segunda-feira, 6 de abril de 2020

Mostra documental sobre o ciclo “A muller na sociedade actual” organizado pola Agrupación Cultural Abrente en 1972 en Ribadavia

O estudo da historia da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia (1969-1983),  é posible, nunha parte importante, porque os socios e socias da mesma durante os anos de actividade conservaron e clasificaron con minuciosidade e coidado a documentación administrativa e de función da asociación.

Variedade de documentos da mostra documental. Fondo Abrente


Esta variada documentación: administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras, manuscritos, así como libros e revistas foi depositada no Museo Etnolóxico unha vez disolvida a Agrupación. 

Nunha rápida consulta a esta documentación observamos o inxente traballo cultural, das persoas que formaron parte dela, organizando moitas e diversas actividades: cine, cursos, teatro, exposicións de arte, concursos de textos teatrais, actividades para a rapazada e un grande número de conferencias de temas variados: política, relixión, literatura, arte, economía, historia, lingua, arqueoloxía, socioloxía... impartidas por especialistas en cada unha das materias. 

No ano 1972, entre xaneiro e abril, organizaron en Ribadavia un ciclo de conferencias sobre “A muller na sociedade actual” nun momento histórico no que o tema da muller non era habitual na programación das asociacións culturais galegas e o movemento feminista galego estaba aínda xestándose. Non será ata 1977 cando María Xosé Queizán publique o primeiro ensaio feminista en Galicia “A muller en Galicia: a muller na sociedade galega: a lingua galega e a muller : (análise estrutural de dous métodos represivos)” editado por Edicións do Castro. 

Iniciouse este ciclo en xaneiro con Celso Montero e Nemesio Barxa co tema “La mujer y la Iglesia”  e “La mujer en la sociedad y en el derecho gallegos” respectivamente, en febreiro foi a vez de Mª José Amor Carreró  disertando sobre “La mujer en la sociedad española de hoy”, en marzo María Xosé Queizán “Perspectivas y necesidades históricas de la familia”, rematando o ciclo en abril Victoria Armesto cunha conferencia sobre  “Juglares y juglaresas”.

Recorte do xornal La Región. Fondo Abrente


Nesta mostra documental, que se pode ver no Museo Etnolóxico, está exposta parte da documentación conservada pola Agrupación ribadaviense en relación a este ciclo sobre a muller.

Na documentación administrativa exposta aprécianse os trámites burocráticos necesarios antes de que a conferencia se puidese realizar (obsérvase o proceso completo da documentación na conferencia impartida por María Xosé Queizán): carta manuscrita da conferenciante aceptando o convite para impartir a conferencia incluído o título e guión pormenorizado da mesma, necesario este para anexar á solicitude de permiso ao Gobierno Civil, previo pago de 25 pts polo concepto de reunión,  autorización para á celebración asinada polo Gobernador Civil, cos correspondentes recortes de prensa anunciando e falando da conferencia.

Inaugurando esta mostra documental, con acompañamento de socias e socios da Agrupación Cultural Abrente, tivemos un relatorio de María Xosé Queizán sobre "Feminismo: historia e actualidade".
Acompañando a esta mostra tiñamos previsto un ciclo de conversas arredor do feminismo, que debido a declaración do Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, tivemos que suspender.

Relatorio de María Xosé Queizán no Museo Etnoloxico 06/03/2020




Sem comentários: