Sobrado Pérez, Xosé Luis ; Fumega Piñeiro, Francisco Xosé: O proceso de electrificación do noroeste ourensán. Ourense, Deputación Provincial, 2015
Xosé Luis Sobrado e Francisco Xosé Fumega, historiadores e membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas do Carballiño, documentan e analizan como o noroeste da provincia de Ourense foi pioneiro en Galicia en contar coa electricidade como sistema de enerxía.Este desenvolvemento vai unido o alumeado público das vilas e aldeas, sendo a vila do Carballiño unha das primeiras aló por 1892.
O sumario do libro pódese consultar AQUÍ
Xosé Luis Sobrado Pérez é cofundador e membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño e do Grupo Histórico Arqueolóxico Larouco.
Ten estudado e investigado sobre a microhisotoria de varias parroquias da Comarca do Carballiño.
Autor de numeroros artigos de investigación histórica e asesor de contidos do futuro Museo do Viño de Galicia. Xunto con Francisco Xosé Fumega vén traballando en proxectos sobre o patrimonio industrial e fluvial.
A obra pretende dar a coñecer os proxectos que fixeron posible a chegada, a difusión e a universalización da electricidade na zona noroccidental da actual provincia de Ourense, entendendo como tal os nove concellos que conforman a comarca do Carballiño pero, tamén, os de Amoeiro e Cenlle e as zonas limítrofes dos concellos da Lama, Forcarei e Dozón xa en terras pontevedresas. Unha longa viaxe no tempo que comeza a finais do século XIX coa chegada da electricidade á vila do Carballiño, concretamente no ano 1896 -tan só tres meses despois da inauguración do alumeado na capital da provincia- chegando ata 1970 cando a luz eléctrica chega, por fin, ó último núcleo habitado e, ó tempo, que se remata a construción do encoro de Albarellos. Ó longo deses anos vemos como calquera regato ou calquera río é bo para a instalar maquinaria que produza electricidade.
A traveso deste percorrido atopamos moitas experiencias relacionadas coa implantación de electricidade: dende o modelo de corte empresarial ata outros de tipo comunitario ou de compañías mineiras foráneas con intereses na zona que precisan desta enerxía para mover as súas máquinas. No primeiro dos modelos, subliñar a existencia de empresas de corte familiar que, co paso do tempo, van evoluíndo ata chegar a ter unha dimensión importante -caso da CHEDA-; nos de tipo comunitario vemos como os veciños dalgunhas parroquias son quen de instalar pequenas centrais que eles pagan e manteñen e, finalmente, o caso dos primeiros destinos industriais desta innovadora tecnoloxía de mans de compañías inglesas ou francesas que explotan as minas desta zona. No medio destas, a curiosa que os frades de Oseira montan ó pé do mosteiro para iluminar o cenobio e, de paso, vender algún quilovatio.
Nas súas páxinas, tamén atopamos as
limitacións tecnolóxicas e, en moitos casos, a falla de materiais para a
construción de centrais e para instalación de tendidos, sendo abraiante a
dependencia tecnolóxica do estranxeiro, tal e como se desprende da análise que
de cada unha das centrais se fai ó longo do libro.
Dende a perspectiva humana, resultou ser
unha auténtica odisea, sobre todo e como acabamos de dicir, pola carencia de
recursos e polos duros anos vividos na posguerra. Pero tamén foi un trunfo
deses homes emprendedores e arriscados que un día decidiron botarlle valor á
vida a apostar por esta nova tecnoloxía. Lembrar ós empresarios Laforet, Gulías
ou Barbeito pero sen esquecer a aqueles outros que, dende a súa modestia, foron
quen de facer que as súas lámpadas viran luz ou colaborar coa súa prestación
propia nos traballos dos tendidos.
Xosé Luis Sobrado Pérez
Moitas grazas a Xosé Luis Sobrado pola súa colaboración.
Bibliografía de Xosé Luis Sobrado Pérez