sexta-feira, 11 de janeiro de 2013

Homenaxe a usuarias/os da Biblioteca do Museo


A Biblioteca do Museo Etnolóxico é unha biblioteca con fondos especializados, mais de acceso público e libre, non é preciso ningún tipo de carné, isto quere decir que calquera persoa pode entrar a consultar calquera dos máis de 40.000 volumes que forman parte do fondo bibliográfico e documental. Os Museos son centros públicos e abertos a toda a xente interesada na cultura, non son simples contedores e almacéns de pezas que hai que conservar, unha das funcións básicas dos Museos e das Bibliotecas é a difusión dos seus fondos e do seu coñecemento, e as persoas que consultan os fondos bibliográficos e documentais son un dos motivos fundamentais da razón de ser destes centros públicos.

O perfil das persoas que consultan a Biblioteca do Museo Etnolóxico é moi diverso: estudantes de universidade: xornalismo, historia, antropoloxía, arquitectura,arqueoloxía, de conservatorio, de doutorados, de másters de patirmonio, museos, propietarias/os de adegas, casas de turismo rural que precisan documentación para facer a súa páxina web ou simplemente aportar informar a súa clientela… , investigadores locais que van recopilando en artigos e libros a historia local de Ribadavia, da comarca do Ribeiro, da provincia de Ourense e de Galiza.

Os temas consultados son ainda máis variados van desde: a medicina rural, os viños do Ribeiro, por suposto, o entroido en Ribadavia, a música, a vida cotiá na comarca do Ribeiro, a arquitectrua tradicional como os chozos de pastor, os foxo de lobo, pazos e casas grandes, a agricultura en Galiza e os seus aparellos de traballo, os camiños de arrieiros, lagares rupestres ou líticos tamén lagares particulares, xenealoxía e onomástica, museos etnográficos de Galiza, utensilios de cociña coma chocolateiras, cuncas de viño, o románico no Ribeiro, a xudería de Ribadavia, Asociación Cultural Abrente ....

 Ademais dos propios fondos bibliográficos do Museo facilitamos o acceso ao documento, ainda que non o teñamos entre os nosos fondos, a través do préstamo interbibliotecario con outros bibliotecas de museos ou bibliotecas públicas de Galiza e do Estado, o obxectivo é que a persoa non marche sen información.

As maneiras de acercarse á Biblioteca do Museo Etnolóxico e aos seus fondas tamén son múltiples: de forma presencial, por teléfono (988471843), por correo electrónico (mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.es ou rosa.lamas@xunta.es), polas redes sociais (facebook, twitter @museoetnoloxico), a través de préstamo interbibliotecario consultando o catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
ou do catálogo de Bibliotecas Públicas do Estado,

outono desde a xanela da Biblioteca do Museo
Por suposto sen esquecer ás persoas, que con máis asiduidade consultan os nosos fondos, as que traballan no propio Museo Etnolóxico así como bolseiras/os, perosal externo colaborador, amigas/os do Museo, e persoal dos outros Museos de Galiza ben porque non teñan persoal na biblioteca ou ben porque precisan documentos que non teñen nos fondos dos seus centros.

A satisfacción de realizar un servizo público no noso centro de traballo aumenta cada vez que alguén se acerca a consultar calquera dos nosos fondos bibliográficos e documentais, por iso cando alguén se marcha e nos da as grazas sempre decimos GRAZAS A VÓS por suposto, este é un servizo público que pagamos cos nosos impostos, que menos que facer ben o traballo polo que nos pagan.