Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 23 de outubro de 2015

Fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia

Esta recopilación de fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia que se poden encontrar na internet vai estar sempre en proceso de construción, pois a cada momento navegando pola rede e cando menos o esperamos nalgún contedor de imaxes dixitais podemos toparnos con algunha fotografía sobre e de Galicia. 

-CER.ES
É a rede dixital de coleccións dos Museos de España que reúne información e imaxes dunha importante selección de bens culturais que forman parte das coleccións de 86 museos de toda España, entre os que están os principais museos de Galicia entre os que se encontra o Museo Etnolóxico. Na opción de Búsqueda Avanzada en Objeto/Documento escribir: Fotografía e por exemplo en Lugar de Procedencia ou en Titulo: Ribadavia, Vigo, Ourense, Bueu...

-Galiciana
É a Biblioteca dixital de Galicia onde aparecen dixitalizados os fondos patrimoniais máis relevantes de Galicia, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia tamén aparecen documentos doutras institucións culturais galegas. 
Na opción de Búsqueda dentro da opción: Colección podemos acotar a busca por: Ilustracións e Fotos.

-Hispana
Reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos de toda España. Pódese concretar máis a busca incluíndo na opción de Búsqueda en Tema: "fotografía" e en Descripción: "Galicia".

-Europeana
É un punto de acceso a millóns de recursos dixitais de arquivos, bibliotecas, museos e coleccións audiovisuais de toda Europa. Por exemplo se buscamos: "Galicia" apareceránnos todos os documentos clasificados con esa materia, e na opción Tipo de material podemos marcar: Image.

-Real Academia Gallega de Bellas Artes
Conta entre o seu patrimonio con un magnífico fondo de fotografías pertencente á colección particular de Manuel Chamoso Lamas. Compónse de 10826 negativos en película, 124 placas de cristal e 4814 fotografías positivadas, o que supón un total de unhas 15000 imaxes.

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflicte as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Centro Documental de la Memoria Histórica
Dentro do Portal de Archivos Estatales está o arquivo do Centro Documental de la Memoria Histórica, en Búsqueda Avanzada, marcar Registros Digitalizados (vainos dar só os documentos que teñen imaxe), escribindo en Buscar: "Galicia", apareceran as fotografías sobre Galicia: 
Podemos ver por exemplo o arquivo fotográfico de Erich Andrés que ten fotografías de Galicia (Vigo, Ourense, Monforte, tamén de Ribadavia).

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflite as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente 
Custodia fondos fotográficos de diversa procedencia e abranguen un período de tempo que comprende desde principios do século XX ata os nosos días.

-Europhoto
Arquivo fotográfico histórico que recupera, dixitaliza e difunde fotografías históricas das principais axencias de noticias europeas, abranguendo a historia de Europa dende finais do século XIX ata a actualidade.
A axencia de noticias española Efe achega até o momento 100.000 imaxes representativas do último século que foi realizado no noso país; fotos da vida cotiá, de celebridades, actos políticos, sociais, culturais ou deportivos de carácter nacional ou internacional.

-Fototeca. Laboratorio de arte da Universidade de Sevilla
Proxecto iniciado cara a 1907 por Don Francisco Murillo Herrera coa finalidade de crear un fondo documental de imaxes que, como complemento a unha gran biblioteca de temas artísticos, constituísen as estruturas básicas dun departamento universitario dedicado ao estudo da Historia da Arte.  Agora é un arquivo documental de absoluta necesidade para o estudo e o coñecemento da historia contemporánea de España.
Sobre todo fotos do patrimonio artístico de Santiago de Compostela, ainda que hai algunha da Coruña.
https://citius.us.es/fototeca/

-Fototeca del Archivo Histórico Ferroviario 
Conserva imaxes de temática variada relacionada coa inxeñería ferroviaria, arquitectura, material de motor, empresas construtoras, empregados do ferrocarril, paisaxes, etc., imaxes de distintas tipoloxías e formatos: placas de vidro, positivos, negativos, tarxetas postais... tendo como datas extremas de 1858 até a actualidade.
No catálogo de acceso público pódese facer unha procura sinxela ou máis avanzada se queremos especificar máis a nosa busca. Se queremos buscar imaxes de Galicia podemos facer unha busca sinxela en "criterios de búsqueda" por Galicia, saen 207 imaxes sobre Galicia.
http://www.docutren.com/Fototeca/sencilla_fototeca.asp

-PPOC Prints & Photographs Online Catalog de la Library of Congress de EEUU
Contén imaxes de gravados, cartaces, fotografías debuxos que sobre todo documenta a historia e a vida dos Estados Unidos, pero tamén hai imaxes de todo o mundo por exemplo hai tres de Galicia, podemos encontralas buscando:  galicians spain.

