domingo, 21 de abril de 2013

bookcrossing 2013

bookcrossing 2013 Melgaço (Portugal)

bookcrossing 2013 Praza Maior Ribadavia (Ourense)


Por segundo ano consecutivo a Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense participa na actividade conxunta, este ano máis de 60 bibliotecas de museos de toda España, liberarando libros, a actividade será o martes 23 de abril para celebrar o Día Internacional do Libro.
A Biblioteca do Museo liberará 25 libros por distintos espazos públicos de toda Galiza, nesta páxina: estante bookcrosing museo etnolóxico pódense ver os títulos dos libros e os lugares onde serán liberados. Como no ano 2012 serán libros editados polo Museo, así como duplicados e doazóns.

O bookcrossing, apareceu en 2001 como un movemento internacional cunha filosofía basada na tres erres, do inglés: ler (read), registrar (register) e liberar (release), o bookcrossing permite non só compartir e intercambiar libros de balde, senón tamén seguir os pasos do libros, quen o leu e onde, calquera persoa pode participar nesta experiencia, non só recollendo os libros senón tamén poñendo en circulación outros da súa propiedade, rexistrando na páxina web do bookcrossing e liberándos despois nun lugar público.

Este ano 2013 queremos tentar implicar á xente para que participe activamente neste movemento, e imos empezar polo alunado de Turismo da Facultade de Empresarias e Turismo  do Universidade de Vigo no Campus de Ourense, grazas á colaboración da profesora Fátima Braña. O luns 22 de abril presentaremos e explicaremos en que consiste esta liberación de libros, cuxo obxectivo é que os libros circulen e despois pediremos que se encarguen de liberar algúns do libros que rexistramos na páxina de bookcrossing do Museo Etnolóxico, xa coas etiquetas, identificación, e colocados en bolsas de plástico (por se chove),

libros preparados para a liberación
para que os solten en calquera dos espazos públicos polos que pasen da súa cidade, vila, aldea .... así conseguiremos ampliar os lugares da liberación. Ademáis de facerlles ver o fácil que é participar nesta rede social, na que como outras o único que hai que facer é rexistrarse.
Cantos libros temos na casa que están desexando viaxar?

O éxito do bookcrossing do ano pasado fixo que consideraramos desde a Biblioteca do Museo rexistrarnos como zona oficial bookcrossing, así as salas de exposición do Museo son durante todo o ano, un lugar público de liberación de libros: onde nós imos soltando libros e a xente vén recollelos para gozar deles e despois pór de novo en circulación, mais tamén calquera pode traer alí os seus libros para liberalos, ben xa rexistrados ou senón nós rexistrámolos no perfil de bookcrossing do Museo.
Podedes escoitar a entrevista que nos fixeron na Radio Galega no programa Vivir aquí do día 22 de abril de 2013 AQUÍ (nos 5 últimos minutos do programa).

liberación 2012 en Carballiño

liberación 2012 nas Burgas de Ourense

Para ver máis fotos do bookcrossing de 2013 pica neste flickr AQUÍ
Para ver máis fotos do bookcrossing de 2012 pica neste flickr AQUÍ
                                                                     

segunda-feira, 15 de abril de 2013

Documentos de acceso libre: bibliotecas dixitais e repositorios

As bibliotecas, centros de documentación, arquivos e museos, como centros de conservación e difusión do patrimonio e do coñecemento, nos últimos anos veñen traballando en proxectos de dixitalización co obxectivo de conservar e preservar o patrimonio, mais tamén para difundilo e permitir que calquera poida acceder aos documentos con facilidade. Estes recursos dixitalizados pódense encontrar na internet nas bibliotecas dixitais, virtuais, nos repositorios, nas mediatecas.
Na literatura profesional existen moitas definicións de Biblioteca Dixital, imos dar aquí a de José Antonio Merlo Vega: "Colección de documentos electrónicos convenientemente organizada e disposta para o seu uso", o importante non é só que os documentos estén dixitalizados, senón que estén organizados para facilitar o seu acceso, por iso é unha Biblioteca dixital ou virtual mais Biblioteca.
Neste artigo faremos un resumo daquelas BIBLIOTECAS DIXITAIS onde podemos consultar e descargar documentos relativos a Galicia:

