quinta-feira, 22 de dezembro de 2011

Novidades decembro 2011

 As institución públicas: ministerios, consellerías, concellos, deputacións... veñen desenvolvendo un esforzo desde hai anos para publicar e difundir traballos de investigación en diversos campos, nesta ocasión queremos presentar aquí dous interesantes traballos sobre antropoloxía social e cultural publicados pola Deputación de Ourense e pola Deputación de Lugo.
"De sol a sol: un século de traballo en Xove" editado en 2010 pola Deputación de Lugo. As autoras indican "neste libro recollemos testemuñas directas dos nosos veciños e veciñas, que co seu falar pousado de persoas maiores, expertas e marcadas polo esforzo de toda unha vida, relatan as antigas formas de traballo, moitas delas perdidas". Podedes ver un resumo, o índice dos temas e a biografía das autoras AQUÍ.
    "Oìr o galo cantar dúas veces: identificacións locais, culturas das marxes e   construción de nacións na fronteira entre Portugal e Galicia" editado pola Deputación de Ourense en 2011. Este traballo de investigación da antropóloga portuguesa Paula Godinho gañou a XV convocatoria do "Premio Xesús Taboada Chivite" que convoca a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. A autora presenta o resultado dun traballo de campo na zona de fronteira segundo Paula Godinho: " A fronteira galaico-portuguesa é un fenómeno cultural complexo e multidimensionado, articulado de forma diversa no espazo e no tempo. Nun longo pasado, as poboacións raianas integraron redes informais que competían co campo de actuación estatal e desenvolveron modos de vida que incorporan identificacións contraditorias". Indice da obra AQUÍ.

quarta-feira, 7 de dezembro de 2011

Biblioteca en crise?

depósito Biblioteca Museo Etnolóxico
Nestes tempos de crise capitalista é preciso buscar fórmulas para que as institucións públicas poidan seguir realizando a súa labor que non é outra que servir ás cidadás e cidadáns, pois continúan a pagar impostos. É certo que hai pouco orzamento para cultura e menos para os museos e menos ainda para as bibliotecas de museos. A nosa fórmula e a doutras bibliotecas de museos de todo o Estado Español, para superar esta crise, é a cooperación e a colaboración, que sempre enriquece, facémolo sobre todo a través do Proxecto Musas_bibliotecas de museos podedes ver en que consiste AQUÍ , que nos permite establecer unha rede de comunicación entre profesionales para o intercambio de publicacións así como compartir duplicados que temos acumulados nas nosas bibliotecas e que sen embargo outra biblioteca precisa, por otra banda chamamos á porta de institucións públicas e privadas que editan publicacións para que fagan doazóns, e outra fórmula moi utlizada nos últimos anos é a do préstamo interbibliotecario é dicer servirnos por un tempo de publicacións que compraron noutros centros e que sabemos que teñen consultando o Catálogo de Acceso Público (OPAC) como o das Bibliotecas Públicas do Estado no que tamén se encontran moitas bibliotecas de museos de todo o Estado AQUÍ,  isto permite darlle servizo á persoa que precise o documento sen ter que compralo.

No caso da Biblioteca do Museo Etnolóxico, neste ano, establecemos intercambio con novos centros que a cambio das publicacións editatas polo museo  enviaron as súas publicacións: Museo Etnográfico de Castilla y León,  Museu Valencià d'Etnologia,  Museu d'Etnologia de Barcelona.

Por otra banda a Biblioteca Pública de Ourense fíxonos unha doazón importante de libros editados pola Fundación Barrié , sen esquecer as doazóns que puntualmente fan: Deputación de Ourense, Deputación de Pontevedra e Deputación de Lugo e particulares como Xosé Ramón Estévez e o profesor de Comunicación Audiovisual da Universidad Complutense de Madrid:  Emilio C. García Fenández.

