Vigo Trasancos, Alfredo (dir.): Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800). A Coruña, Fundación Barrié, 2011
Contido do libro:Vol. 1:
Incorpora toda a planimetría en cor precedida dun prólogo realizado polo
profesor e académico Antonio Bonet Correa: 1004 páx.
Vol. 2:
Os planos, reproducidos en branco e negro e a menor tamaño, aparecen
acompañados de todas as súas correspondentes lendas manuscritas e os seus datos
básicos de referencia, todo precedido por unha serie de estudos introdutorios
realizados polos compoñentes do equipo de investigación. Remata o volume cunha
rica bibliografía: 492 páx.
Tarxeta
USB que inclúe unha completa base de datos con toda a información do libro.
10
reproducións de planos a toda cor, tamaño A2.
Máis información sobre o libro incluido o sumario AQUÍ
Alfredo
Vigo Trasancos é Catedrático de Historia da Arte e profesor da Universidade de
Santiago de Compostela dende 1979, é especialista en temas de Historia da
Arquitectura e do Urbanismo. O seu labor
investigador centrouse no estudo do Barroco e a Ilustración, a Catedral de
Santiago, a Torre de Hércules e as cidades da Coruña e Ferrol. Pola súa
contribución á valoración do patrimonio arquitectónico da Cidade Departamental
foille concedida en 2011 a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol. Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ
A obra
que aquí presentamos pon a disposición do gran público toda a planimetría que,
en referencia á arquitectura e as cidades galegas, se conservou do século XVIII
en diferentes arquivos nacionais e internacionais, chegando a compilar máis de
1600 planos e debuxos.
Tal
cúmulo de planos pon de manifesto a grande importancia que tivo Galicia neste
tempo que estivo dominado no estilístico polo Barroco e o Clasicismo. Tamén
cumpriu o noso país un papel decisivo no militar por motivo da política
defensiva que levou a cabo a Monarquía. Por conseguinte, que deba considerarse
este período histórico como unha especie de momento de esplendor, próbao que
fose entón cando se realizaron obras tan destacadas da nosa cultura artística
como a fachada do Obradoiro da catedral compostelá, o grande Arsenal de Ferrol,
obra crave do Estado borbónico ou, así mesmo, outras realizacións non menos importantes
como o Concello de Santiago, o novo edificio da Universidade ou a fachada
principal da catedral de Lugo que foi proxectada polo enxeñeiro-arquitecto
Julián Sánchez Bort.
Ao mesmo
tempo, o período reflicte non só unha bonanza económica que levou consigo unha
gran febre construtiva, senón un momento de forte confrontación política e
estética. As liberalidades do noso barroco viviron entón un momento de
eclosión, pero tamén de acoso e marxinación en especial a partir da década de
1760. A Academia de Belas Artes de San Fernando, fundada en 1752 para garantir
unha especie de ortodoxia estética, sumada ao crecente poder que vai emanar do
Estado decidirán na desaparición do noso barroco. Á súa vez os mestres do país,
formados nos medios e talleres locais, serán substituídos por especialistas e
técnicos educados en escolas e academias que propoñían outra formación máis
estrita e regulada. De aí que, nesta obra, a través de todos os seus debuxos e
planos, haxa que ver algo máis que unha simple compilación; en realidade é unha
especie de reflexo visual de toda esta situación xeral importante que se
aprecia no papel que asumen as principais cidades, os grandes proxectos que se
realizan, o enorme protagonismo que van ter as realizacións militares, os
técnicos que as fixeron posibles e ata o propio papel que chegou a asumir o
clasicismo académico que veu a ser unha especie de garante da boa orde estética
que tratou de impoñer o "bo goberno" do chamado Despotismo Ilustrado
así oposto a un desordenado e arbitrario Barroco.
Alfredo Vigo Trasancos
Bibliografía de Alfredo Vigo