Documento de Galiciana
-Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia está xestionada desde a Biblioteca de Galicia, ademáis da dixitalización de fondos encárgase da normalización. En Galiciana pódense encontrar: mapas como un mapa de ferrocarriles de Galicia e Asturias do S. XIX, xornais e revistas antigas como: Vida Gallega  , manuscritos como os de Martin Sarmiento do S. XVII, libros e escritos de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Intégrase en proxectos máis amplos como Hispana, Biblioteca Dixital Española onde se poden consultar as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos españoles e Europeana, Biblioteca Dixtial Europea.

Documento Real Academia Galeega
-Biblioteca e hemeroteca virtual da Real Academia Galega: pódense consultar obras como "Queixumes do pinos" de Eduardo Pondal, "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro entre outros autores como Filomena Dato, Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro ..., destacamos especialmente a hemeroteca virutal onde ademáis de revistas editadas en Galicia: El Centinela de Galicia , A Fuliada, Galicia industrial y comercial teñen especial importancia as editadas en America polas colectividades galegas.

Documento BNE
 -Biblioteca Digital Hispánica (BDH) da Biblioteca Nacional Española (BNE) con acceso libre e gratuito a miles de documentos dixitalizados: debuxos, fotografías, gravados, ephemera, partituras, libros, cartaces, recursos sonoros, e prensa e revistas na Hemeroteca Dixital da BNE, buscade por Galicia e xa veredes todo o que podedes encontrar.

-Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico: proxecto de colaboración entre Estado e as Comunidades Autónomas, permite a consulta de libros antigos e manuscritos que forman parte do Patrimonio Histórico Español, que senon estiveran dixitalizados sería imposible a súa consulta.

-PARES. Portal de Arquivos Españois: permite o acceso a documentos dixitalizados polos Arquivos Españois, como documentos de distintos mosteiros galegos, do Consello da Inquisición, codices, cartularios.

-Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes: plataforma dixital de acceso libre a textos, imaxes, vídeos, audios sobre as letras e a literatura hispanoamericana, onde hai un subportal sobre as Letras Galegas que facilita "aos usuarios da rede obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos, dende as primeiras manifestacións medievais (séculos XIIIXV) até a actualidade". Destacamos revistas editadas en América por xente galegas emigradas, moitas edicións facsimilares do Centro Ramón Piñeiro como: A gaita gallega editada en Cuba, Alma Gallega en Montevideo, etc.

Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

-Colección Digital Complutense: artigos científicos, libros, gravados, teses de doutoramento lidas na Universidade Complutense poden consultarse e descargarse en acceso aberto.

Tamén queremos facer un pequena síntese de distintos REPOSITIORIOS universitarios e institucionais onde se almacenan e difunden en acceso aberto os traballos das persoas que investigan nesa universidade ou institución, é unha maneira de difundir o coñecemento científico a toda a poboación:

-Digital CSIC. Repositorio institucional do CSIC relativo a Galicia destacamos os documentos do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

-Repositorio Institucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

-Repositorio da Universidade de A Coruña RUC neste repositorio podemos encontrar cartaces das Mostras de Teatro de Ribdavia, pertencentes a colección de Francisco Pillado Mayor.

-Repositorio da Universidade de Vigo Investigo pódese consultar a produción científica: artigos, partes de libros, conferencias, teses... do persoal investigador desta universidade.

Documento Repositorio Univerisdade A  Coruña
 -Recolecta. Recolector de Ciencia Abierta agrupa a todos os repositorios dixitais  científicos de acceso aberto de España, nos que están incluidos tamén as Universidades Galegas.

-DIALNET  é un portal de contidos bibliográficos no que colaboran 77 bibliotecas, de Galicia a Biblioteca da Universidade de A Courña, elaborando bibliografías e vaciando artigos de revistas, congresos, etc., ademáis de ser unha hemeroteca virtual na que se poden consultar a texto completo e descargar moitos artigos, teses de doutoramanento a texto completo incluidas as lidas nas Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña.

