viño de Galicia.
(Actividade para todos os públicos)



Para máis información e para inscribirse  988788720  mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal


terça-feira, 7 de abril de 2015

Abril: mes do libro

O mes de abril é o mes no que cada ano celebramos o Día Internacional do Libro, 23 abril. Para este 2015 o Museo Etnolóxico presenta unha serie de actividades cuxo fío de unión son os libros:

 -17 de abril ás 20.30 h: presentación do libro 50 Cafés históricos de España y Portugal  polo seu autor Fernando Franjo Franjo, editado por Alvarellos Editora. Ofrecerase un café ás persoas asistentes.

A obra realiza un percorrido histórico e literario por 50 locais emblemáticos da Península ibérica, sen esquecer as paisaxes humanas que sobrevoan uns espazos tan ligados ás vivencias de persoas, vilas e cidades. 330 fotografías e documentos de época ilustran e contextualizan esta viaxe.

-23 abril todo o día: liberación de libros, bookcrossing, pola comarca do Ribeiro, acción que se fará conxuntamente con outras moitas bibliotecas de museos de todo o estado, este é o terceiro ano no que participa a Biblioteca do Museo Etnolóxico. Podedes ver o libros que imos deixar libres así como os lugares onde os liberaremos neste enlace AQUÍ

Vídeo promocional, editado pola Biblioteca do Museo ARTIUM de Vitoria da liberación de 2015 AQUÍ. 
Neste enlace podedes ver o álbum de fotos da liberación de 2015 por terras do rural da comarca do Ribeiro AQUÍ

 

-23 de abril: 20:30 h: recital de poesía e música para presentar o libro-disco Muller de papel de Rochi Nóvoa, editado por Abooks.  
Poesía, música e artes gráficas acobilladas nunha caixa que contén un segredo: unha serie de 32 láminas que mostran no seu anverso a interpretación que fan un feixe de artistas gráficos dos poemas que podemosler no reverso.
Podedes ver un momento da presentación no Café Cultural Auriense AQUÍ.

-29 de abril: 20:30 h: presentación do libro Errores del destino de Mari Carmen Rodríguez Barros, editado por Círculo Rojo.

Unha historia de vida contada a través dun relato e poemas, que reflicten situacións vividas por unha muller, guiada pola súa imaxinación e atraída pola fascinante idea de coñecer outros países e outras culturas.

Podedes descargar o folleto coas actividades para este mes do libro picando no enlace:  

sexta-feira, 13 de março de 2015

informe Biblioteca 2014


Xestión da colección bibliográfica:

Dstacamos neste ano 2014 o incremento de fondos bibliográficos da Biblioteca grazas as doazóns e depósitos feitos por particulares, e a falta de orzamento para compra e actualización da colección bibliográfica, exceptuando o aportado para a suscrición de publicacións periódicas xa abertas.

-Monografías rexistradas durante 2014: 378 títulos, neste ano non houbo  partida de orzamento para compra de monografías, o que impediu actualizar a colección, a maioría dos rexistros foron doazóns sobre todo de particulares, algunhas institucións (El Instituto de la Mujer e o Ministerio de Agricultura) e continuamos cos mesmos intercambios (pois carecemos dunha publicación estable coa que establecer intercambios). As novidades ingresadas neste 2014 pódense consultar AQUÍ.

-Catalogáronse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia, por parte da Biblioteca do Museo 485 exemplares durante 2014, tendo en conta que tamén se fai catalogación retrospectiva de documentos xa existentes, e non só dos que ingresan, pois hai un parte importante da Biblioteca que está ainda catalogada de forma manual.

pequena mostra da doazón de Xosé Ramón Estévez
-Publicacións periódicas activas durante 2014: 120 títulos activos con varios números ao ano, que foron xestionados para facilitar o acceso ao documento, pódesen consultar os sumarios dos novos números ingresados no Pinterest do Museos AQUÍ.
 
-Inventario e rexistro das doazóns dos Fondos de: Luisa Escudero, Xosé Ramón Estévez (é unha doazón aberta, continúarase co inventario), Fernando Morí, Mari Trini Domínguez, Francisco González González. Inventario e rexistro dunha parte do Fondo Bibliográfico e Documental de Elvira Fernández. 

