quinta-feira, 22 de dezembro de 2011

Novidades decembro 2011

 As institución públicas: ministerios, consellerías, concellos, deputacións... veñen desenvolvendo un esforzo desde hai anos para publicar e difundir traballos de investigación en diversos campos, nesta ocasión queremos presentar aquí dous interesantes traballos sobre antropoloxía social e cultural publicados pola Deputación de Ourense e pola Deputación de Lugo.
"De sol a sol: un século de traballo en Xove" editado en 2010 pola Deputación de Lugo. As autoras indican "neste libro recollemos testemuñas directas dos nosos veciños e veciñas, que co seu falar pousado de persoas maiores, expertas e marcadas polo esforzo de toda unha vida, relatan as antigas formas de traballo, moitas delas perdidas". Podedes ver un resumo, o índice dos temas e a biografía das autoras AQUÍ.
    "Oìr o galo cantar dúas veces: identificacións locais, culturas das marxes e   construción de nacións na fronteira entre Portugal e Galicia" editado pola Deputación de Ourense en 2011. Este traballo de investigación da antropóloga portuguesa Paula Godinho gañou a XV convocatoria do "Premio Xesús Taboada Chivite" que convoca a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. A autora presenta o resultado dun traballo de campo na zona de fronteira segundo Paula Godinho: " A fronteira galaico-portuguesa é un fenómeno cultural complexo e multidimensionado, articulado de forma diversa no espazo e no tempo. Nun longo pasado, as poboacións raianas integraron redes informais que competían co campo de actuación estatal e desenvolveron modos de vida que incorporan identificacións contraditorias". Indice da obra AQUÍ.

quarta-feira, 7 de dezembro de 2011

Biblioteca en crise?

depósito Biblioteca Museo Etnolóxico
Nestes tempos de crise capitalista é preciso buscar fórmulas para que as institucións públicas poidan seguir realizando a súa labor que non é outra que servir ás cidadás e cidadáns, pois continúan a pagar impostos. É certo que hai pouco orzamento para cultura e menos para os museos e menos ainda para as bibliotecas de museos. A nosa fórmula e a doutras bibliotecas de museos de todo o Estado Español, para superar esta crise, é a cooperación e a colaboración, que sempre enriquece, facémolo sobre todo a través do Proxecto Musas_bibliotecas de museos podedes ver en que consiste AQUÍ , que nos permite establecer unha rede de comunicación entre profesionales para o intercambio de publicacións así como compartir duplicados que temos acumulados nas nosas bibliotecas e que sen embargo outra biblioteca precisa, por otra banda chamamos á porta de institucións públicas e privadas que editan publicacións para que fagan doazóns, e outra fórmula moi utlizada nos últimos anos é a do préstamo interbibliotecario é dicer servirnos por un tempo de publicacións que compraron noutros centros e que sabemos que teñen consultando o Catálogo de Acceso Público (OPAC) como o das Bibliotecas Públicas do Estado no que tamén se encontran moitas bibliotecas de museos de todo o Estado AQUÍ,  isto permite darlle servizo á persoa que precise o documento sen ter que compralo.

No caso da Biblioteca do Museo Etnolóxico, neste ano, establecemos intercambio con novos centros que a cambio das publicacións editatas polo museo  enviaron as súas publicacións: Museo Etnográfico de Castilla y LeónMuseu Valencià d'EtnologiaMuseu d'Etnologia de Barcelona.

Por otra banda a Biblioteca Pública de Ourense fíxonos unha doazón importante de libros editados pola Fundación Barrié , sen esquecer as doazóns que puntualmente fan: Deputación de Ourense, Deputación de Pontevedra e Deputación de Lugo e particulares como Xosé Ramón Estévez e o profesor de Comunicación Audiovisual da Universidad Complutense de Madrid:  Emilio C. García Fenández.

Este ano unha parte importante do tempo adicado á xestión nas bibliotecas de museos consistiu en buscar fondos para que a biblioteca poida seguir medrando e non fique obsoleta, sempre co obxectivo de servir a usuarias e usuarios.

Unha crise de orzamentos lévanos a unha expansión de novas relacións e formas de traballar.