Este ano unha parte importante do tempo adicado á xestión nas bibliotecas de museos consistiu en buscar fondos para que a biblioteca poida seguir medrando e non fique obsoleta, sempre co obxectivo de servir a usuarias e usuarios.

Unha crise de orzamentos lévanos a unha expansión de novas relacións e formas de traballar.

terça-feira, 22 de novembro de 2011

I Jornadas sobre Bibliotecas de Museos: nuevos medios nuevos públicos

                                        
Os días 28, 29 e 30 de novembro terán lugar no Museo del Traje en Madrid as "I Jornadas sobre Bibliotecas de Museos" organizadas polo Ministerio de Cultura. Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales. Subdirección General de Museos Estatales. Área de Colecciones. O labor de cooperación con bibliotecas de museos do resto do Estado, que a Biblioteca do Museo Etnolóxico leva facendo nestes últimos anos, fixo que se nos convidase a participar o martes 29 de novembro nunha mesa sobre redes de bibliotecas de museos, coa comunicación: Las bibliotecas de museos en la "Rede de Bibliotecas de Galicia", pódese consultar a presentación neste enlace AQUÍ, xunto coa rede de bibliotecas do CSIC e BIMUS  rede de bibliotecas de museos estatais. A texto completo pódense descargar as actas da xornada AQUÍ, nas paxs. 132-141 o artigo que escribimos sobre as bibliotecas de museos na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Na comunicación falaremos das bibliotecas especializadas na lexislación bibliotecaria de Galicia, presentaremos unha situación das bibliotecas de museos en Galicia, e xa pasaremos a falar das bibliotecas de museos na Rede de Bibliotecas de Galicia por un lado as incluidas no Proxecto Meiga e por outro lado as que comparten o catálogo colectivo de AbsysNet cunha última reflexión sobre os inconvintes e as ventaxas para as bibliotecas de museos de  participar nunha rede de bibliotecas públicas.
Tamén o día 30 de novembro Emilio Ruiz, da Biblioteca do Museo Etnográfico de Castilla y León , participa na mesa sobre web social e redes sociais presentando o Proxecto colaborativo Musas_Bibliotecas de Museos, proxecto no que tamén participa a Biblioteca do Museo Etnolóxico.Os resumos de todas as intervencións pódense ler AQUÍ.
As actas das I Jornadas de Bibliotecas de Museos xa están en formato dixital picando neste enlace AQUÍ

segunda-feira, 7 de novembro de 2011

Magosto, castañas asadas, viño novo e troula

foto doada por Antonia Sousa

Nestes días entre o 1 e o 11 de novembro, é dicer entre Defuntos e San Martiño, en toda Galicia, norte de Portugal e moitas partes de España, ten lugar un ritual de reunión e de troula entorno as castañas asadas e o viño: o magosto. Hai moitos lugares diferentes onde facer o magosto: no monte coma nesta fotografía do Arquivo Fotográfico do Museo Etnolóxico, no souto, nas adegas, nos fornos comunais, na aira da aldea, nas prazas das vilas, no adro da igrexa, no patio da escola, de moitas maneiras: con costela de porco, con sardiñas, con viño novo, con licor café, con queimada, iso sí sempre con castañas.
Que a castaña é un produto da terra importante en Galicia ao longo dos séculos, base da alimentación, acredítano o número importante de cantigas, refráns, adiviñas, ditos populares que encontramos na tradición oral e tamén na extensa bibliografía de historiadores, escritores, etnógrafos e antropólogos: Taboada Chivite, Ben-Cho-Sey, Xaquín Lorenzo, Elixio Rivas, Mandianes, Lisón Tolosana, Antonio Fraguas, Otero Pedrayo.
Unha das cantigas máis cantadas ainda hoxe nos magostos populares e escolares é:
"Non chas quero, non chas quero
castañas do teu magosto,
non chas quero, non chas quero
que me cheiran a chamusco
Aquí unha mostra