Outras MEDIATECAS ou sitios onde se poden consultar e descargar documentos de balde sobre Galicia:

-Centro Ramón Piñeiro ten un catálogo moi interesante de monografías e revistas relacionadas coa cultura galega de acceso e descarga libre, destacamos as edicións facsimilares de revistas publicadas polas Asociacións de Emigrantes Galegos en América.

-Mediateca do Consello da Cultura Galega 
permite a consulta e descarga da publicacións editadas por esta institucións: catálogos de exposicións, congresos, monografías, informes sobre a cultura galega, etc., ademáis de vídeos sobre as conferencias e congresos organizados no Consello da Cultura.

-Galegobook a biblioteca en liña sobre a lingua: "é un espazo onde poder publicar e compartir libros electrónicos que circulan pola rede sobre o galego", este é un proxecto individual que agradece a colaboracíón de toda a xente para facer un difusión colectiva da língua galega.

-Arquivo de Alan Lomax este etnomusicólogo estadounidense nas súas viaxes polo mundo fixo unha das máis importantes recopilacións de cancións e música populares, que agora se poden escoitar na rede, tamén programas de radio, fotografías, vídeos das súas investigacións. É moi interesante a recopilación de música popular galega.

-Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) portal de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial galego.

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2013

Informe Biblioteca 2012


xornal antes da restauración
Conservación da colección:

xornal restaurado e encapsulado
Nos distintos fondos e depósitos documentais e bibliográficos existen documentos antigos en mal estado de conservación o que moitas veces dificulta o seu acceso, sobre todo xornais locais antigos. Realizada unha primeira análise polo Departamento de Restauración detectouse a necesidade de facer un proxecto de conservación, pois, sobre todo os máis antigos, estaban en perigo de perderse. En outubro de 2012 empezouse a traballar co xornal local máis antigo: El Avia (1887), despois de que cada número pase polo laboratorio de restauración, chega á biblioteca para a súa dixitalización, seguindo os criterios indicados desde a Biblioteca de Galicia, para posteriormente poder incluilos en Galiciana á Biblioteca Dixital de Galicia. Este proceso de dixitalización permite tanto a conservación como a facilidade no acceso ao documento e a súa difusión a través da internet, unha vez que se suban a Galiciana, neste enlace aquí pódese ver un dos números de El Avia xa dixitalizado en Galiciana.

Difusión selectiva da información:
-Das novidades, tanto das monografías como dos novos números das revistas, se informa puntualmente tanto a usuarios/as internos/as e externos/as a través de correo electrónico, e desde novembro de 2012 a través das redes sociais, para a difusión de novidades utlizamos Pinterest http://pinterest.com/museoetnoloxico/  : onde subimos a portada do documento e engadimos o enlace ao índice ou sumario da obra, sobre todo de publicacións periódicas, ao carecer prácticamente de novidades en canto a monografías, por falta de orzamento, que só se mantivo para continuar as suscrición de publicacións periódicas especializadas.

zona oficial bookcrossing nas salas de exposición
-Celebramos o Día Internacional do Libro (23 de abril) uníndonos á  inicitiva internacional de bookcrossing, liberación de libros, promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación ARTIUMde Vitoria, na que participaron máis de 70 bibliotecas de museos. A Biblioteca do Museo Etnolóxico liberou libros que xa están viaxando. Como a iniciativa foi tan eficaz decidimos crear nas salas do Museo Etnolóxico unha zona oficial permanente de liberación de libros onde imos depositando libros libres tanto desde o Museo como calquera persoa pode liberar os seus libros nesta zona bookcrossing, o xogo é que os libros circulen polo tanto cazar un libro liberado supón volver a liberalo e non deixar que se aburra no estante da casa. Esta é a biblioteca liberada polo Museo Etnolóxico AQUÍ.

