quinta-feira, 13 de novembro de 2014

Cruceiros do Concello de Ribadavia



Pino Pérez, Rubén; García Janeiro, María Jesús: Cruceiros do Concello de Ribadavia. Patrimonio de Galicia. Ribadavia: Editor Rubén Pino García, 2013


O libro Cruceiros do Concello deRibadavia é un estudo dos 26 cruceiros que se conservan nas súas sete parroquias, Santo André de Campo Redondo (10), Santiago de Esposende (2), Santa María Madanela de Francelos (4), San Domingos de Fóra de Ribadavia (5), San Cristovo de Regodeigón (1), San Pedro de Sanín (2) e San Paio de Ventosela (2).
 
Aporta un catálogo dos cruceiros con información sobre a súa propiedade, localización, medicións e descricións orixinais de todos os seus elementos.

Para cada cruceiro reflíctese a parroquia e lugar onde se atopan, a orientación do mesmo en graos N, a xeorreferenciación no sistema Universal Transverse Mercator (UTM) cunha precisión de 1 x 1 m e a altitude en metros sobre o nivel do mar. Cando se coñece, indícase a titularidade do ben patrimonial e o ano de construción. Nalgúns casos engádense observacións sobre o seu estado de conservación que resúmese no apartado de conclusións.

O libro inclúe 70 fotografías orixinais de todos os cruceiros e 24 debuxos orixinais, algúns do conxunto e outros de detalle dos bens.

Os resultados obtidos permiten manter a hipótese dos cruceiros como parte do mobiliario litúrxico e analízanse as orientacións actuais globais de todos eles.

Finalmente, engádese un glosario de termos utilizados principalmente na descrición dos cruceiros, unha lista de referencias bibliográficas, o modelo de fichas de recollida de datos no campo, unha chave para a determinación dun cruceiro e un resumo dos datos obtidos.

segunda-feira, 22 de setembro de 2014

O Fondo Juan Bande e o traballo de Nuria

A finais do curso pasado, de marzo a maio de 2014, tivemos entre nós a Nuria Sánchez Álvarez, estudante da Universidade de Santiago de Compostela facendo prácticas no Museo Etnolóxico, ela mesma escolleu traballar no Departamento de Documentación e Biblioteca, colaborando nas labores de clasificación e inventario do fondo documental, así como en tarefas diarias da actividade do Museo relacionadas coa difusión e a montaxe de exposicións.
Como escribe a propia Nuria na súa memoria de prácticas escolleu o Museo Etnolóxico por varias razóns: "por ser un museo de etnoloxía a medio camiño entre a historia e a antropoloxía moi útil para unha estudante de historia pois axuda a ter unha visión ampla do mundo e de tódolos campos, por ter un gran fondo documental e fotográfico con grandes recursos para a investigación e ademais porque é un museo situado na miña vila que me permite traballar sobre a miña comunidade, estudala e aprender acerca dela". 

Clasificación e inventario Fondo Juan Bande: 

A maior parte do seu traballo centrouse no fondo documental e bibliográfico de Juan Bande (produto dunha doazón sucesiva e ainda aberta de máis de dez anos), que estaba prácticamente sen tocar. Escolleu este fondo por ter moita documentación de cultura local da comarca de O Ribeiro e máis específicamente de Ribadavia pois Juan Bande é unha persoa totalmente implicada en distintas actividades culturais de O Ribeiro, tema de grande interese para ela, mais tamén para o Museo era preciso e urxente clasificar e inventariar este fondo pola súa importancia en cantidade e calidade, pois sabiamos que ten documentación interesante para moitos temas. 
Empezou por revisar toda a documentación, seguidamente fixo unha ampla clasificación por temas (feira do viño, festas de Ribadavia, Coral Club Artístico, turismo, cultura de O Ribeiro...) e por tipos de documentos (recortes de prensa, ephemera, documentos persoais, folletos, publicacións periódicas...), debido á amplitude do fondo, unha vez feita a clasificación centrouse no inventario da documentación sobre a Feira do Viño e sobre a Coral do Club
Artístico. Da Feira do Viño sobre todo recortes de prensa en especial dos anos que Juan Bando estivo implicado na directiva da Feira e folletos, en canto á documentación da Coral do Club Artístico son recortes de prensa, folletos, manuscritos da actividade da Coral, da que formou parte, entre 1985 e 1990 (esta documentación completa a aportada por Carlos Jürschik o que nos permite ter unha información moi completa sobre a Coral).