Ademáis do magosto con castañas asadas, hai receitas de cociña variadas con castañas, destacamos a de castañas con leite de Picadillo: 
"Unha vez mondadas as castañas, ráspase a película que as recobre ata que desaparece, e se poñen a cocer cun pouco de sal e outro pouco de fiuncho, e a media cocción retíranse do pucheiro e escórrense. Déixanse transcorrer cinco minutos e bótanse en leite, poñéndoas ao lume e deixándoas cocer ata que estean relativamente brandas, en cuxo momento se retiran, botándoas co leite nunha fonte, onde se deixan arrefriar, servíndoas despois", e a de caldo de castañas de Álvaro Cunqueiro na obra "A cociña galega" pódese ler neste enlace do google books AQUÍ CALDO DE CASTAÑAS páxina 23.
En claquera biblioteca pódese encontrar extensa bibliografía sobre a castaña e o magosto, tamén na Biblioteca do Museo.

sexta-feira, 28 de outubro de 2011

Outono fotográfico


O mércores 26 de outubro inaugurouse a 29 edición do Outono fotográfico 2011 adicada este ano a Benito Losada, como di na páxina do Outono fotográfico 2011: "imaxinou e puxo en marcha o Outono fotográfico, que dirixiu durante 28 anos e no que expuxeron máis de 3000 fotógrafos e fotógrafas".
O Outono fotógráfico é un referente da fotografía en Galicia, o Museo Etnolóxico participou activamente en diferentes edicións unhas veces acollendo nas súas salas exposicións de fotografas/os e outras organizando exposicións nas que se fai un folleto propio como o que aparece na fotografía do Outono fotográfico de 1999 cunha exposción de Santiago Míguez Amil. Este ano 2011  homenaxe a Benito Losada non podía faltar o museo, que participa coa exposición: "A mirada dos espazos", pódese ver a ficha informativa AQUÍ .
Na Biblioteca do Museo Etnolóxico, pódense consultar os cartaces, folletos e catálogos de distintas edicións do Outono fotográfico, na fotografía podedes ver a portada do catálogo do Outono fotográfico de 1987 en forma de calendario para o ano 1988, deseño de Planos/Ourense: catálogo, folleto e calendario nun  mesmo documento, a isto chámaselle rendabilizar recursos. Xa naquel Outono fotográfico se destacaba a participación de institucións, entidades e fotógrafos ourensáns "poucos serán os que non teñan algo que ver nalgunha das múltiples actividades previstas, nunca houbo tantas -16 exposicións, 5 audiovisuais, 4 cursos e 2 encontros- nin con tanta calidade. Se algo é evidente é que, ano tras ano, a fotografía ten maior presencia e máis peso dentro da dinámica cultural da nosa cidade".      

terça-feira, 4 de outubro de 2011

A revista "Vida Gallega"


"Vida Gallega" foi unha revista ilustrada, onde apareceron fotografados os máis importante acontecementos sociais, culturais e políticos de Galicia e da comunidade emigrante galega. Foi fundada en Vigo en 1909 por Jaime Solá Mestre, a primeira época será até 1938, tendo unha segunda época de 1954 a 1963.
En "Vida Gallega" colaboraron os máis sinalados fotógrafos de cidade: Jaime e José Pachco, Pintos, Ksado, Avrillon, Gil, Guerra... fotógrafos de vila: de Ribadavia Foto Chao (arquivo que forma parte dos fondos fotográficos do Museo Etnolóxico), así coma fotógrafos afeccionados: Varela, Xesta, o mesmo Jaime Solá...
A importancia desta revista para o estudo histórico, sociolóxico e antropolóxico de Galicia, levou a que Edicións a Nosa Terra, Promocións Culturais  Galegas e a Fundación Caixa Galicia publicaran en varios tomos a Crónica gráfica de "Vida Gallega", baixo o título: As imaxes da "Vida Gallega".

