Mostrar mensagens com a etiqueta fotografía. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta fotografía. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 23 de outubro de 2015

Fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia

Esta recopilación de fototecas dixitais con imaxes e fotografías sobre Galicia que se poden encontrar na internet vai estar sempre en proceso de construción, pois a cada momento navegando pola rede e cando menos o esperamos nalgún contedor de imaxes dixitais podemos toparnos con algunha fotografía sobre e de Galicia. 

-CER.ES
É a rede dixital de coleccións dos Museos de España que reúne información e imaxes dunha importante selección de bens culturais que forman parte das coleccións de 86 museos de toda España, entre os que están os principais museos de Galicia entre os que se encontra o Museo Etnolóxico. Na opción de Búsqueda Avanzada en Objeto/Documento escribir: Fotografía e por exemplo en Lugar de Procedencia ou en Titulo: Ribadavia, Vigo, Ourense, Bueu...

-Galiciana
É a Biblioteca dixital de Galicia onde aparecen dixitalizados os fondos patrimoniais máis relevantes de Galicia, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia tamén aparecen documentos doutras institucións culturais galegas. 
Na opción de Búsqueda dentro da opción: Colección podemos acotar a busca por: Ilustracións e Fotos.

-Hispana
Reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos de toda España. Pódese concretar máis a busca incluíndo na opción de Búsqueda en Tema: "fotografía" e en Descripción: "Galicia".

-Europeana
É un punto de acceso a millóns de recursos dixitais de arquivos, bibliotecas, museos e coleccións audiovisuais de toda Europa. Por exemplo se buscamos: "Galicia" apareceránnos todos os documentos clasificados con esa materia, e na opción Tipo de material podemos marcar: Image.

-Real Academia Gallega de Bellas Artes
Conta entre o seu patrimonio con un magnífico fondo de fotografías pertencente á colección particular de Manuel Chamoso Lamas. Compónse de 10826 negativos en película, 124 placas de cristal e 4814 fotografías positivadas, o que supón un total de unhas 15000 imaxes.

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflicte as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Centro Documental de la Memoria Histórica
Dentro do Portal de Archivos Estatales está o arquivo do Centro Documental de la Memoria Histórica, en Búsqueda Avanzada, marcar Registros Digitalizados (vainos dar só os documentos que teñen imaxe), escribindo en Buscar: "Galicia", apareceran as fotografías sobre Galicia: 
Podemos ver por exemplo o arquivo fotográfico de Erich Andrés que ten fotografías de Galicia (Vigo, Ourense, Monforte, tamén de Ribadavia).

-Fototeca del Patrimonio Histórico
A Fototeca do IPCE está integrada por máis de 700.000 documentos fotográficos cuxa cronoloxía abrangue dende a década de 1860 ata a actualidade e cuxa temática reflite as transformacións do noso Patrimonio Cultural dende os inicios da fotografía.
Pódese buscar por termo xeográfico.

-Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente 
Custodia fondos fotográficos de diversa procedencia e abranguen un período de tempo que comprende desde principios do século XX ata os nosos días.

-Europhoto
Arquivo fotográfico histórico que recupera, dixitaliza e difunde fotografías históricas das principais axencias de noticias europeas, abranguendo a historia de Europa dende finais do século XIX ata a actualidade.
A axencia de noticias española Efe achega até o momento 100.000 imaxes representativas do último século que foi realizado no noso país; fotos da vida cotiá, de celebridades, actos políticos, sociais, culturais ou deportivos de carácter nacional ou internacional.

-Fototeca. Laboratorio de arte da Universidade de Sevilla
Proxecto iniciado cara a 1907 por Don Francisco Murillo Herrera coa finalidade de crear un fondo documental de imaxes que, como complemento a unha gran biblioteca de temas artísticos, constituísen as estruturas básicas dun departamento universitario dedicado ao estudo da Historia da Arte.  Agora é un arquivo documental de absoluta necesidade para o estudo e o coñecemento da historia contemporánea de España.
Sobre todo fotos do patrimonio artístico de Santiago de Compostela, ainda que hai algunha da Coruña.
https://citius.us.es/fototeca/