-Association for Cultural Equity
Conserva a documentación do arquivo de  Alan Lomax, encargada tamén da difusión deste arquivo a través do arquivo en liña. As fotografías, as gravacións sonoras son o traballo de etnoloxía, antropoloxía e etnografía de recompilación feito por Alan Lomax  nas súas viaxes polo mundo.
Neste enlace podemos buscar algunhas das fotografías que fixo sobre Galicia, escribindo na caixa de busca Keyword Search a palabra "Galicia".



quarta-feira, 9 de abril de 2014

Cines de Galicia

Cabo, José Luis; Sánchez García, Jesús Ángel (eds.): Cines de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié, 2013

O libro Cines de Galicia responde ao obxectivo de abordar a análise de toda a arquitectura cinematográfica galega no seu desenvolvemento e contexto histórico, así reúne as achegas de diversos especialistas, abranguendo ramas de coñecemento como a historia, a historia da arte, a historia do cine e a música ou a arquitectura.
Presenta un primeiro inventario dos cines que existiron en Galicia. Reúne 848 fichas de cines, tomando como fontes as informacións de arquivos repartidos por toda a xeografía galega, pero tamén os traballos de campo de José Luis Cabo, e os estudos locais publicados ata a data.

Índice do libro e primeiras páxinas AQUÍ
Máis información sobre o libro e o inventario AQUÍ



Jesús Ángel Sánchez García é Licenciado en Xeografía e Historia (1990) e Doutor en Historia da Arte (1995) pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor Titular de Historia da Arte no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, desde o ano 1998. Acreditado ao Corpo de Catedráticos de Universidade en abril de 2013. As súas liña de investigación son: historia da arquitectura, tipoloxías arquitectónicas , arquitectura e urbanismo de Galicia en época contemporánea,  historia do xardín , conservación do patrimonio . Entre outros moitos participou nos  proxectos e convenios de investigación:  “La visión del artista. Ciudad y arquitectura en Galicia desde la Edad Media hasta la irrupción de la fotografía”, “Inventario y selección de salas cinematográficas. Plan Nacional de Patrimonio del siglo XX”.
Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ.

Cines de Galicia condensa a historia dos vacilantes comezos, o brillante esplendor e a acelerada decadencia e desaparición destas arquitecturas para os sonos do celuloide en Galicia. Dende que os irmáns Lumière comezaron a accionar, alá polo ano 1895, o primeiro aparato cinematográfico, as primeiras exhibicións de películas realizáronse tomando en préstamo locais xa existentes, como os teatros e circos que en Galicia se dedicaban aos espectáculos máis populares. O ano 1908 marcou, para toda Europa, unha data decisiva cara á consolidación das primeiras salas cinematográficas estables, que en Galicia se corresponde precisamente co inicio da andaina do emblemático Salón París da Coruña (1908-1999).

Durante as décadas dos anos dez e vinte os recintos para o cinematógrafo foron estendendo a súa presenza polas principais cidades, á vez que se elaboraban uns primeiros códigos arquitectónicos para converter as salas nun reclamo e un rostro recoñecible para o público. En Galicia foi aínda o período dos pavillóns modernistas, como o Pavillón Liño da Coruña (1905-1913), o New England de Ferrol (1906-1914), ou o Ideal Cinema de Vigo (1914-1930).

A nova presenza e protagonismo urbanos aínda se intensificou a partir da expansión do cine sonoro, que en Galicia veu a coincidir cos cines construídos durante os anos trinta, incorporando ademais as novas formas da arquitectura déco e racionalista -Savoy (1931) da Coruña, Coliseum (1932) de Pontevedra, Fantasio (1933) de Vilagarcía, Callao (1935) de Ferrol, Capitol (1935) de Santiago.

A arquitectura dos cines construídos na posguerra caracterizouse pola convivencia entre as derivacións daquelas solucións modernas do déco e o racionalismo, porén algúns proxectos orientáronse cara á recuperación de elementos de arquitectura vernácula e rexionalista, como os cines deseñados por Luis Gutiérrez Soto ou Manuel Gómez Román -Fraga (1948) de Vigo. Foi durante os anos 40 a 60 do S. XX cando os cines construídos en Galicia alcanzaron a súa máxima implantación territorial, do total de 848 cines documentados en Galicia, máis da metade, 448, foron construídos entre os anos 40 a 60, ata o comezo da crise en 1965.

Esta dominante presenza das salas de cine comezou a declinar a partir de 1965, primeiro pola competencia da televisión e o video, e finalmente polos máis recentes cambios no desfrute do ocio e as novas estratexias de exhibición.

Todas estas arquitecturas, que no seu momento se situaron entre as máis vangardistas e modernas das nosas cidades, recompílanse nun inventario final cos datos básicos de 848 cines que existiron en Galicia.

Con este libro faise unha achega decisiva para cubrir un gran baleiro no que ao coñecemento do noso patrimonio construído se refire, posto que, dentro da arquitectura do século XX, o dos cines foi un dos capítulos máis lentamente recoñecidos, e por iso menos valorado e protexido. Como tantas veces aconteceu coa conservación dos bens culturais, a tardía apreciación deste patrimonio só deu os seus primeiros pasos cando xa era inevitable a súa decadencia, cos irremediables danos e perdas acontecidas nas últimas décadas.

Jesús Ángel Sánchez García

Bibliografía de Jesús Ángel Sánchez García

sexta-feira, 14 de fevereiro de 2014

Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800)



Vigo Trasancos, Alfredo (dir.): Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800). A Coruña, Fundación Barrié, 2011


Contido do libro:Vol. 1: Incorpora toda a planimetría en cor precedida dun prólogo realizado polo profesor e académico Antonio Bonet Correa: 1004 páx.

Vol. 2: Os planos, reproducidos en branco e negro e a menor tamaño, aparecen acompañados de todas as súas correspondentes lendas manuscritas e os seus datos básicos de referencia, todo precedido por unha serie de estudos introdutorios realizados polos compoñentes do equipo de investigación. Remata o volume cunha rica bibliografía: 492 páx.

Tarxeta USB que inclúe unha completa base de datos con toda a información do libro.

10 reproducións de planos a toda cor, tamaño A2.
Máis información sobre o libro incluido o sumario AQUÍ


Alfredo Vigo Trasancos é Catedrático de Historia da Arte e profesor da Universidade de Santiago de Compostela dende 1979, é especialista en temas de Historia da Arquitectura e do Urbanismo. O  seu labor investigador centrouse no estudo do Barroco e a Ilustración, a Catedral de Santiago, a Torre de Hércules e as cidades da Coruña e Ferrol. Pola súa contribución á valoración do patrimonio arquitectónico da Cidade Departamental foille concedida en 2011 a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol. Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ




A obra que aquí presentamos pon a disposición do gran público toda a planimetría que, en referencia á arquitectura e as cidades galegas, se conservou do século XVIII en diferentes arquivos nacionais e internacionais, chegando a compilar máis de 1600 planos e debuxos.


Tal cúmulo de planos pon de manifesto a grande importancia que tivo Galicia neste tempo que estivo dominado no estilístico polo Barroco e o Clasicismo. Tamén cumpriu o noso país un papel decisivo no militar por motivo da política defensiva que levou a cabo a Monarquía. Por conseguinte, que deba considerarse este período histórico como unha especie de momento de esplendor, próbao que fose entón cando se realizaron obras tan destacadas da nosa cultura artística como a fachada do Obradoiro da catedral compostelá, o grande Arsenal de Ferrol, obra crave do Estado borbónico ou, así mesmo, outras realizacións non menos importantes como o Concello de Santiago, o novo edificio da Universidade ou a fachada principal da catedral de Lugo que foi proxectada polo enxeñeiro-arquitecto Julián Sánchez Bort.


Ao mesmo tempo, o período reflicte non só unha bonanza económica que levou consigo unha gran febre construtiva, senón un momento de forte confrontación política e estética. As liberalidades do noso barroco viviron entón un momento de eclosión, pero tamén de acoso e marxinación en especial a partir da década de 1760. A Academia de Belas Artes de San Fernando, fundada en 1752 para garantir unha especie de ortodoxia estética, sumada ao crecente poder que vai emanar do Estado decidirán na desaparición do noso barroco. Á súa vez os mestres do país, formados nos medios e talleres locais, serán substituídos por especialistas e técnicos educados en escolas e academias que propoñían outra formación máis estrita e regulada. De aí que, nesta obra, a través de todos os seus debuxos e planos, haxa que ver algo máis que unha simple compilación; en realidade é unha especie de reflexo visual de toda esta situación xeral importante que se aprecia no papel que asumen as principais cidades, os grandes proxectos que se realizan, o enorme protagonismo que van ter as realizacións militares, os técnicos que as fixeron posibles e ata o propio papel que chegou a asumir o clasicismo académico que veu a ser unha especie de garante da boa orde estética que tratou de impoñer o "bo goberno" do chamado Despotismo Ilustrado así oposto a un desordenado e arbitrario Barroco.
 
Alfredo Vigo Trasancos

Bibliografía de Alfredo Vigo