Na Bibliotecas do Museo temos unha considerable cantidade de números orixinais da revista, todos ingresaron por doazón: Familia Meruéndano, José Sánchez Bello, Asociación Abrente e Francisco Fumega. Podesdes ver todos os números que temos AQUÍ.

Ademáis adquirimos por compra os tomos: I, II, III, IV, V e VI da publicación As imaxes da "Vida Gallega" , para completar a descripción e catalogación de algunhas fotos do Arquivo Fotográfico do Museo.Tanto os orixinais como as reproducións de "Vida Gallega" pódense consultar na Biblioteca do Museo Etnolóxico de luns a venres en horario de 9 h. a 15 h., ou ben por correo electrónico rosa.lamas@xunta.es.
Na biblioteca dixital de Galicia: Galiciana na sección de Hemeroteca pódense consultar a texto completo, descargar e imprimir os números de Vida Gallega desde 1909 a 1921.

quarta-feira, 14 de setembro de 2011

Novidades setembro 2011

Moitas institucións, asociacións e inclusive editoriais, permiten o acceso completo ao contido de libros, revistas, artigos, cada unha por motivos diversos, mais case sempre cun obxectivo claro: a difusión da información.
Entre as novidades de agosto e setembro atopámonos que algúns dos libros que compramos tamén teñen unha edición dixital que se pode consultar a texto completo. Nesta entrada facemos referencia a algúns deles:
.

-El patrimonio cultural inmaterial. Definición y sistemas de catalogación: Actas del seminario internacional, Murcia, 15-16 de febrero de 2007. Gobierno de la Región de Murcia, 2008. 
O patrimonio inmaterial consérvase en distintas tradicións e expresións: a língua como instrumento de comunicación, os espectáculos, os ritos, os actos festivos, técnicas artesanais… que permiten o estudo e coñecemento da cultura. TEXTO COMPLETO AQUÍ.



-Qué es ser hombre: (valores cívicos y valores conflictivos en la Galicia profunda) / Carmelo Lisón Tolosana. Akal, 2010.
O autor presenta etnográficamente a norma, o valor, a obriga e o dereito, nun novo estudo antropolóxico de Galicia, enmarcado todo en casos, situacións e contextos fuxindo do abstracto que envolve a filosofía dos dereitos humanos. TEXTO PARCIAL AQUÍ.




-I Congreso Internacional. Los museos en la educación: la formación de los educadores. Museo Thyssen-Bornesmisza, 2009.
Os relatorios e comunicacións reflicten o carácter internacional do foro, onde se propuxo reflexionar dende diversas ópticas acerca dos retos relacionados coa formación dos educadores de museo e as habilidades que estes desenvolven como mediadores entre o museo e o visitante. O libro reordena os resultados do congreso en relación ao programa co que se convocou. A publicación é de interese non só para os profesionais do museo, senón tamén para todos os profesores e estudosos interesados na educación e a pedagoxía artística.TEXTO COMPLETO AQUÍ.


-Estudi del fons industrial tèxtil de Catalalunya. Centre de Documentación i Museu Tèxtil, Museu d’Arenys de Mar, 2010.
No libro preséntase o traballo de documentación sobre os mostrarios téxtis do Centrede Documentació Museu Tèxtil e do Museu d’Arenys de Mar .
 Desde esta páxina  pódense consultar 605 fichas de mostrarios de máis de 30 empresas catalanas, que permiten coñecer a historia da industrial téxtil recente, pois a industria téxtil catalana é unha das importante do Estado Español. TEXTO COMPLETO AQUÍ.



-El tiempo amarillo. Lunwerg, 2010.
Con motivo do 40º aniversario da primeira edición das Páginas Amarillas, neste catálogo faise unha selección de imaxes de grandes fotógrafos españois, e un verdadeiro estudo antropolóxico dos usos e costumes dunha época, pódense ver traballadoras e traballadores de oficios diversos, algúns xa desaparecidos, e tamén de profesión actuais. Máis información sobre o proxecto AQUÍ. TEXTO COMPLETO AQUÍ.