segunda-feira, 22 de setembro de 2014

O Fondo Juan Bande e o traballo de Nuria

A finais do curso pasado, de marzo a maio de 2014, tivemos entre nós a Nuria Sánchez Álvarez, estudante da Universidade de Santiago de Compostela facendo prácticas no Museo Etnolóxico, ela mesma escolleu traballar no Departamento de Documentación e Biblioteca, colaborando nas labores de clasificación e inventario do fondo documental, así como en tarefas diarias da actividade do Museo relacionadas coa difusión e a montaxe de exposicións.
Como escribe a propia Nuria na súa memoria de prácticas escolleu o Museo Etnolóxico por varias razóns: "por ser un museo de etnoloxía a medio camiño entre a historia e a antropoloxía moi útil para unha estudante de historia pois axuda a ter unha visión ampla do mundo e de tódolos campos, por ter un gran fondo documental e fotográfico con grandes recursos para a investigación e ademais porque é un museo situado na miña vila que me permite traballar sobre a miña comunidade, estudala e aprender acerca dela". 

Clasificación e inventario Fondo Juan Bande: 

A maior parte do seu traballo centrouse no fondo documental e bibliográfico de Juan Bande (produto dunha doazón sucesiva e ainda aberta de máis de dez anos), que estaba prácticamente sen tocar. Escolleu este fondo por ter moita documentación de cultura local da comarca de O Ribeiro e máis específicamente de Ribadavia pois Juan Bande é unha persoa totalmente implicada en distintas actividades culturais de O Ribeiro, tema de grande interese para ela, mais tamén para o Museo era preciso e urxente clasificar e inventariar este fondo pola súa importancia en cantidade e calidade, pois sabiamos que ten documentación interesante para moitos temas. 
Empezou por revisar toda a documentación, seguidamente fixo unha ampla clasificación por temas (feira do viño, festas de Ribadavia, Coral Club Artístico, turismo, cultura de O Ribeiro...) e por tipos de documentos (recortes de prensa, ephemera, documentos persoais, folletos, publicacións periódicas...), debido á amplitude do fondo, unha vez feita a clasificación centrouse no inventario da documentación sobre a Feira do Viño e sobre a Coral do Club
Artístico. Da Feira do Viño sobre todo recortes de prensa en especial dos anos que Juan Bando estivo implicado na directiva da Feira e folletos, en canto á documentación da Coral do Club Artístico son recortes de prensa, folletos, manuscritos da actividade da Coral, da que formou parte, entre 1985 e 1990 (esta documentación completa a aportada por Carlos Jürschik o que nos permite ter unha información moi completa sobre a Coral).

Montaxe da exposición: "Detrás da máscara":

Nuria tamén colaborou na preparación da exposición “Detrás da máscara”  acerca da tradicional celebración do Carnaval en Galicia, onde se expuxeron fotografías, publicacións e mostra dos típicos traxes desta festa tradicional en distintas comarcas ourensás. O seu traballo consistiu en axudar na montaxe das pezas da exposición, no seu inventario, xa que estes obxectos eran emprestados por particulares e asociacións e foi necesario un escrupuloso control do seu manexo.