Montaxe da exposición: "Detrás da máscara":

Nuria tamén colaborou na preparación da exposición “Detrás da máscara”  acerca da tradicional celebración do Carnaval en Galicia, onde se expuxeron fotografías, publicacións e mostra dos típicos traxes desta festa tradicional en distintas comarcas ourensás. O seu traballo consistiu en axudar na montaxe das pezas da exposición, no seu inventario, xa que estes obxectos eran emprestados por particulares e asociacións e foi necesario un escrupuloso control do seu manexo. 




sexta-feira, 11 de julho de 2014

"Tes máis conto que Calleja"


Doazón de mini contos Calleja
 
O ano pasado fixeron un doazón á Biblioteca do Museo Etnolóxico de nove mini contos de 10 x 7 cm da Editorial Saturnino Calleja, case todos de 1901; son minicontos cunha letra moi pequena, con execelentes ilustracións en branco e negro no interior e en cor na capa, sempre con contidos divertidos incluíndo un certo ton instrutivo e formativo.

 
Estes son os títulos que forman  parte da doazón: El tesoro del dragón, La leyenda de la seda, La buena maga, Los cuatro huerfanitos, Amor de madre, Un amigo generoso, Miguelito Tarambana, El brujo y las tres hermanas, Los gusanitos de seda.
 
 
 
 
Nótase o paso do tempo, aínda que moi ben conservados todos os exemplares e con gran aprezo, pois tres deles aparecen meticulosamente cosidos, pois perderon a grampa que  unía as follas.




A editorial española Saturnino Calleja fundada en 1879, que estivo en activo catro décadas, supuxo unha revolución dentro da edición de libros escolares e da literatura infantil en España. Permitiu a un gran número de nenas e nenos, con baixo poder adquisitivo a principios do S. XX en España e Hispanoamérica, ler e estudar en libros baratos, mais primando sempre a súa excelente calidade editorial con esquisitas ilustraccións, debuxos e gravados de recoñecidos artistas da época, sen esquecer as novas tendencias pedagóxicas europeas nos libros de texto.
Foi unha empresa editorial familiar que renovou e modernizou a edición de libros infantís preocupándose á vez polo papel educador e a calidade material do libro en particular das ilustracións, así como a innovación nos formatos e nos prezos. Estas ideas van influír nas outras editoriais españolas e a súa                                                 preocupación pola instrución das clases populares.

En 1884 Saturnino Calleja empezou a publicación de contos infantís en Madrid, contos e lendas populares que máis xente, ca antes, podía comprar por 5 ou 10 céntimos, os contos de Grimn, Andersen, Perrault, Salvador Bartolozzi co seu Pinocho, Juan Ramón Jiménez, Rafael Penagos, Federico Ribas Ferrer foron popularizados a través destes contiños de 10 x 7 cm. Estes contiños de Calleja supuxeron a revolución na literatura infantil española polo formato pequeno que abarataba os costes, pero tamén pola beleza das súas ilustracións.
Estes contiños baratos están ilustrados polos mellores ilustradores da época: Bartolozzi, Antonio Robles, Corona, Méndez Bringa, Picolo, Manuel Ángel...


Para saber máis:

-Cuentos de Calleja: historia, homenaje y recuerdo 

-Aproximación a los cuentos de Calleja /Anabel Saiz Ripoll

-Los cuentos de Calleja cumplen 100 años / Enriqueta Albizua

-Para que lean los niños: II República y promoción de la literatura infantil / Marie Franco

-La evolución de la literatura infantil y juvenil en España / Teresa Colomer

terça-feira, 10 de junho de 2014

A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970)

Cid Galante, Rosa María: A Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970). Vigo: Universidade de Vigo, 2013


O libro da Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970) é un estudo sobre a creación e traxectoria da Institución encargada da formación das mestras ourensás. Faise un seguimento dende a súa orixe ata o segundo terzo de século XX salientando os lugares nos que estivo asentada a Normal dende o ExConvento de Santo Domingo, pasando polo Hospital de San Roque, Instituto Provincial ata un edificio ad hoc que sería a denominada Vella Normal para, definitivamente, pasar á Cidade Escolar da que se ofrece no libro información inédita sobre o arquitecto e deseño da mesma. 