Difusión selectiva da información: 

-Das novidades, tanto das monografías como dos novos números das revistas, infórmase puntualmente tanto a usuarios/as internos/as e externos/as a través de correo electrónico, e a través das redes sociais, para a difusión de novidades utilizamos Pinterest  . Neste 2014 incluimos 99 elementos referentes a índices e sumarios de revistas e 88 portadas de monografías que ingresaron como novidades con referencias ao índice da obra. Tamén incluimos en Pinteret unha selección bibliográfica de 20 monografías de estudos sobre a muller en Galicia AQUÍ. 

-Continuamos difundindo a actividade e os fondos da biblioteca a través deste blogue: cunha actualización menos periódica do que desexaríamos. En 2014 introducimos 12 entradas de temas variados, destacamos como novidade, ainda que xa empezamos en decembro de 2013, coa recensión

exposición Detrás da máscara
 de libros que lle solicitamos aos autores e autoras para que nos falaran do seu libro, que completamos cun resumo, biografía e unha bibliografía dos autores destacando o acceso en liña aos artigos.

-Bookcrossing, liberación de libros, no Día Internacional do Libro 2014 pola zona rural do Ribeiro, uníndonos un ano máis a actividade conxunta de moitas Bibliotecas de Museos de España e que organiza a Biblioteca do Museo ARTIUM de Vitoria. Seguimos coa zona bookcrossing nas salas do Museo. 
-Selección e exposición de bibliografía representativa de traballos sobre o entroido na exposición Detrás da Máscara. Fotografías deDemetrio Monteagudo González.

Usuarias/os: usos da Biblioteca:

-Atendeuse a solicitude de información do persoal do museo como apoio documental e bibliográfico ás actividades desenvolvidas nas distintas áreas do museo: catalogación, conservación e restauración de pezas, exposicións… ben aportando fondos da propia biblioteca e ou ben aproveitando o servizo de préstamo interbibliotecario con bibliotecas galegas e estatais. Por outra parte prestouse apoio bibliográfico e facilitouse o acceso ao documento no proxecto museolóxico do Museo Galego do Viño desenvolvido durante este ano 2014 no Museo Etnolóxico, así como no proxecto museolóxico do Museo Etnolóxico. 

-71 usuarios/as externos/as foron atendiados/as durante 2014, por correo electrónico, teléfono, persoalmente ou a través de préstamo interbibliotecario, sen esquecer que todas son consultas especializadas e sempre personalizadas: busca e selección  de información, facilitar o acceso ao documento ben de forma presencial ou ben a través de fotocopias e cada vez máis a través da dixitalización de documentos. Indicar que nestes últimos catro anos houbo un descenso progresivo da usuarias/os externas/os, talvez a crise tivo algo que ver. Tamén se xestionaron préstamos intrabibliotecarios con outras Bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia e préstamo interbibliotecario con outras Bibliotecas Públicas e Especializadas do Estado. Entre os temas consultados durante este 2014 destacamos: sempre son moi demandados os xornais locais antigos, tamén temas de xenealoxía, o temas dos arrieiros, e adegas, este ano especialmente houbo interés pola historia das irmás Touza, fotografía e conservación do patrimonio.

-As consultas ao catálogo en liña da biblioteca do museo foron de 1721, baseadas nunha estimación das administradoras do catálogo colectivo daRede de Bibliotecas de Galicia, no que está integrado o catálogo da Biblioteca do Museo.

-O blogue da Biblioteca do Museo durante 2013 tivo 1789 visitas virtuais.

Colaboracións:

colaboración Biblioteca Deputación Ourense
-Colaboración co Colexio de educadoras e educadores sociaisde Galicia (CEESG) e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade deVigo nas VI xornadas internacionais de educación social e xerontoloxía cotítulo: Boas prácticas:profesionalización e experiencias xeragóxicas, o día 1 de outubro de 2014 ás 17.30 a equipa técnica do Museo Etnolóxico formada por: Pilar Iglesias, Rosa Lamas e Xosé Carlos Sierra xunto coa profesora da Universidade de Vigo Fátima Braña falamos do programa Lembrar no museo incluido no proxecto Museo Aberto, no que está directamente implicado a Biblioteca do Museo.