a Biblioteca "invadindo" a exposición "A mirada dos espazos"
-"A Biblioteca invade espazos expositivos": para difundir os fondos bibliográficos da Biblioteca surxiu a idea de incluir nas exposicións temporais organizadas polo Museo, material bibliográfico e documental, a idea é aportar documentación sobre os temas da exposición, acercar pequenas bibliotecas temáticas a usuari@s do Museo que en principio non utlizarían a biblioteca do museo, e talvez nen saiban que exista. O material bibliográfico non como peza exhibida senón como material para consultar sobre unha mesa para que a xente poida consultalo fácilmente. Esta experiencia levouse a cabo nas exposicións: “Lagares Rupestres. Pegadas dahistoria vitivinícola en Galicia” marzo 2012, “A MIRADA DOS ESPAZOS. Cara aunha antropoloxía visual” 5 setembro 2012, “Outono fotográfico” novembro 2012


-Continuamos difundindo a actividade e os fondos da biblioteca a través do blogue da biblioteca, cunha actualización periódica. En 2012 introducimos 11 entradas de temas variados: informe da biblioteca, documentos sobre o cinematógrafo, o barallete: fala secreta dos afiadores, máscaras do entroido ourensán, álbum de cromos:”Las Bellezas de Galicia”, sobre a actividade a biblioteca comparte espazos expositivos, sobre o bookcrossing, documentación e bibliografía do viño do Ribeiro, o Día Internacional do Museos, as revistas de moda antigas, relación de revistas especializadas do noso fondo bibliográfico que son difíciles de encontrar en outros centros, durante este ano 2012 o blogue da biblioteca tivo 1790 visitas.
Desde a Biblioteca do Museo tamén actualizamos as redes sociais nas que está presente o Museo: Facebook (a páxina de Facebook do Museo ten 336 siareiros/as (que aumentan cada día, grazas a todas as persoas que nos siguen) que acceden  e comparten diaramente  información e documentación aportada relacionada cos fondos e actividades do Museo, Twitter @museoetnoloxico (desde esta rede social  informamos e interactuamos con 909 tuits para 286 persoas, institucións e asociación que nos siguen), Slideshare, Youtube, Flickr, Issuu, Pinterest sempre co nome museoetnolóxico.

Usuarios/as:
-Atendeuse a solicitude de información do persoal do museo como apoio documental e bibliográfico ás actividades desenvolvidas nas distintas áreas do museo: catalogación, conservación e restauración de pezas, exposicións… ben aportando fondos da propia biblioteca e ou ben aproveitando o servizo de préstamo interbibliotecario con bibliotecas galegas e estatais.
-83  usuarios/as externos/as  foron atendiados/as ben por correo electrónico, teléfono, persoalmente ou a través de préstamo interbibliotecario, sen esquecer que todas son consultas especializadas e sempre personalizadas, tendo en conta que a consulta consiste en buscar e seleccionar a información, facilitar o acceso o documento ben de forma presencial ou ben a través de fotocopias e cada vez máis a través da dixitalización de documentos. Tamén se xestionaron préstamos intrabibliotecarios con outras Bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.
-As consultas ao catálogo en liña da biblioteca do museo foron de 1531, baseadas nunha estimación das administradoras do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia, no que está integrado o catálogo da Biblioteca do Museo Etnolóxico. Ribadavia-Ourense.


Outras actividades:
En novembro de 2012 o Ministerio de Cultura publicou en liña as actas da I Jornada de Bibliotecas de Museos: Nuevos medios y nuevos públicos (Madrid. 28, 29 e 30 de novembro de 2011) http://www.mcu.es/museos/docs/Primeras_Jornadas_BIMUS.pdf, nas que aparece o artigo: Bibliotecas de museos na “Rede de Bibliotecas de Galcia” escrito conxuntamente con Antonia Soto, bibliotecaria do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Xestión da colección bibliográfica:

