Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 17 de julho de 2013

Exposición: "Vidal Bolaño e a Mostra de Teatro de Ribadavia"

A exposición: "Vidal Bolaño e a Mostra de Teatro de Ribadavia" é un traballo realizado polas profesoras do Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES de Ribadavia: Rita Abraldes Iglesias e Maribel Gil Cacheiro, e que formou parte este curso 2012-2013 da programación didáctica do centro escolar para conmemorar a festividade das Letras Galegas de 2013 adicada ao autor, director e actor de teatro galego Roberto Vidal Bolaño.



Rita e Maribel nos meses previos á inauguración, en maio, da exposición no IES de Ribadavia, estiveron traballando coa documentación do Fondo documental da Asociación Cultural Abrente de Ribadavia (podedes consultar o inventario topográfico AQUÍ ), que está depositado no Museo Etnolóxico, a estreita relación que tivemos desde a Biblioteca do Museo Etnolóxico con elas e o excelente resultado da mostra, fixo que lle solicitaramos
nola deixaran exhibir nas salas do Museo durante os meses de verán, cando o instituto está pechado, e así poidesen aprender e gozar con ela todas as persoas que queiran. Por suposto a súa aceptación foi inmediata e con grande satisfación feito que agradecemos inmensamente, pois permite visibilizar o rico fondo documental da Asociación Cultural Abrente.





 A exposición está formada por un retrato collage de Roberto Vidal Bolaño elaborado con recortes de prensa, folletos relacionados con Vidal Bolaño e a súa obra, das alumnas e alumnos de 1º de BAC do IES de Ribadavia, e por tres paneis onde se expón a relación de Roberto Vidal Bolaño coa Asociación Cultural Abrente e as Mostras de Teatro Galego que organizaron  de 1973 a 1980 e que foron o xermolo do teatro galego. Estas Mostras de Teatro foron continudas pola Mostra Internacional de Teatro MIT que se continúa a celebra todos os anos en Ribadavia a finais de xullo, así como o Premio Abrente de textos teatrais.

 
O primeiro panel co título: "Os incios. Agrupación Cultural Abrente" segundo os seus estatutos nace para a promoción de actividades culturais primordialmente entre a mocidade e sen ánimo de lucro. Este panel presenta a través de artigos de xornais, documentación administrativa, folletos, fotos o nacemento en 1969 como Club Parroquial, pasando polos xantares enxebres, o cineclube, palestras ao redor da cultura e a política galega, e por suposto as mostras e os concursos de teatro, até que en 1983 se firma a disolución da Asociación. As persoas que formaron parte da Asociación Cultural Abrente ademais do traballo cultural fundamental conseguiron coa súa meticulosidade conservar toda a documentación administrativa e de función, o que permite facer un estudo rigoroso de toda a súa actividade.


O segundo panel co título: "Reinventando o teatro. Mostra e concurso de textos teatrais en galego de Ribadavia", adicada en especial as Mostras de Teatro, que este ano fan 40 anos, desde que en 1973 tivera lugar a primeira. Nas oito edicións destas mostras representáronse máis de 120 obras de teatro, participaron 180 grupos de teatro e presentáronse a concurso máis de 80 textos orixinais de teatro escrito en galego. Destacar o compromiso desde os inicios de Abrente coa lingua galega como instrumento de comunicación cultural, unha mostra é o limiar do folleto da V Mostra de Teatro Galego en 1977, podedes lelo e descargalo AQUÍ onde fan unha reivindicación do teatro en galego: "E proclamamos: o teatro, hoxe en Galicia, ten que ser unha arma ó servicio da normalización da língua e da liberación nacional. E o día de mañán xa veremos".