-Fototeca del Archivo Histórico Ferroviario 
Conserva imaxes de temática variada relacionada coa inxeñería ferroviaria, arquitectura, material de motor, empresas construtoras, empregados do ferrocarril, paisaxes, etc., imaxes de distintas tipoloxías e formatos: placas de vidro, positivos, negativos, tarxetas postais... tendo como datas extremas de 1858 até a actualidade.
No catálogo de acceso público pódese facer unha procura sinxela ou máis avanzada se queremos especificar máis a nosa busca. Se queremos buscar imaxes de Galicia podemos facer unha busca sinxela en "criterios de búsqueda" por Galicia, saen 207 imaxes sobre Galicia.
http://www.docutren.com/Fototeca/sencilla_fototeca.asp

-PPOC Prints & Photographs Online Catalog de la Library of Congress de EEUU
Contén imaxes de gravados, cartaces, fotografías debuxos que sobre todo documenta a historia e a vida dos Estados Unidos, pero tamén hai imaxes de todo o mundo por exemplo hai tres de Galicia, podemos encontralas buscando:  galicians spain.

-Association for Cultural Equity
Conserva a documentación do arquivo de  Alan Lomax, encargada tamén da difusión deste arquivo a través do arquivo en liña. As fotografías, as gravacións sonoras son o traballo de etnoloxía, antropoloxía e etnografía de recompilación feito por Alan Lomax  nas súas viaxes polo mundo.
Neste enlace podemos buscar algunhas das fotografías que fixo sobre Galicia, escribindo na caixa de busca Keyword Search a palabra "Galicia".



terça-feira, 3 de dezembro de 2013

El retrato y la muerte

Cruz Lichet, Virginia de la : El retrato y la muerte: la tradición de la fotografía postmortem en España. Madrid: Temporae, cop. 2013

Este libro é un estudo sobre a práctica da fotografía post-mortem e de defuntos que antano foi algo moi habitual e que na actualidade permanece oculta, é o resultado dunha tese doutoral, defendida en España, e dos primeiros estudos científicos e académicos que se realizaron sobre este tema. Editado por Temporae coa axudado Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, contén un total de 185 ilustracións, das cales 175 son fotografías e 10 documentos orixinais da época.



Foto da autora: Virgina de la Cruz Lichet
Virginia de La Cruz Lichet é Doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade, é profesora de Arte Contemporánea e Historia e Teoría da Fotografía (entre outras) na Universidade Francisco de Vitoria (Madrid). A súa tese doutoral centrouse no estudo da fotografía post-mortem. É experta na historia dos primeiros procedementos fotográficos e, na actualidade, as súas investigacións baséanse no estudo do uso da imaxe na Arte Contemporánea.

Dentro do seu labor investigador, realizou unha investigación no Image Department del Victoria & Albert Museum durante a súa bolsa FPI do Ministerio de Cultura e Fondo Social Europeo, entre outros moitos proxectos de investigación.





Que sentido ten fotografar o corpo sen vida dun ser querido?
 

Esta é a pregunta que nos facemos cando abrimos as páxinas desta publicación e contemplamos as fotografías post-­mortem que nos mostran. Máis alá da sorpresa inicial que poidan provocar en nós, temos que ter en conta que cada imaxe, cada rostro representado e cada corpo inerte, relátanos historias pasadas, e cheas de vida da España de case un século, dende as últimas décadas do S. XIX, ata ben entrada a segunda metade do S. XX.

"El retrato y la muerte" é o primeiro estudo documental basado na disertación da fotografía post­mortem en España a través do cal nos achegamos á sociedade da época, ao seu xeito de sentir, de vivir e porque non, tamén de morrer. A tristura, o intento de captar unha imaxe para a posteridade, o medo ao esquecemento e ata unha proba gráfica da morte por motivos económicos ou de herdanzas, entre outras cousas, desenvolveron o costume de fotografar defuntos, logrando elevar esta práctica a toda unha arte. Coñecidos fotógrafos do momento, pasaron de captar sinxelas imaxes a recrear os máis elaborados escenarios e complexos fondos que trasladaban ao retratado ao outro mundo.


A práctica da fotografía post-­mortem, antano moi habitual, foi, contrariamente ao que poderiamos pensar na actualidade, frecuente tanto entre segmentos de poboación con ou sen recursos. As familias menos favorecidas economicamente, podían chegar ata a empeñar a casa para pagar o funeral, incluída a foto, xa que era o único xeito de poder recordar, in extremis, aqueles que se foron. Normalmente era a única imaxe que se tiña da persoa ou persoas, no caso concreto de fotografías en grupo xunto ao defunto. Na actualidade, este tipo de material fotográfico permanece oculto en case o 75-80% da súa totalidade (cifra difícil de concretar con certeza polo veo de ocultismo que rodea a esta temática). A maioría dos fotógrafos proviñan de ambientes rurais ou cidades moi pequenas e eran practicamente autodidactas e con escasos medios e material técnico, quitando algún caso concreto como Pintos, Rapaza, Reboredo.


 Por azar ou por providencia, a emoción encapsulada destas imaxes chegou as nosas mans, sentémonos pois a escoitar en silencio que nos queren contar....

                                                                                 Virginia de la Cruz Lichet 



Moitas grazas a Virginia por facilitarnos toda a documentación para poder elaborar este artigo
                                                                                                                                   
Bibliografía da autora:

sexta-feira, 28 de outubro de 2011

Outono fotográfico


O mércores 26 de outubro inaugurouse a 29 edición do Outono fotográfico 2011 adicada este ano a Benito Losada, como di na páxina do Outono fotográfico 2011: "imaxinou e puxo en marcha o Outono fotográfico, que dirixiu durante 28 anos e no que expuxeron máis de 3000 fotógrafos e fotógrafas".
O Outono fotógráfico é un referente da fotografía en Galicia, o Museo Etnolóxico participou activamente en diferentes edicións unhas veces acollendo nas súas salas exposicións de fotografas/os e outras organizando exposicións nas que se fai un folleto propio como o que aparece na fotografía do Outono fotográfico de 1999 cunha exposción de Santiago Míguez Amil. Este ano 2011  homenaxe a Benito Losada non podía faltar o museo, que participa coa exposición: "A mirada dos espazos", pódese ver a ficha informativa AQUÍ .
Na Biblioteca do Museo Etnolóxico, pódense consultar os cartaces, folletos e catálogos de distintas edicións do Outono fotográfico, na fotografía podedes ver a portada do catálogo do Outono fotográfico de 1987 en forma de calendario para o ano 1988, deseño de Planos/Ourense: catálogo, folleto e calendario nun  mesmo documento, a isto chámaselle rendabilizar recursos. Xa naquel Outono fotográfico se destacaba a participación de institucións, entidades e fotógrafos ourensáns "poucos serán os que non teñan algo que ver nalgunha das múltiples actividades previstas, nunca houbo tantas -16 exposicións, 5 audiovisuais, 4 cursos e 2 encontros- nin con tanta calidade. Se algo é evidente é que, ano tras ano, a fotografía ten maior presencia e máis peso dentro da dinámica cultural da nosa cidade".      

segunda-feira, 23 de agosto de 2010

catálogo da exposición: "Álbums para o reencontro Ribadavia e os ribadaviense VII". Festa















Este catálogo completa a exposición do mesmo título, que se pode ver en dúas das salas do Museo Etnolóxico. Ribadavia, nesta edición preténdese unha aproximación á festa; á diferenza entre a festa, acto festivo, celebración, etc. así como a análise diacrónica de todo aquilo que hoxe se denomina festa, e por outra parte, contrastar e complementar a información que pode ser lida nas fotografías con outras fontes.
Preséntanse algunhas notas descritivas e analíticas de distintas festas da vila de Ribadavia: as Candelas, San Lázaro, as Angustias, San Roque..., e  analízanse dúas festas relevantes, que transcenden as fronteiras da propia vila: as festas na honra da Virxe do Portal " a festa de todos" e a Festa da Istoria "a festa para todos".
Pódense ver mais datos da publicación na rede de bibliotecas de Galicia no Católogo da Biblioteca do Museo Etnolóxico

segunda-feira, 28 de junho de 2010

Facsímiles de Fotografía

Trátase sobre todo de manuais e tratados prácticos de fotografía, editados por diferentes editoriais españolas entre finais do século XIX e principios do XX, que se poden consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico,
aqui podedes ver a portada e os índices pinchando sobre o título :
-La fotografía puesta al alcance de todos. 1861
-Tratado práctico de fotografía ó sea química fotográfica. 1864