-Colaboración con máis de 62 Bibliotecas de Museo de toda España repartindo libros libres por todo o mundo na actividade de Bookcrossingo 23 de abril para celebrar o día Internacional do Libro.
 -Colaboración coa Biblioteca da Deputación de Ourense: en xuño de 2014 solicitamos unha copia dixital dos seguintes números do xornal local El Noticiero del Avia: nº 71, nº 476, nº 478,  nº 508, nº 523, nº 544, nº 546, nº 547, nº 548, nº 549, nº 551, nº 552, nº 554, nº 555, nº 562, nº 563, nº 573, nº 577, nº 578, nº 580, nº 587, nº 596, nº 599, nº 805, nº 812, nº 815, nº 818, nº 821, nº 836, nº 849, nº 852, nº 911, nº 989.

Actividades: 


-Organizamos a visita e preparamos un obradoiro co Clube de Lectura CEPI Tomás de Lemos abril de 2014.

-Organizamos a visita e preparamos un obradoiro co  IES Ferro Couselo de Ourense.

-A Biblioteca colaborou activamente co Cineclube Padre Feijoo de Ourense na organización do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas.

Outros:

-A Bibliotecaria foi a titora das prácticas de Nuria Sánchez Álvarez na Biblioteca do Museo do 05/03/2014 ao 09/05/2014. Coordinandoyraballos de xestión bibliotecaria: rexistro, signatura e colocación de monografías, control de publicacións periódicas en fichas kardex e posterior colocación. Tarefas de difusión co bookcrossing do Día do Libro. Clasificación e inventario do Fondo documental e bibliográfico de Juan A. Bande, centrándose no inventario , clasificación e colocación da documentación e literatura efémera relacionada coa Coral de Ribadavia de 1985-1990. Informe dos traballo AQUÍ.

liberación de libros polo rural de O Ribeiro

segunda-feira, 22 de setembro de 2014

O Fondo Juan Bande e o traballo de Nuria

A finais do curso pasado, de marzo a maio de 2014, tivemos entre nós a Nuria Sánchez Álvarez, estudante da Universidade de Santiago de Compostela facendo prácticas no Museo Etnolóxico, ela mesma escolleu traballar no Departamento de Documentación e Biblioteca, colaborando nas labores de clasificación e inventario do fondo documental, así como en tarefas diarias da actividade do Museo relacionadas coa difusión e a montaxe de exposicións.
Como escribe a propia Nuria na súa memoria de prácticas escolleu o Museo Etnolóxico por varias razóns: "por ser un museo de etnoloxía a medio camiño entre a historia e a antropoloxía moi útil para unha estudante de historia pois axuda a ter unha visión ampla do mundo e de tódolos campos, por ter un gran fondo documental e fotográfico con grandes recursos para a investigación e ademais porque é un museo situado na miña vila que me permite traballar sobre a miña comunidade, estudala e aprender acerca dela". 

Clasificación e inventario Fondo Juan Bande: 

A maior parte do seu traballo centrouse no fondo documental e bibliográfico de Juan Bande (produto dunha doazón sucesiva e ainda aberta de máis de dez anos), que estaba prácticamente sen tocar. Escolleu este fondo por ter moita documentación de cultura local da comarca de O Ribeiro e máis específicamente de Ribadavia pois Juan Bande é unha persoa totalmente implicada en distintas actividades culturais de O Ribeiro, tema de grande interese para ela, mais tamén para o Museo era preciso e urxente clasificar e inventariar este fondo pola súa importancia en cantidade e calidade, pois sabiamos que ten documentación interesante para moitos temas. 
Empezou por revisar toda a documentación, seguidamente fixo unha ampla clasificación por temas (feira do viño, festas de Ribadavia, Coral Club Artístico, turismo, cultura de O Ribeiro...) e por tipos de documentos (recortes de prensa, ephemera, documentos persoais, folletos, publicacións periódicas...), debido á amplitude do fondo, unha vez feita a clasificación centrouse no inventario da documentación sobre a Feira do Viño e sobre a Coral do Club
Artístico. Da Feira do Viño sobre todo recortes de prensa en especial dos anos que Juan Bando estivo implicado na directiva da Feira e folletos, en canto á documentación da Coral do Club Artístico son recortes de prensa, folletos, manuscritos da actividade da Coral, da que formou parte, entre 1985 e 1990 (esta documentación completa a aportada por Carlos Jürschik o que nos permite ter unha información moi completa sobre a Coral).