O Sumario do libro pódese consultar AQUÍ



 Rosa María Cid Galante, natural de Ourense (1966), é Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago (1992) e Doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, título acadado pola Tese de doutoramento “Muller e Educación en Ourense (1900-1930) dirixida por Camen Benso Calvo, investigación á que se lle outorgou o Premio Extraordinario 2006. Ademais é Diplomada en Educación Xeral Básica (1987) e Licenciada en Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo (2009). Actualmente é Profesora Titular do Departamento de Xeografía e Historia no IES Universidade Laboral de Ourense e Profesora Asociada da Universidade de Vigo. Administradora do blogue Historia das nosas mulleres ourensás

 

O libro da Escola Normal de Mestras de Ourense (1877-1970) é un estudo sobre a creación e traxectoria da Institución encargada da formación das mestras ourensás. Faise un seguimento dende a súa orixe ata o segundo terzo de século XX salientando os lugares nos que estivo asentada a Normal dende o ExConvento de Santo Domingo, pasando polo Hospital de San Roque, Instituto Provincial ata un edificio ad hoc que sería a denominada Vella Normal para, definitivamente, pasar á Cidade Escolar da que se ofrece no libro información inédita sobre o arquitecto e deseño da mesma. Tamén se lle dedica un capítulo ás insricións de matrícula nos estudos de maxisterio ourensá facendo unha comparativa co resto de Galicia. Os anexos presentan interesantes documentos de referencia das primeiras mestras rexistradas nos estudos, así como documentos sobre os trámites de instalación da Normal.
Non podemos deixar de salientar as lembranzas que tiñan as mestras da Normal do Progreso de Ourense así como dos seus profesores e profesoras dos que se fai unha reseña da súa traxectoria vital e formativa.

Rosa María Cid Galante


Bibliografía de Rosa María Cid Galante: 

quinta-feira, 15 de maio de 2014

Visita Clube de Lectura CPI Tomás de Lemos

Antes das vacacións de Semana Santa o alumnado do Clube de Lectura do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia estiveron boa parte da mañá de visita na Biblioteca do Museo Etnolóxico, acompañados polo profesor de Ciencias Sociais Markos Mendigueren que "anima" este dinámico clube (e que tamén é o autor das fotos que aquí aparecen sobre esta visita, e que escribe o Blogue de Ciencias Sociais de Markos Mendiguren),
Xa estiveran meses atrás nunha extensa visita polo Museo tanto polas salas de exposición como polas áreas de traballo interno: laboratorio de restauración, arquivo fotográfico, almacéns... pero o tempo non lles chegara para visitar con calma a Biblioteca e a Área de Documentación, polo que prometeran voltar e así foi (non sei se foi porque lles prometera un regalo ;-).

observando atent@s. Foto de Markos Mendiguren
Despois dunha pequena presentación da Biblioteca insistindo en que é unha biblioteca especializada polos seus fondos, mais que é de acceso público e que calquera persoa pode facer uso dela, estivemos falando dos materiais coñecidos como ephemera (a explicación partiu da ephemera da foto, que o ano pasado por maio visitou a Biblioteca do Museo): a súa escasa vida, de aí a necesidade de prestarlle máis atención e conservalos, o uso que lles damos no Museo como material de documentación para exposicións (exemplo a exposición do ano 2013 sobre os 50 anos da Feira do Viño), como se conseguiu facer un libro sobre as case esquecidas murgas do carnaval de Ribadavia (prometeron falar co profesor de música para facer unha o ano que vén), como con programas de festas investigamos a chegada do cinematógrafo a Ribadavia  ao final acabaron identificando sin problemas cales son materiais ephemera e nos que por suposto se pode practicar a lectura.

Tiveron entre as mans libros de texto dos anos 50 do s. XX, nos que descubriron que os nenos e as nenas non estudiaban nos memos libros, incluso estivemos lendo cales eran as diferenzas.

ephemera visitando a Biblioteca

Sorprendéronse cos mini-contos da editorial Calleja, viron xornais e revistas antigas, unha colección de discos de vinilo, un interesante libro de autor dos anos 50 do S. XX e todo este material procedente da doazón de persoas que depositan este material nun sitio público para consulta de quen queira.