Os datos do proceso de xestión da colección durante o ano 2012: compra, recepción, rexistro, catalogación e ubicación dos fondos na estantería foi o seguinte
-Monografías rexistradas durante 2012: 173 títulos, destacar que durante este ano debido a falta de orzamento non se comprou ningunha monografía, todas se adquiriron por doazón e por intercambio
-Catalogáronse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecasde Galicia, por parte da Biblioteca do Museo 435 exemplares, tendo en conta que tamén se fai catalogación retrospectiva de documentos xa existentes, e non só dos que ingresan.
-Publicacións periódicas activas durante 2012: 116 títulos (só dous máis que no ano 2011, que entraron por doazón), destes 116 títulos activos con varios números ao ano, que foron xestionados para facilitar o acceso ao documento.
-Baleirado de publicacións periódicas e obras colectivas: 200 exemplares
-Xestión de 30 intercambios de publicacións con diversas institucións, con recepción e envío de publicacións.

sexta-feira, 11 de janeiro de 2013

Homenaxe a usuarias/os da Biblioteca do Museo


A Biblioteca do Museo Etnolóxico é unha biblioteca con fondos especializados, mais de acceso público e libre, non é preciso ningún tipo de carné, isto quere decir que calquera persoa pode entrar a consultar calquera dos máis de 40.000 volumes que forman parte do fondo bibliográfico e documental. Os Museos son centros públicos e abertos a toda a xente interesada na cultura, non son simples contedores e almacéns de pezas que hai que conservar, unha das funcións básicas dos Museos e das Bibliotecas é a difusión dos seus fondos e do seu coñecemento, e as persoas que consultan os fondos bibliográficos e documentais son un dos motivos fundamentais da razón de ser destes centros públicos.

O perfil das persoas que consultan a Biblioteca do Museo Etnolóxico é moi diverso: estudantes de universidade: xornalismo, historia, antropoloxía, arquitectura,arqueoloxía, de conservatorio, de doutorados, de másters de patirmonio, museos, propietarias/os de adegas, casas de turismo rural que precisan documentación para facer a súa páxina web ou simplemente aportar informar a súa clientela… , investigadores locais que van recopilando en artigos e libros a historia local de Ribadavia, da comarca do Ribeiro, da provincia de Ourense e de Galiza.

Os temas consultados son ainda máis variados van desde: a medicina rural, os viños do Ribeiro, por suposto, o entroido en Ribadavia, a música, a vida cotiá na comarca do Ribeiro, a arquitectrua tradicional como os chozos de pastor, os foxo de lobo, pazos e casas grandes, a agricultura en Galiza e os seus aparellos de traballo, os camiños de arrieiros, lagares rupestres ou líticos tamén lagares particulares, xenealoxía e onomástica, museos etnográficos de Galiza, utensilios de cociña coma chocolateiras, cuncas de viño, o románico no Ribeiro, a xudería de Ribadavia, Asociación Cultural Abrente ....

 Ademais dos propios fondos bibliográficos do Museo facilitamos o acceso ao documento, ainda que non o teñamos entre os nosos fondos, a través do préstamo interbibliotecario con outros bibliotecas de museos ou bibliotecas públicas de Galiza e do Estado, o obxectivo é que a persoa non marche sen información.

As maneiras de acercarse á Biblioteca do Museo Etnolóxico e aos seus fondas tamén son múltiples: de forma presencial, por teléfono (988471843), por correo electrónico (mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es ou rosa.lamas@xunta.es), polas redes sociais (facebook, twitter @museoetnoloxico), a través de préstamo interbibliotecario consultando o catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
ou do catálogo de Bibliotecas Públicas do Estado,

outono desde a xanela da Biblioteca do Museo
Por suposto sen esquecer ás persoas, que con máis asiduidade consultan os nosos fondos, as que traballan no propio Museo Etnolóxico así como bolseiras/os, perosal externo colaborador, amigas/os do Museo, e persoal dos outros Museos de Galiza ben porque non teñan persoal na biblioteca ou ben porque precisan documentos que non teñen nos fondos dos seus centros.

A satisfacción de realizar un servizo público no noso centro de traballo aumenta cada vez que alguén se acerca a consultar calquera dos nosos fondos bibliográficos e documentais, por iso cando alguén se marcha e nos da as grazas sempre decimos GRAZAS A VÓS por suposto, este é un servizo público que pagamos cos nosos impostos, que menos que facer ben o traballo polo que nos pagan.