Mostrar mensagens com a etiqueta documento singular. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta documento singular. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

As Murgas do entroido de Ribadavia

No Entroido da capital do Ribeiro, até non hai moito tempo podíamos ver grupos de xente disfrazada, unidas por un nome e que formaban unha comparsa, o disfraz non era a única característica, destacaban aquelas comparsas que tiñan máis creatividade nas súas sátiras e burlas. Estas sátiras eran feitas a ritmo de música, coñecidas co nome de Murgas, que en moitos casos eran impresas en folletos.

Para saber máis das comparsas e das murgas tradicionais de Ribadavia destacamos o artigo de José Luis Chao Rey: “Cen anos entroido en Ribadavia” publicado no nº 8 (2004) da Revista A.C. Fraicellus, onde presenta unha relación das comparsas máis importantes entre 1918 e 1987: Los Vampiros, Los Pierrots, Los Judíos, Los Serodios, Los Bragianos, Os de Sempre.... 

Presentamos aquí dous folletos conservados no Fondo Meruéndano custodiado Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense.

 Murga da comparsa "Los Zíngaros" 1935





Murga los bragianos carnaval 1981 from Biblioteca Museo Etnolóxico. Ribadavia

O libro de Marcos Gómez Moure, José Luis Chao e Antonio Pérez Mein: "Murgas e cancións dos carnavais de Ribadavia (ata 1936)" publicado en 2012 recolle e recupera tanto as letras coma a música destas murgas mediante gravacións e algúns manuscritos orixinais. Como indican os autores no prólogo non están todas, nin todos os autores nin intérpretes, tradición oral que por desgraza se foi perdendo. Este libro pódese consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico e no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia AQUÍ. 

quarta-feira, 11 de janeiro de 2017

Almanaques: "a educación informal"



exemplares conservados no Museo Etnolóxico
O almanaque ou almanaque-libro ten como base información cronolóxica, meteorolóxica, astrolóxica e relixioso-litúrxica propia dun calendario, á que lle engaden noticias e documentación de interés social e cultural sobre materias diferentes: literatura, música, medicina, política, xenealoxía, historia, gramática, temas de agricultura, relixión, náutica, moda, dereito, avances científicos, biografías, etc. sendo estas a parte fundamental da publicación.

A temática dos almanaques e calendarios está relacionada coa función principal de medida do tempo, a divulgación da orde do tempo utilizando tres códigos principalmente: o astronómico-matématico, o astrolóxico e o eclesiástico.

Os almanaques tiveron moita importancia como xénero literario no século XVIII, a mediados deste século en Inglaterra hai rexistrados uns 2000 títulos, porén en España o século máis importante para estas publicacións foi o século XIX. Axudaron á aprendizaxe básica da lectura das clases populares, utilizando unha linguaxe clara e sinxela, con frases curtas, foron transmisores da cultura popular achegando: historias breves, anécdotas, fábulas, consellos, coplas, refráns, mais tamén informando das preocupacións e os intereses de cada época, incluso de cada ano. Nos almanaques conviven a cultura popular e os avances científicos.

Axudaron á aprendizaxe básica da lectura das clases populares, foron transmisores da cultura popular: historias breves, anécdotas, fábulas, consellos, coplas, “vehículos de popularización de la cultura”. Os contidos destes almanaques reflectían as preocupacións e os intereses de cada época, incluso de cada ano, así como esa pervivencia da cultura popular que permanece a pesar dos avances científicos.

exemplar  Museo Etnolóxico
 Miryam Carreño estuda os calendarios e almanaques como fontes para un estudo parcial da chamada “educación informal” ou non institucional das clases populares. A información que achegan son nunha linguaxe clara e sinxela con frases cortas, esta xustificación baséaa, sobre todo en dúas razóns fundamentais: por un lado a súa intencionalidade educativa e por outro a amplia divulgación popular que tiveron pois eran de fácil manexo, de baixo prezo e prácticos, distribuidos moitas veces por vendedores ambulantes polo rural. Moitos destes almanaques e calendarios eran distribuídos de balde, como o Almanaque pintoresco de Bristol editado pola empresa Lanman y Kemp, para promocinar os seus produtos de perfumería, xabóns. 

exemplar Museo Etnolóxico
Os almanaques están incluídos dentro da documentación chamada "ephemera", producida para durar pouco, para usar neste caso case exclusivamente durante o ano vixente, case sempre despois do uso os almanaques tiránbanse. A maioría dos almanaques antigos que se conservan en bibliotecas e centros de documentación son grazas a coleccionistas. As bibliotecas provinciais e a Biblioteca Nacional teñen coleccións incompletas dalgunhas series de almanaques antigos porque non tiñan Depósito Legal, co que o impresor non tiña a obriga de entregar as copias correspondentes para a súa conservación.

exemplar 1926. Museo Etnolóxico

 
Un dos almanaques máis populares é coñecidos era o AlmanaqueBailly-Bailliere: o sea pequeña enciclopedia popular de la vida práctica, segundo Honorio Velasco incluído dentro dos almanaques enciclopédicos que como indica no seu título pretendían proporcionar información práctica a todos os sectores sociais, entendendo que esta era moi variada como a sociedade mesma. O contido era sempre moi variado, esta era precisamente a característica máis destacada, tiña un índice coas materias tratadas, as informacións non estaban asinadas, ilustrados con gravados e publicidade. Empezaba con tablas cronolóxicas, astronómicas, correspondencias entre distintos calendarios, a descripción dos meses, semanas e días coa descrición do ceo.
Na Biblioteca do Museo consérvanse tres exemplares: o máis antigo de 1898, un de 1924 e outro de 1926.  
Na Hemeroteca Digital da BNE pódense consultar a texto completo varios números AQUÍ.


 
 
Existen diferentes tipos de almanaques segundo a temática: enciclopédicos, de saúde, agrícolas, algúns eran esencialmente revistas literarias formadas fundamentalmente por artigos de escritores da época, sen esquecer escritos de historia, cultura popular, etnografía, arqueoloxía nos que destacan ás ilustracións con gravados. Porén a publicación sempre se iniciaba con efemérides, santoral, información meteorolóxica e astrolóxica, este era o tipo predominante de almanaque que se editou en Galicia e sudamérica a finais do século XIX con achegas de importantes escritores e escritoras, utilizando maioritariamente o castelán con algún escrito en galego sobre todo poemas.
Algúns destes almanaques galegos de finais do século XIX pódense consultar a texto completo en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia:
 
 Almanaque humorístico de Galicia para 1878 dirixido por Arturo Vázquez, editado en Ourense polo Establecimiento Tipográfico de la Propaganda Gallega.


Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, dedicado a todas las bellas hijas del país (1863-1867) editado en Lugo por Soto Freire.

Almanaquegallego (1898-1926) dirixido por Manuel Castro e editado en Buenos Aires.

 
 
 
 

quarta-feira, 24 de agosto de 2016

"As pantomimas da Istoria" comedias soltas do Depósito Meruéndano

Dentro do Depósito Bibliográfico e Documental Meruéndano, conservado no Museo Etnolóxico, encontramos 58 comedias soltas, a maioría editadas no século XVIII e XIX, ainda que hai un número considerable que non teñen data, de autores variados e algúns tan reprentativos do "Siglo de Oro" como Calderón de la Barca ou Lope de Vega.

Que son as comedias soltas?

Entre as moitas definicións que dan os diferentes estudos podemos decir que unha comedia solta é un impreso individual en forma de folleto, que recolle unha obra teatral e que ten as seguintes características:

-unidade separada, tipo folleto, en formato 4º
-repartida en catro ou cinco pregos
-que case sempre teñen unha soa obra teatral
-sen portada propiamente dita, cunha cabeceira na metade superior da primeira páxina, co título da obra precedido das fórmulas “Comedia Famosa” ou “Famosa Comedia”, as veces o nome do autor e tradutor e o “dramatis personae”.
-o texto vai case sempre en dúas columnas
-como as imprentas publicaban en serie as obras de diversos autores por iso levan un número na parte superior esquerda, na parte dereita o número da páxina ou folla e sempre levan un colofón o final da obra.

O material non é de moi boa calidade, utilízanse tipos de imprenta desgastados, polo tanto a impresión é de mala calidade, sen tapas protectoras, con fallos de numeración e de tipografía de aí que foran de baixo custe. Parece que ían destinados a un público popular e que eran documentos para usar e tirar “ephemera”.

A maioría destas comedias tiñan unha importante compoñente relixiosa, sobresaen as historias sagradas e bíblicas, así como comedias de santos, pero tamén de acontecementos históricos.

Estas comedias soltas axudan a coñecer a historia da imprenta. A abundacia de impresións, que se conservan de distintos lugares e anos, supón que estas obras teatrais foron un bo negocio editorial na época e evedencia a importancia do teatro na vida social.
58 comedias soltas nun biblioteca partícular, coma a de Meruéndano, en Ribadavia, é indicativo da afección pola la lectura teatral nunha vila con tanta historia teatral, o que vén a demostrar de onde procede esa afección que ainda perdura. 