Montaxe da exposición: "Detrás da máscara":

Nuria tamén colaborou na preparación da exposición “Detrás da máscara”  acerca da tradicional celebración do Carnaval en Galicia, onde se expuxeron fotografías, publicacións e mostra dos típicos traxes desta festa tradicional en distintas comarcas ourensás. O seu traballo consistiu en axudar na montaxe das pezas da exposición, no seu inventario, xa que estes obxectos eran emprestados por particulares e asociacións e foi necesario un escrupuloso control do seu manexo. 




quinta-feira, 15 de maio de 2014

Visita Clube de Lectura CPI Tomás de Lemos

Antes das vacacións de Semana Santa o alumnado do Clube de Lectura do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia estiveron boa parte da mañá de visita na Biblioteca do Museo Etnolóxico, acompañados polo profesor de Ciencias Sociais Markos Mendigueren que "anima" este dinámico clube (e que tamén é o autor das fotos que aquí aparecen sobre esta visita, e que escribe o Blogue de Ciencias Sociais de Markos Mendiguren),
Xa estiveran meses atrás nunha extensa visita polo Museo tanto polas salas de exposición como polas áreas de traballo interno: laboratorio de restauración, arquivo fotográfico, almacéns... pero o tempo non lles chegara para visitar con calma a Biblioteca e a Área de Documentación, polo que prometeran voltar e así foi (non sei se foi porque lles prometera un regalo ;-).

observando atent@s. Foto de Markos Mendiguren
Despois dunha pequena presentación da Biblioteca insistindo en que é unha biblioteca especializada polos seus fondos, mais que é de acceso público e que calquera persoa pode facer uso dela, estivemos falando dos materiais coñecidos como ephemera (a explicación partiu da ephemera da foto, que o ano pasado por maio visitou a Biblioteca do Museo): a súa escasa vida, de aí a necesidade de prestarlle máis atención e conservalos, o uso que lles damos no Museo como material de documentación para exposicións (exemplo a exposición do ano 2013 sobre os 50 anos da Feira do Viño), como se conseguiu facer un libro sobre as case esquecidas murgas do carnaval de Ribadavia (prometeron falar co profesor de música para facer unha o ano que vén), como con programas de festas investigamos a chegada do cinematógrafo a Ribadavia  ao final acabaron identificando sin problemas cales son materiais ephemera e nos que por suposto se pode practicar a lectura.

Tiveron entre as mans libros de texto dos anos 50 do s. XX, nos que descubriron que os nenos e as nenas non estudiaban nos memos libros, incluso estivemos lendo cales eran as diferenzas.

ephemera visitando a Biblioteca

Sorprendéronse cos mini-contos da editorial Calleja, viron xornais e revistas antigas, unha colección de discos de vinilo, un interesante libro de autor dos anos 50 do S. XX e todo este material procedente da doazón de persoas que depositan este material nun sitio público para consulta de quen queira.

Certamen sorprendeume moi gratamente o seu interese, pois estiveron todo o tempo (e foron case dúas horas) facendo preguntas, ademais da excelentísima relación de complicidade que teñen co seu profesor.

Como son o futuro do Ribeiro regalámoslle un folleto con escolma de textos sobre o viño de Xaquín Lorenzo, que van ler e conservar con agarimo. 

alumnado Clube de Lectura CPI Tomás de Lemos (Ribadavia). Foto de Markos Mendiguren

FOI UNHA MARAVILLOSA VISITA!!! 

RAPAZAS, RAPACES GRAZAS POR ESE REBULIR QUE LEVANTA OS ÁNIMOS, E GRAZAS A MARKOS POR FOMENTAR ESE REBULIR