O terceiro panel co título: "Roberto Vidal Bolaño" céntrase na figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013 e a súa participación tanto nos conscuros de textos teatrais onde gañou en 1976 con "Laudamuco señor de ningures" e en 1980 con "Sete Baileretadas de amor e unha de morte" que ese mesmo ano se representou na VIII Mostra polo grupo de teatro Estribel de Roberto Vidal Bolaño co título: " Bailadela da morte ditosa". Dentro de Fondo documental de Abrente están os orixinais e as plicas de todos os textos de teatro galego presentados ao longo de oito anos a estes concursos así como por suposto todos os textos gañadores, algúns deles hoxe en día recoñecidos autores de teatro galego, que daquelas non eran tanto.

Para saber todo sobre as Mostras de Teatro e os concursos de Abrente é imprescindible o traballo de investigación feito por Inma López Silva e Dolores Vilavedra no libro: Un abrente teatral:  as Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia, editado por Galaxia en 2002 partindo do fondo documental de Abrente depositado no Museo Etnolóxico. 

Podedes descargar os paneis da exposición neste enlace AQUÍ.

Desde este espazo aberto agradecer o traballo de Rita e Maribel, así como a súa colaboración co Museo Etnolóxico, achegandoo a unha institución tan importante coma é a escola: tanto a alumnas e alumnos coma a profesoras e profesores.

sexta-feira, 15 de julho de 2011

Abrente: orixe da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia_MIT

Hoxe 15 de xullo da comezo a edición 27 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, até o día 23 de xullo, en Ribadavia, capital do teatro galego, poderase desfrutar da maxia e da sabiduría do teatro, convivindo durante 10 días con actores, actrices, técnicos, voluntarios, Ribadavia cheira a teatro. Programa da MIT AQUÏ.

A orixe desta Mostra Internacional de Teatro, que en 2009, celebrou o seu 25 aniversario, está nun grupo de mozas e mozos ribadavienses, que alá polos anos 70 do século XX dan vida á Agrupación Cultural Abrente, que entre outras actividades poñen en funcionamento a Mostra de Teatro en Galego e o Concurso de Textos Teatrais, e que a partir da 5ª en 1977,en un acto reivindicativo en defensa do teatro galego e da língua galega, mudáronlle o nome, como se ve na imaxe do cartaz, e que se mantivo
    até 1980. Podedes ler a reivindicación no limiar do programa da 5º Mostra AQUÍ. Conservar e poñer en valor o legado da Asociación Cultural Abrente, é tamén do Teatro Galego.  
Todo o fondo documental e bibliográfico da Asociación  e polo tanto das mostras e dos concursos está custodiado, inventariado e conservado no Museo Etnolóxico. Ribadavia (grazas a labor previa de conservación das súas socias e socios), para quen teña interese no seu estudo esté é o Inventario Topográfico da Agrupación Cultural Abrente . 
Un completo estudo de investigación sobre as mostras e os concurso de Abrente foi feito por Inma López Silva e Dolores Vilavedra no libro: Un abrente teatral:  as Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia, editado por Galaxia en 2002, cos documentos depositodas no Museo Etnolóxico, por Abrente.

No Museo Etnolóxico. Ribadavia tamén se conservan os cartaces e programas de todas as Mostras Internacionais de teatro.

Para saber máis sobre a MIT e as súas 27 edicións:
-25 anos Mostra Internacional de Teatro, edición coordinada por Roberto Pascual e publicado por Difusora da Letras, Artes e Ideas en 2009
-A Startford de riba do Avia: 25 anos de Mostra Internacional de Teatro de Roberto Pascual. En: Madrygal. Revista de estudios gallegos, nº 12 (2009), pp. 165-171 . En liña http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0909110165A/32928 [consulta 15-07-2011].

Para saber sobre o teatro galego:
-Un país desde as táboas: 125 anos de teatro galego [catálogo da exposición]  organizada pola Consellería de Cultura e Deporte e comisariada por Carlos C. Biscainho Fernandes.
-Catálogo de dramaturgos galegos 1973-2004: de abrente ata hoxe dirixido po Mar Nogueira e editado pola Xunta de Galicia en 2005.