En Ribadavia estas comedias representábanse na festa do Corpus Christi e durante as festas patronais da Virxe do Portal, como indica Samuel Eiján no seu libro Historia de Ribadavia y sus alrededores (p. 402-410), apunta que según o Extracto de las funciones q. e tiene el Amo de esta Villa  “Algunos días antes de las fiestas del Portal dos Capitulares dan los papeles de la Istoria” continúa decindo Samuel Eiján “o sea de la pantomima o representación escénica que había de tener lugar al aire libre”  Leopolodo Meruéndano Airas no seu libro El fuero Municipal de Ribadavia (pax. 37) relaciona esta tradición coa historia do pobo hebreo "La Historia, constituyendo una evidente reminiscencia del pueblo judáico, que aquí vivió" e describe a festa e a comedia que se representaba en Ribadavia nos primeiros días de setembro: "Consistía ese número en una pantomima, representando ... un hecho de la historia del pueblo hebreo ... en cuya pantomima tomaban parte muchos vecinos de la villa ...". 

comedia solta anotada, Depósito Meruéndano

A Comedia famosa. La prudente Abigail de don Antonio Enriquez Gómez de temática xudea describe a representación na época do rey Saúl, no exemplar conservado no Depósito de Meruéndano (Valencia: Imprenta de la Viuda de Joseph Orga, 1762) aparece anotado en moitas das súas follas, como se pode ver na fotografía, o que nos fai pensar que pode ser unha das "pantomimas" daquela "Istoria" que se representaba durante as Festas do Portal, a principios do mes de setembro.

Como indica Luciana Rodríguez Rodríguez no editorial do Boletín nº 19 O Ribadaviense na istoria editado pola Fundación Festa da Istoria (distribuído de balde na celebración da Festa da Istoria), no exemplar da comedia: Sélico y Berisa: comedia en dos actos de D. Gaspar Zavala y Zamora, de 1799 do Depósito Meruéndano, aparece anotado a man: "Representada en Ribadavia el 11 septiembre 1824". Neste mesmo Boletín nº 19 José Luis Chao no artigo: "O retorno da Becha Uxía (coquetriz de Ribadavia) (Corpus Christi 1437-1868)" fai tamén referencia a estas comedias que se representaban en Ribadavia como nome de "Istoria".

Dar as grazas ao colaborador do Museo Etnolóxico, José Ramón Estévez, porque sempre nos aporta documentación e datos sobre a historia local, tamén no tema destas obras de teatro que se representaban na Istoria.



BIBLIOGRAFÍA:

sobre as comedias soltas:

-Dixitalización de comedias soltas do Museo Nacional del Teatro: http://bvpb.mcu.es/museos/es/consulta/resultados_navegacion.cmd?busq_autoridadesbib=BVPB20100046715

-Cerezo Rubio, Waldo e González Cañal, Rafael: Catálogo de comedias sueltas del Museo Nacional de Teatro de Almagro. Alicante : Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2011. Reprodución orixinal: Edición dixital a partir de Madrid, Centro de Documentación Teatral-Universidad de Castilla la Mancha, 1994.


sobre as comedias da Istoria en Ribadavia:

-Eiján, Samuel: Historia de Ribadavia y sus alrededores. Lugo: Alvarellos, 1981. (Ed. facs. de Madrid : 1920 (Establecimiento Tipográfico de San Bernardo, 1920) (paxs. 402-410, especialmente nas paxs. 406-407).

-Meruéndano Arias, Leopoldo: El fuero Municipal de Ribadavia. Orense: Imprenta de A. Otero, 1909 (pax. 37).

-Hernández Figueiredo, José Ramón e González Cougil, Ramiro: Ribadavia y el santurario del Portal. Santiago de Compostela : Institutuo Teológico Compostelano, 2008 (paxs.236-264 especialmente nas paxs. 254-255 indicando que a tradición do teatro en Ribadavia está documentada desde o s. XVIII).

-O Ribadaviense na Istoria nº 19, 2016  (pax. 1 Editorial asinado por Luciana Rodríguez Rodríguez, pax. 9 artigo de José Luis Chao).

-Sierra Rodríguez, Xosé Carlos:  A Festa da Istoria de Ribadavia. Relato, Invención, Vivencia. Portvgalia, Nova Série, vol. 36, Porto, DCTP-FLUP, 2015, pp. 277-294

-González Montañés Julio I: Teatro en Galicia. Noticias de representaciones hasta 1750. Istorias. En: Teatro y espectáculos públicos en Galicia. De los orígenes a 1750.