Certamen sorprendeume moi gratamente o seu interese, pois estiveron todo o tempo (e foron case dúas horas) facendo preguntas, ademais da excelentísima relación de complicidade que teñen co seu profesor.

Como son o futuro do Ribeiro regalámoslle un folleto con escolma de textos sobre o viño de Xaquín Lorenzo, que van ler e conservar con agarimo. 

alumnado Clube de Lectura CPI Tomás de Lemos (Ribadavia). Foto de Markos Mendiguren

FOI UNHA MARAVILLOSA VISITA!!! 

RAPAZAS, RAPACES GRAZAS POR ESE REBULIR QUE LEVANTA OS ÁNIMOS, E GRAZAS A MARKOS POR FOMENTAR ESE REBULIR

terça-feira, 22 de abril de 2014

libros libres: 23 abril Día Internacional do Libro

liberación en 2013 na cidade de Ourense
O 23 de abril, como cada ano, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro multiplícanse as iniciativas ao redor dos libros, por terceiro ano consecutivo a Biblioteca do Museo Etnolóxico participa, na liberación de libros (=bookcrossing) xunto con 48 bibliotecas de museos de todo o estado español, esta iniciativa está organizada desde hai seis anos pola Biblioteca-Centro de Documentación ARTIUMde Vitoria.

 Este ano a Biblioteca do Museo Etnolóxico liberará 11 libros procedentes de publicacións editatas polo propio museo, así como de doazóns e duplicados, de temas variados: fotografía, etnografía, catálogos de exposicións, literatura infantil, novela …


símbolo internacional do bookcrossing
A liberación neste ano 2014 centrase sobre todo no rural da comarca do Ribeiro, en lugares públicos: parques, beirarrúas, paseos fluviais, fontes, monumentos, bancos públicos, etc. de Arnoia, San Cristovo, Francelos, Castrelo de Miño, Leiro… pero tamén da vila de Ribadavia e da cidade de Ourense  no estante da páxina de bookcrossing do Museo Etnolóxico pódense consultar os títulos e os lugares onde serán soltados os libros AQUÍ , todos os libros levan autocolantes identificativos co símbolo internacional do bookcrossing: un libro de cor amarela correndo. O obxectivo principal é que os libros circulen e pasen de man en man, de que a xente que encontre estes libros libres goce con eles e despois os volva deixar en calquera sitio público para que outra persoa poida desfrutar tamén con eles.


Neste vídeo de presentación da campaña podedes ver todas as bibliotecas de museos do estado español que participan este ano. En Galicia participan nesta actividade tamén as Bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Museo de Belas Artes de A Coruña, do Museo da Marioneta en Lalín, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela, da Fundación Granell tamén en Compostela e do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo.






Para ver como foron as edicións de 2012 e 2013 de liberación de libros (=bookcrossing) do Museo Etnolóxico picade AQUÍ
As fotos da edición de 2014 da liberación de libros polo rural da comarca de O Ribeiro pódense ver AQUÍ.

zona oficial bookcrossing no Museo Etnolóxico
Lembrade que nas salas de exposición do Museo Etnolóxico, en concreto onde están as máquinas do obradoiro de encadernación temos unha zona oficial de liberación de libros durante todo o ano.

Todos os libros tanto os liberados no exterior do Museo como os da zona oficial son cazados pola xente que se atopa con eles, mais desa xente moi pouca se rexistra na páxina de bookcrossing para ir deixando o percorrido dos libros, Porén hai persoas que si o fan e nos din onde volven a liberar estes libros, temos libros circulando por Valladolid, Melgaço, Lugo, Madrid, Vigo, Porriño.

quarta-feira, 9 de abril de 2014

Cines de Galicia

Cabo, José Luis; Sánchez García, Jesús Ángel (eds.): Cines de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié, 2013

O libro Cines de Galicia responde ao obxectivo de abordar a análise de toda a arquitectura cinematográfica galega no seu desenvolvemento e contexto histórico, así reúne as achegas de diversos especialistas, abranguendo ramas de coñecemento como a historia, a historia da arte, a historia do cine e a música ou a arquitectura.
Presenta un primeiro inventario dos cines que existiron en Galicia. Reúne 848 fichas de cines, tomando como fontes as informacións de arquivos repartidos por toda a xeografía galega, pero tamén os traballos de campo de José Luis Cabo, e os estudos locais publicados ata a data.

Índice do libro e primeiras páxinas AQUÍ
Máis información sobre o libro e o inventario AQUÍ



Jesús Ángel Sánchez García é Licenciado en Xeografía e Historia (1990) e Doutor en Historia da Arte (1995) pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor Titular de Historia da Arte no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, desde o ano 1998. Acreditado ao Corpo de Catedráticos de Universidade en abril de 2013. As súas liña de investigación son: historia da arquitectura, tipoloxías arquitectónicas , arquitectura e urbanismo de Galicia en época contemporánea,  historia do xardín , conservación do patrimonio . Entre outros moitos participou nos  proxectos e convenios de investigación:  “La visión del artista. Ciudad y arquitectura en Galicia desde la Edad Media hasta la irrupción de la fotografía”, “Inventario y selección de salas cinematográficas. Plan Nacional de Patrimonio del siglo XX”.
Para saber máis sobre o seu curriculum AQUÍ.

Cines de Galicia condensa a historia dos vacilantes comezos, o brillante esplendor e a acelerada decadencia e desaparición destas arquitecturas para os sonos do celuloide en Galicia. Dende que os irmáns Lumière comezaron a accionar, alá polo ano 1895, o primeiro aparato cinematográfico, as primeiras exhibicións de películas realizáronse tomando en préstamo locais xa existentes, como os teatros e circos que en Galicia se dedicaban aos espectáculos máis populares. O ano 1908 marcou, para toda Europa, unha data decisiva cara á consolidación das primeiras salas cinematográficas estables, que en Galicia se corresponde precisamente co inicio da andaina do emblemático Salón París da Coruña (1908-1999).

Durante as décadas dos anos dez e vinte os recintos para o cinematógrafo foron estendendo a súa presenza polas principais cidades, á vez que se elaboraban uns primeiros códigos arquitectónicos para converter as salas nun reclamo e un rostro recoñecible para o público. En Galicia foi aínda o período dos pavillóns modernistas, como o Pavillón Liño da Coruña (1905-1913), o New England de Ferrol (1906-1914), ou o Ideal Cinema de Vigo (1914-1930).

A nova presenza e protagonismo urbanos aínda se intensificou a partir da expansión do cine sonoro, que en Galicia veu a coincidir cos cines construídos durante os anos trinta, incorporando ademais as novas formas da arquitectura déco e racionalista -Savoy (1931) da Coruña, Coliseum (1932) de Pontevedra, Fantasio (1933) de Vilagarcía, Callao (1935) de Ferrol, Capitol (1935) de Santiago.

A arquitectura dos cines construídos na posguerra caracterizouse pola convivencia entre as derivacións daquelas solucións modernas do déco e o racionalismo, porén algúns proxectos orientáronse cara á recuperación de elementos de arquitectura vernácula e rexionalista, como os cines deseñados por Luis Gutiérrez Soto ou Manuel Gómez Román -Fraga (1948) de Vigo. Foi durante os anos 40 a 60 do S. XX cando os cines construídos en Galicia alcanzaron a súa máxima implantación territorial, do total de 848 cines documentados en Galicia, máis da metade, 448, foron construídos entre os anos 40 a 60, ata o comezo da crise en 1965.

Esta dominante presenza das salas de cine comezou a declinar a partir de 1965, primeiro pola competencia da televisión e o video, e finalmente polos máis recentes cambios no desfrute do ocio e as novas estratexias de exhibición.

Todas estas arquitecturas, que no seu momento se situaron entre as máis vangardistas e modernas das nosas cidades, recompílanse nun inventario final cos datos básicos de 848 cines que existiron en Galicia.

Con este libro faise unha achega decisiva para cubrir un gran baleiro no que ao coñecemento do noso patrimonio construído se refire, posto que, dentro da arquitectura do século XX, o dos cines foi un dos capítulos máis lentamente recoñecidos, e por iso menos valorado e protexido. Como tantas veces aconteceu coa conservación dos bens culturais, a tardía apreciación deste patrimonio só deu os seus primeiros pasos cando xa era inevitable a súa decadencia, cos irremediables danos e perdas acontecidas nas últimas décadas.

Jesús Ángel Sánchez García

Bibliografía de Jesús Ángel Sánchez García