quarta-feira, 21 de outubro de 2020

"Espantamos o medo": taller para clubs de lectura de bibliotecas escolares


 

GAÑADOR@S DA EDICIÓN 2020 "ESPANTAMOS O MEDO"

Parabéns! para o Club de lectura "A quenda do libro" da Biblioteca Escolar Biblioquendas do IES Lama das Quendas de Chantada (Lugo). 

Co título "As xacias" presentaron sete contos escritos, interpretados e sonorizados polo alumnado da materia do Obradoiro de Música de 1º da ESO e que tamén pertencen ao Club de lectura "A quenda do libro": David, Noa G.,Vanessa, Carla, Gemma, Pablo, Alicia, Hugo, Sara, José Antonio, Thais, Milagros, Uxía e Noa P., e supervisados por Tania Vázquez García (Lingua e Literatura Galega) e Juan Manuel Vázquez (Música).  

Podedes escoitar os seus contos sobre "As xacias" premendo AQUÍ


Moitas grazas ao profesorado por incluír esta actividade na programación lectiva e ao alumnado por participar e descubrirnos o mundo máxico e misterioso das Xacias.

 

Para celebrar o Días das Bibliotecas 2020 (24 outubro), este ano co lema "Sempre ao teu carón" entre outras actividades propomos un taller a todos os clubs de lectura de bibliotecas escolares de Galicia. 

O ano pasado este taller ensaiámolo co Club de Lectura Maquiáns (IES O Ribeiro de Ribadavia) e co Club de lectura do IES A Cañiza e Club de Lectura Muchacha lectora (CPI da Cañiza), acabou cun encontro no Museo, o propio día 24, para un concurso de contada e gozar coa actuación de Brais das Hortas e o seu espectáculo "Contos de defuntos e outros asuntos". Este ano de pandemia e de restricións obriga a modificar a estrutura presencial, por iso difundimos en liña o taller para todos os clubs de lectura e a contada será tamén en liña.


 Espantamos o medo é un taller en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO sobre contos e lendas arredor do medo: aparecidos, santa compaña, rituais fúnebres, banquetes con mortos, encontros en cemiterios, lobishomes, sacaúntos, bruxaría, meigallos... para rememorar unha das tradicións galegas de relación co máis alá.

  O taller consta de varias partes:

1.  un mini taller guiado coas lecturas, estas lecturas a escoller realizaríanse durante os meses de novembro e decembro

2.  o alumnado en grupo ou individualmente inventa, reinventa, reintrepeta un conto, unha historia, tendo como base un dos contos tradicionais propostos, gravaríano en audio (15' como máximo) e deben envialo ao correo do Museo Etnolóxico: mu.etnolóxico.ribadavia@xunta.gal co asunto: "espantamos o medo", subiremos as achegas en  podcast o canal de Ivoox do Museo Etnolóxico

3.  contada dixital no canal de ivoox do Museo Etnolóxico onde se poderán escoitar todas as participacións

4.  entre todo o alumnado participante, en xaneiro, faremos sorteos de libros relacionados coa temática, facilitados pola Asociación de Amig@s do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia (AMECHIR).

 

 Taller guiado:

Comenzamos o taller coa lectura de distintos contos populares, entendendo como funciona o conto de tradición oral. Cando se comeza a lectura de contos de tradición oral hai que ter en conta que a linguaxe utilizada é moi coloquial e con expresións locais dependendo do lugar no que se recolla o conto, ao tempo que existen distintas versións do mesmo conto. 

Partindo do libro de Camiño Noia Campos: “Contos galegos de tradición oral” leremos cinco versións diferentes do mesmo conto, tamén con títulos diferentes, sobre a aparición da morte pax.169 a 178 o título dos contos: A morte padriño, A madriña-morte, A madriña-morte este último ten ata cinco versións.

Estes contos como se transmitían de forma oral estaría ben que se lesen en voz alta, facendo certa representación teatral: exaxerando os xestos, variando os tonos de voz, enfatiazando algúns dos feitos ou accións das personaxes...

Os contos de tradición oral eran contados pola xente, algunhas autoras e autores o que fan é reinterpretar e reescribir eses contos populares, fan as súas versións aínda que baseándose na tradición popular, achegan a versión literaria do conto popular, isto fíxose históricamente xa dende a Idade Media.

O conto popular é para divertir, non ten localización espacial nen temporal, tampoco protagonistas coñecidos, ó contrario das lendas que fabulan ou baséanse en persoas, comunidades, lugares ou acontecementos reais.

Os contos de tradición oral reflicten a cultura e a vida cotiá das sociedades que os crearon. Podemos decir que o conto tradicional é patrimonio das clases populares.

 

Seguimos o taller coa lectura dalgúns contos de tradición oral, reinterpretados por escritor@s, ter en conta que cando estes escritor@s publican estes contos, o galego aínda non estaba normativizado (a Lei de normalización do galego é de 1983). Aínda que o alumnado xa lera algúns destes libros nos que se encontran os contos que propomos, a lectura sería diferente. 

-Á lús do candil. Contos a carón do lume de  Ánxel Fole, podemos escoller entre estes contos: Viña do alén! (mortos aparecidos), O Lordanas (enterrador con medo); Os difuntos falaban castelao.

-Os nenos de Xosé Filgueira Valverde lemos o conto: O medo pax. 18 a 20. Este conto tamén aparece recollido no libro: Antoloxía do conto galego de medo de Silvia Gaspar. Galaxia.

-Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete  de Castelao pode lerse en liña.

-Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste do que escollemos este contos: Sobre da morte de Bieito, A luz en silencio

-Cuentos completos. Tomo I  Emilia Pardo Bazán leremos o conto: La Compaña, ademais de neste libro este conto pode lerse en liña AQUÍ. A vez que esta lectura, primeiro pódese ler o conto popular As ánimas en pena pax. 225 do libro Contos galegos de tradición oral de Camiño Noia.

-A trabe de ouro e outros contos de Vicente Risco eliximos a lectura do conto: O lobo da xente, este conto tamén se pode ler en liña AQUÍ . A vez que esta lectura, primeiro pódese ler o conto popular A lobo da xente pax. 181 do libro Contos galegos de tradición oral de Camio Noia

-Lendas galegas de tradición oral de X. M. González Reboredo, podemos escoller os seguintes contos: O lobishome, O lobo da xente de Prado, A muller-lobo.

No caso de que na Biblioteca Escolar non haxa estes libros podedes poñervos en contacto coa Biblioteca do Museo Etnolóxico: rosa.lamas@xunta.gal.

Sem comentários: